A plena consciencia das dificultades dun pacto deste tipo dadas, por caso, as distintas posicións das partes que deberían intervir e apoiar non debe impedir que se subliñe a súa necesidade nas circunstancias actuais de enormes incertezas e crecente desigualdade na distribución das rendas.
As incertezas acompáñanse dunha caída da renda nacional que descansa maiormente sobre as rendas do traballo (-3,5%) xa que as rendas de capital -especialmente as rendas mais altas- están acadando un nivel de ganancias que non ten correspondencia coa actual situación recesiva. Unha dispar evolución que avala a necesidade dunha revisión do actual reparto da renda nacional orientado a un mais equitativo
Por se non fosen suficientes a recesión económica e a pandemia da COVID.19 agora a guerra en Ucraína ven a castigar aínda mais a actividade e as rendas. En concreto esta última viu engadir a crise de demanda un crise de oferta con alteracións negativas da cadea global de subministros que, entre outros fenómenos, está provocando tanto problemas de abastecementos en produtos relevantes como os alimentos e os carburantes como unha elevada inflación no que tamén incide a actitude dos especuladores.
Unha situación que, entre outros problemas, está creando unha enorme incerteza, por caso, sobre a evolución de actividade e o emprego pero tamén da inflación que está medrando dun xeito moi alarmante. Neste último caso aínda que a "inflación subxacente" ten un peso moi relevante na súa alza o que leva a pensar que o fenómeno é temporal e que no 2023 a inflación volverá a valores mais normais, os riscos e, xa que logo, as incertezas están aí. Unhas incertezas que animan aos que veñen reclamando un endurecemento da política monetaria con unha suba dos tipos de xuro. Unha medida que tería efectos moi negativos sobre o consumo e o investimentos privado pero tamén sobre as débedas públicas e privadas. Paralelamente a alta inflación desperta entre as clases traballadoras a lóxica e xusta reivindicación dunha alza de salarios -indexación- que compense a perda de poder adquisitivo. Pero en ámbolos dous casos se corre o risco de realimentar o proceso inflacionista.
Unhas incertezas que se acompañan dunha caída da renda nacional -a prezos constantes- pero que descansa maiormente sobre as rendas do traballo (-3,5%) xa que as rendas de capital -especialmente as rendas mais altas- están acadando un nivel de ganancias que non ten correspondencia coa actual situación recesiva. Unha dispar evolución que avala a necesidade dunha revisión do actual reparto da renda nacional orientado a un mais equitativo: un PACTO DE RENDAS. Unha necesidade avaliada pola evidencia de que a constante devalación das rendas do traballo frea o crecemento da economía e so favorece a un pequeno grupo de empresas (IBX35). Neste enfoque tal pacto de rendas ten que ir mais aló dos temas salariais e afrontar outros como a negociación colectiva, a formación ocupacional, a xornada laboral, a fiscalizade e a economía somerxida, a desigualdade de xénero, os custos da externalización da produción...
Un PACTO DE RENDAS que aposte por fortalecer e estender a negociación colectiva: hai moit@s traballador@s que se quedan fora e que son, ademais, os mais castigados pola desigualdade salarial e a inflación. Que tamén teña en consideración a caída dos marxes de beneficios de moitas pemes que non foron quen de trasladar plenamente o incremento dos custos aos prezos.
Un PACTO DE RENDAS que atenda ao forte auxe que están collendo as NTIC e o seu previsible impacto sobre o emprego. Unha atención que debe pasar por progresivas reducións da xornada laboral negociadas entre administracións públicas, empresarios e traballadores. Negociacións que deben encadrarse no marco dunha forte intervención do sector público na economía: velaí a urxente necesidade de poñer en marcha a reforma fiscal tantas veces prometida pero nunca cumprida. Unha intervención pública que impulse un papel de vangarda dos gobernos (central e autonómicos) en materias como a formación, a investigación e a innovación.
Un PACTO DE RENDAS que debe incluír tamén compromisos por parte das empresas tanto en materia de protección do emprego como de marxes empresariais: deben poñerse límites tanto ás escandalosas retribucións de directivos e executivos das grandes corporacións -a diferencia entre as retribucións dos directivos e executivos das empresas do IBEX e os salarios mais baixos supera as 2.000 veces- canto ao reparto de dividendos aos accionistas.. A cambio os traballadores poderían aceptar acordos en torno aos incrementos salariais para os vindeiros anos mentres a situación económica non se recupere dunha forma sólida
Un PACTO DE RENDAS, que non se debe circunscribir aos salarios e ao emprego e que debe atender ao distinto impacto recesivo tanto a nivel territorial e sectorial como de fogares. Asi debe procurar, por caso, unha moderación nos actuais prezos de bens básicos como a alimentación, a enerxía e a vivenda, todo elo no marco dunha actuación coordinada entre as distintas administracións públicas (central, autonómicas, locais...).