Coa crise da Monarquía e a decisión da sociedade catalana de decidir libremente o seu futuro nacional, previsíbelmente achégase unha crise de estado e unha refundación ou reformulación dun xeito ou doutro. Enfrontamos novamente decisións estratéxicas do mesmo xeito que as afrontamos hai corenta anos. Como ficará Galiza nesa nova reestructuración? Ou, dito doutra maneira, que fará a sociedade galega? Terá capacidade para decidir o seu futuro nesa conxuntura?
E quen non acredite en que estamos indo xa cara esa nova situación concordará en que a dereita española xa ten decididas as armas políticas e ideolóxicas para manterse no poder: mellora da economía e nacionalismo. Dunha banda, agardar a que aparezan síntomas de mellora da actividade económica e unha sociedade debilitada e traumatizada se lle entregue novamente e, doutra banda, seguir recentralizando e reafirmar a “indisolúbel unidade da gran nación española” fronte aos nacionalismos vasco e catalán. A utilización de calquera conflicto ao que se lle poda chamar “terrorismo” é o sal e a pementa dese guiso.
O QUE TEMOS POR DIANTE NESE MARCO POLÍTICO xa non é a reforma do Estatuto de Autonomía, como quería o goberno bipartito do PSdeG e BNG e ao que se opuxo o PP, senón defender a mesma existencia da Galiza, a desaparición do noso país como proxecto político. O marco estatal dentro do que estamos pretende afogarnos.
O que Feijóo pretende é transformar definitivamente a autonomía nunha deputación, unha mera plataforma que lle sirva para dar el un pincho a Madrid, liquidar politicamente definitivamente a Galiza, un trofeo ao servizo da súa carreira política
O RECORTE DE DEPUTADOS QUERE SER A MORTE DA AUTONOMÍA. Desde a recuperación do recoñecemento como nacionalidade e o dereito á autonomía non se deu un atentado contra a nosa autonomía tan claro como este. A mutilación do Parlamento ten dúas lecturas, as dúas gravísimas. Trátase, primeiro, é un truco totalitario utilizar as regras da democracia representativa para acabar coa propia democracia. E, segundo, o vaciamento do noso Parlamento é consecuencia do vaciamento político do autogoberno. O que Feijóo pretende é transformar definitivamente a autonomía nunha deputación, unha mera plataforma que lle sirva para dar el un pincho a Madrid, liquidar politicamente definitivamente a Galiza, un trofeo ao servizo da súa carreira política.
QUEN CREOU E QUEN CREA O PROXECTO COMÚN, NACIONAL da Galiza senón os galeguistas? Foi o galeguismo quen defendeu a existencia do noso país cando se liquidou definitivamente o Reino partido e perdido nunha faramallada das provincias. Foron Faraldo, Rosalía, Murguía..., quen desde o inicio lle deron un contido político ao galeguismo, desde a “proclama da constitución da Xunta do Goberno Provisional de Galicia”. O galeguismo naceu directamente do humanismo de Sarmiento e da conciencia cívica de Faraldo e Murguía, posteriormente avanzou en diversas correntes políticas, fíos que se tecen e destecen, mais por consistir en pensar descolonizadamente desde aquí conduciu a crear forzas políticas propias.
A LIÑA DO GALEGUISMO FOI ROTA POLA GUERRA, perviviu únicamente como realidade virtual no exilio co Consello da Galiza representado na figura de Castelao.
Piñeiro non continuou esa liña, rompeu o fío do galeguismo histórico e republicano e fundou outra. Unha nova liña que se remitiu ao Risco dos anos vinte, unha liña moi reaccionaria pois o propio galeguismo conservador de Brañas comprendía que era necesaria a acción política. Sen dúbida o contexto opresivo da posguerra e o contexto internacional influiron nesa decisión, porén non se tería dado tampouco sen a complexa personalidade de Piñeiro.
Galiza precisaba daquela e precisa hoxe expresión política colectiva e, na práctica, o camiño do piñeirismo foi unha rendición histórica.
