Por que non escribes en castelán?

Clase de lingua galega en Vigo a finais dos anos 70 © Fondo da Asociación da Prensa de Vigo / Llanos

Sospeito que esta é xa unha pregunta recorrente que me acompañará toda a vida. Acho que non é estraña pra calquera escritor galego, mais recoñezo que no meu caso concorren dúas particularidades que o fan un tanto singular: non son galego nin vivo en Galiza

Sospeito que esta é xa unha pregunta recorrente que me acompañará toda a vida. Acho que non é estraña pra calquera escritor galego, mais recoñezo que no meu caso concorren dúas particularidades que o fan un tanto singular: non son galego –aínda que o compenso sendo galeguista, que é moito mellor que ser simplemente galego–, nin vivo en Galiza. As dúas características que a priori xustifican o uso do galego como escritor: ser galego ou viver en Galiza.

Xa que logo, como defendo a miña decisión lingüística? A resposta é tan sinxela coma incuestionábel –ao meu ver–: porque o galego é a lingua que máis me gosta das tres opcións idiomáticas posíbeis no meu caso: castelán, galego e portugués. Parece lóxico pensar que dado que a escritura é un labor que xorde do pracer, fóra dos profesionais que gañan a vida como escritores e teñen obrigas adquiridas cos seus pagadores, o escritor escolla o meio que máis o satisfaga como creador.

Mais que motivos determinan a miña escolla? Porque ninguén pode negar que o galego non pode competir co castelán nin co portugués en prestixio, difusión ou meios.

Refugo o castelán, a miña lingua cotiá, pola súa excesiva delimitación ortográfica e mais gramatical, e a súa sonoridade dura; pro tamén por razóns ideolóxicas: polo seu uso como instrumento de colonización, e por tanto de opresión

E malia estas vantaxes refugo o castelán, a miña lingua cotiá, pola súa excesiva delimitación ortográfica e mais gramatical, e a súa sonoridade dura; pro tamén por razóns ideolóxicas: polo seu uso como instrumento de colonización, e por tanto de opresión. O “supremacismo español” éme particularmente odioso e que leve consigo a implantación uniformadora do castelán como lingua de relación e oficialización non axuda a miña querenza por ela. Amais, o castelán xa non permite as varias opcións morfosintácticas, léxicas e mesmo ortográficas que aínda son posíbeis no galego, e que tan gratas me son.

E tamén desboto o portugués, a nosa lingua xemelga, porque tódolos exemplos que leo de escritores galegos que a usan acaban sendo exemplos de galegospañol con ortografía portuguesa, aínda que se suprima o léxico galego polo portugués e mesmo algúns escritores saiban introducir a morfosintaxe portuguesa nos seus textos

E tamén desboto o portugués, a nosa lingua xemelga, porque tódolos exemplos que leo de escritores galegos que a usan acaban sendo exemplos de galegospañol con ortografía portuguesa, aínda que se suprima o léxico galego polo portugués e mesmo algúns escritores saiban introducir a morfosintaxe portuguesa nos seus textos. Mais as locucións e fraseoloxía en xeral pecan de galegospañol ata o ponto de que un leitor portugués non o recoñeza como propio. Aínda que esta eiva xa a explicou mellor o profesor Fernando Venâncio, e eu, xaora, non sería quen de facelo mellor cós escritores que cuestiono.

Ende ben, atopo a solución no galego, coas súas varias posibilidades morfosintácticas, léxicas e ortográficas que o mostran como unha lingua sen domear de todo, que aínda conserva esa espontaneidade propia das linguas sen normativizar pro que ao mesmo tempo xa posúe tódolos recursos dun idioma normativizado pró seu uso escrito. E foneticamente ten unha sonoridade intermedia, pra min óptima, entre a rudeza do castelán e a melosidade do portugués.

O importante da cuestión é que aínda hoxe, máis de corenta anos despois da cooficialidade do galego, se siga a formular a pregunta que titula o artigo, outra mostra máis da moda involucionista que inza a nosa sociedade

Con todo, as razóns polas que un escritor escribe –e como o fai– son tantas como escritores houbo, hai e haberá, e todas son perfeitamente válidas. Mais pra rebater a argumentación do gosto persoal, sempre aparece a argumentación da utilidade e maila rendibilidade. Resulta anoxoso as veces que me soltan o manido argumento de que se escribese en castelán me podería ler máis xente, obviando o incuestionábel dato de que son millares os escritores en castelán aos que non len fóra das súas casas. É claro que un escritor encontra satisfacción cando o le moita xente, mais o principal leitor da súa obra debe ser el mesmo, se non está razoabelmente satisfeito cos seus escritos non debería esperar que os seus posíbeis leitores sexan máis benévolos. 

Por tanto, en definitiva, dado que eu escribo polo pracer de plasmar nun texto tódolos pensamentos e historias que se me ocorren e coido que merecen ser lembrados, nada mellor que facelo como quero, como me satisfai.

Mais o meu motivo polo que escribo en galego non ten a menor importancia, a quen lle importa? O importante da cuestión é que aínda hoxe, máis de corenta anos despois da cooficialidade do galego, se siga a formular a pregunta que titula o artigo, outra mostra máis da moda involucionista que inza a nosa sociedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.