Por que menten os fetichistas do déficit

Sostén o ministro Montoro que os informes de Cáritas alertando sobre o crecemento da pobreza e a exclusión social extrema non describen a realidade porque se basean en medicións estatísticas. Para o señor ministro a única realidade válida existe nos seus números e demostran que a recuperación comezou. Seguramente pensará o mesmo dos recentes informes da OCDE e da UE onde se acredita que España é o país onde máis aumentou a desigualdade durante a Gran Recesión. Menudencias estatísticas, a realidade vai ben. Non cumprimos o obxectivo de déficit, pero só por algo máis dunha décima. A cuestión capital de se chegabamos ao 6,5 ou nos pasabamos foi case felizmente resolta. O ceo é o límite.

Para o señor ministro a única realidade válida existe nos seus números e demostran que a recuperación comezou

Durante 2013 en España executáronse 200 desafiuzamentos diarios. Un millón e medio de familias atópanse en risco de exclusión severa. Un millón máis de parados engrosaron as colas do desemprego, catro de cada dez sen recibir ningún tipo de axuda. Xa somos o segundo país de Europa en pobreza infantil, líderes tras Romanía. Por cada bolsa concedida en todos os niveis educativos, desapareceron tres. As nosas sempre febles políticas de innovación e investigación tardarán décadas en recuperarse. O Goberno xa consumiu preto da metade dos oitenta mil millóns que gardaba a hucha llas pensións. Funcionarios, pensionistas ou traballadores gañan menos e pagan máis por recibir menos de todo. Miles de dependentes e as súas familias quedaron abandonados á súa sorte. Poida que non cumprísemos estritamente o obxectivo do déficit, pero o obxectivo do sufrimento foi excedido con fartura.

Pagou a pena? Teñen razón os fetichistas do déficit? Realmente era tan importante para a recuperación económica rebaixar un ou dous puntos máis este ano ou o que vén o déficit público? A resposta é non. Ou mellor dito, a resposta é aínda peor. O custo de oportunidade resultou insoportable. Ademais dos recortes masivos, debemos considerar o impacto que causou sobre a nosa economía a detracción rápida e brutal de semellante volume de recursos.

Poida que non cumprísemos estritamente o obxectivo do déficit, pero o obxectivo do sufrimento foi excedido con fartura

Ao que perdemos, deben sumar canto deixamos de gañar, todas as políticas ás que renunciamos a implementar por rebaixar o déficit un par de puntos máis este ano no canto de facelo cando poidamos. Diranlles que toda esa dor era necesaria. Que sen o equilibrio orzamentario a recuperación non resultaba posible. Só é outra mentira. A contención urxente do déficit só resulta relevante para os posuidores de débeda española. Para unha estratexia sensata de saída da crise era e segue sendo un erro e un dano innecesario. Unha economía en depresión necesita estímulos, non máis castigo.

Os grandes patrimonios e  corporacións viven nun paraíso fiscal chamado España

Pero non se trata dunha mentira inocente ou dun erro de economistas ben intencionados. Cumpre unha función moi útil. Hai cousas que non cambiaron nin durante o peor da recesión. As empresas do IBEX volven gañar diñeiro e pechan 2013 con cincuenta mil millóns en beneficios. Seguimos soportando a enerxía, as comunicacións e os transportes máis caros de Europa. Os grandes patrimonios e corporacións viven nun paraíso fiscal chamado España e durante 2013 mesmo lles ha ir mellor: a loita contra a fraude recadou mil millóns de euros menos que en 2012. As razóns principais que nos conduciron a este desastre seguen intactas e funcionando coma nunca. Somos máis desiguais, os nosos oligopolios piratas gozan de perfecta saúde e cada día succiónannos máis e mellor e só pagan impostos aqueles que carecen de diñeiro suficiente para non ter que pagalos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.