O resultado da renuncia a organizacións e política propia foi o desarme político da Galiza. Deslexitimar e romper co Consello da Galiza e renunciar ao PG tivo como consecuencia chegar á Transición con total debilidade para reafirmar a existencia colectiva e defender os lexítimos intereses particulares. As persoas e as figuras políticas pasan, a continuidade nacional só existe en proxectos colectivos. Galiza precisaba daquela e precisa hoxe expresión política colectiva e, na práctica, o camiño do piñeirismo foi unha rendición histórica.
O QUE GARANTE A EXISTENCIA DUN PAÍS non é o marco xurídico que estea vixente nun momento concreto senón o posuir proxectos políticos propios, e isto quere dicir organizacións propias. Euskadi, Catalunya ou Escocia xa son nacións malia non contar neste momento con estructuras de estado propiamente. Sexan o que sexan os estados hoxe dentro da Europa e no mundo.
A propia Galiza podería ter existido todos estes anos nacionalmente, e moito mellor nos tería ido, se a autonomía estivera gobernada por partidos galegos, cousa que ocorreu en Euskadi e Catalunya. Con independencia de que as políticas varíen segundo os partidos sexan conservadores ou progresistas o resultado tería sido infinitamente mellor para a Galiza. Con cada desastre que padecemos, sexa a desaparición do sistema financieiro galego, o prezo do leite, o futuro do sector naval sexa..., temos que lamentar a nosa pouca forza politicamente: a debilidade do nacionalismo galego.
Galiza, hoxe, existe políticamente grazas a ter unha organización e unha política propia. Iso sábeno ben a dereita nacionalista española.
O ÚNICO QUE ARESTORA MANTÉN A EXISTENCIA NACIONAL GALEGA son as organizacións soberanas propias. Arestora , Galiza pode verse a si propia como nación e pode ser vista por España enteira para si mesma e para a España únicamente grazas ás dúas actas de deputados do BNG nas cortes. Galiza, hoxe, existe políticamente grazas a ter unha organización e unha política propia. Iso sábeno ben a dereita nacionalista española.
A XUNTA BIPARTITA presidida por Touriño, malia as súas insuficiencisas e o fracaso electoral, fixo políticas beneficiosas para a sociedade, isto pódeo ver agora quen padece a Feijóo: as solucións aos nosos problemas colectivos sempre han pedir alianzas e pactos con partidos estatais, así foi e seguramente así ha ser no futuro próximo. Mais só pensando o mundo e o tempo desde aquí, descolonizadamente, poderemos construir un país digno para vivir.
O galeguismo político, o nacionalismo galego, élle imprescindíbel a esta sociedade. O proceso de acumulación de forzas e de lento madurecemento, lento de máis, que conduciu ao BNG e que viviu o pasado episodio de explosión xa fica atrás.
É NECESARIO CONVERXER DE NOVO aprendendo dos erros e deixando os personalismos. Importan as persoas, son decisivas as organizacións.
Porén, as organizacións non están feitas de ideas abstractas senón de persoas e cando hai un conflicto de posturas e de ideas é un conflicto persoal, unha ruptura nunha organización é sempre traumática. As feridas e ofensas persoais non se esquecen dun día para outro e os militantes frecuentemente pasan a vivir esas experiencias traumáticas dun xeito obsesivo, como a primeira e única realidade, deixando nun segundo plano as ideas primeiras que os levaran a construir unha organización de esquerdas e galeguista.
Non podemos pedir que unha organización política que sexa o suficientemente ampla para ser socialmente útil nos exprese completamente a ninguén
ANTE UN “TSUNAMI” POLÍTICO. Mais a historia nos apreta e non temos tempo. Non podemos pedir que unha organización política que sexa o suficientemente ampla para ser socialmente útil nos exprese completamente a ninguén, cada un somos un mundo e non vai existir un partido para cada un. Precisamos reconstruir a unidade, reconstruir un BNG que vaia evolucionando coa sociedade e no que caiban todas as persoas que crean nun programa para que este país sobreviva ao ciclón político que se aveciña.
ESTE É UN MOMENTO HISTÓRICO para a existencia da Galiza, obríganos a todos. Non se pode falar polos que non están aquí mais estou convencido de que hoxe Ánxel Casal, Castelao, Bóveda, Suárez Picallo..., estarían no BNG. Non quero mitificar esas figuras como un absoluto, con todo eses cidadáns tan dignos danme unha referencia e sitúanme na historia do meu país e dinme onde hai que achegar forzas.