Por que non me vale este Valedor?

Ao fío da comparecencia do Sr. José Julio Fernández (Valedor, en funcións) no Pleno do Parlamento galego creo que vai sendo hora de abrir un debate ben interesante, estruturado nas dúas mentiras fundamentais que arrodean a institución do Valedor do Pobo.

Ao fío da comparecencia do Sr. José Julio Fernández (Valedor, en funcións) no Pleno do Parlamento galego creo que vai sendo hora de abrir un debate ben interesante

Galiza, coma moitas outras nacións e territorios do Estado ten unha institución propia que debe ser garante da defensa dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas constitucional e internacionalmente recoñecidas que corresponden á cidadanía galega: o Valedor do Pobo.

A situación que se vén dando no seo da institución é tan dramáticamente sinxela que ten un pronto resumo: non hai Valedor. Legalmente, non hai Valedor. Cando o Sr. Benigno López dimitiu ocorreron unha sucesión de renuncias dos Vicevaledores primeira e segundo a encabezar a institución, polo que acabou sendo Valedor -sempre en funcións- o Vicevaledor terceiro, o Sr. Fernández.

Até aquí a sucesión dos feitos é clara. Cal é o debate entón? Pois o debate vén dado pola situación de limbo legal que rexe nesa institución. O Grupo Parlamentar do PPdG rexistrou hai dous anos unha Proposición de Lei de modificación da estrutura do Valedor do Pobo, para a súa tramitación parlamentar polo trámite de urxencia; sendo xustificada esta urxencia pola situación de interinidade na que se atopaba xa naquela altura o Sr. Fernández, aproveitando aqueles pasos para a reorganización eficiente da estrutura da institución do Valedor do Pobo. Primeira mentira.

A vontade do Partido Popular, plasmada no Informe Cora, para a reforma das Administracións Públicas, que encargou o Goberno Rajoy, é a de suprimir o Valedor do Pobo, propoñendo a asunción plena das competencias deste polo Defensor del Pueblo do Estado; todo isto en aras do aforro no orzamento galego, que se vería incrementado para outras partidas ao non ter que soster unha institución duplicada. Segunda mentira.

A vontade do Partido Popular, plasmada no Informe Cora, para a reforma das Administracións Públicas, que encargou o Goberno Rajoy, é a de suprimir o Valedor do Pobo

Chegados a este punto só fica desmontar as mentiras e aclarar a situación da institución, que non é outra que a preconstitución da proba desexada polo Partido Popular para chapodar unha Valedoría que atende sobre 22000 expedientes de queixas de cidadáns e cidadás ao ano, baixo o principio da territorialidade.

A Lei do Valedor do Pobo dí que se iniciará no prazo dun mes o procedemento de elección dun novo Valedor. O Sr. López dimitiu en Maio do 2012 e non se iniciou polo Parlamento -no que o PPdG ostenta a maioría- o procedemento para designar novo Valedor ou Valedora do Pobo, polo que se está a conculcar a lexislación vixente. Mais, logo da aprobación da Lei de modificación da estrutura do Valedor, a que rexe é esa Lei, non? Pois non, non rexe, porque a modificación establece na súa Disposición Derradeira Segunda que a Lei entrará en vigor ao día seguinte da toma de posesión no seu cargo dun Valedor do Pobo titular, e temos un Valedor que leva en funcións dous anos cando a Lei prevé non máis dun mes porque o Partido Popular non quere iniciar os trámites de novo nomeamento.

Na mesma Lei créanse as figuras do adxunto ao Valedor, da Secretaría Xeral -ligada ao Adxunto- e dos catro asesores adscritos á oficina do Valedor

E isto lévame á segunda mentira: o aforro. A Lei do Valedor do Pobo establece que o titular estará auxiliado por ata un máximo de tres Vicevaledores, como era o caso até o momento da dimisión do Sr. Benigno López; estando o persoal ao servizo do Valedor sometido ao cadro de persoal do Parlamento galego. Coa Lei de modificación da estrutura do PPdG, publicada no DOG e no BOE mais en vacatio legis sine die, elimínanse as Vicevaledorías ofrecendo un maior aforro, e pola contra, na mesma Lei, créanse as figuras do adxunto ao Valedor, da Secretaría Xeral -ligada ao Adxunto- e dos catro asesores adscritos á oficina do Valedor; polo que é pouco críbel a teoría do aforro que emana desa brillante Subcomisión de Duplicidades da CORA.

A realidade, en síntese, é que temos ao Vicevaledor 3º -figura inexistente na reforma legal do PPdG- facendo as funcións de Valedor do Pobo

A realidade, en síntese, é que temos ao Vicevaledor 3º -figura inexistente na reforma legal do PPdG- facendo as funcións de Valedor do Pobo, quen tiña que ser nomeado hai case dous anos polo Parlamento galego -que domina o PPdG-, que ademáis está incumprindo a Lei da institución por non ter Vicevaledores -en aras dun aforro virtual- mais que sí ten asesores na súa oficina -cumprindo coa reforma estrutural que aínda non entrou en vigor-, actuando, case, en fraude de lei.

Dixo naquela altura o deputado Alfredo Suárez Canal que a tramitación da modificación da Lei do Valedor do Pobo era "a representación dunha película, unha caricatura da democracia". Eu, hoxe, con todo o que está a pasar, así o creo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.