É evidente que na actualidade o nacionalismo afronta unha encrucillada. En particular, a posición do BNG unha vez pasadas as eleccións xerais deixa un panorama complexo que é preciso resolver. Como dirían os Resentidos, estamos en guerra pero hai que reflexionar.
É evidente que as mudanzas na sociedade galega foron moi fondas nos últimos vinte anos. En particular, o estourido da crise económica e a súa resolución por parte do poder político e financeiro fixo eclosionar un sentimento de cambio sen precedentes nos últimos tempos en todo o Sur de Europa. Fenómenos políticos como o 15M ou a Geraçao à Rasca son a expresión dun descontento popular que eclosiona políticamente nunha nova dialéctica baseada no vello-novo, desplazando os tradicionais debates Galiza-España ou esquerda-dereita. Nese imaxinario colectivo, por desgraza, e posiblemente de xeito inxusto, o BNG ficou do lado do vello.
Non hai lugar para a acumulación de forzas a prol da construción nacional sendo alleos á posibilidade dunha victoria no electoral
Así, na actualidade temos que asumir unha realidade moi dura: os continuos procesos electorais amosan que estamos moi perto de chegar a un fin de ciclo que pode ter consecuencias nefastas para o nacionalismo e para Galiza. No momento histórico actual amósase ademais unha fortísima interdependencia entre o electoral e o social, e cometemos un erro se pensamos que podemos obviar as institucións como espazo de construción de Hexemonía. Hoxe en día non hai lugar para a acumulación de forzas a prol da construción nacional sendo alleos á posibilidade dunha victoria no electoral. Os casos de Escocia, Cataluña ou Quebec amosan a necesidade de construír maiorías electorais e manter o poder das institucións propias, aínda tendo competencias limitadas.
Polo tanto, que facer? Son varios os elementos que, na miña opinión, é preciso reformular:
No curto prazo hai tres elementos a valorar. En primeiro lugar, a sociedade actual intervén políticamente de xeito diferente a como se facía en décadas anteriores. Polo tanto, o modelo organizativo do BNG ten que ser outro, cunha participación áxil e aberta, menos burocratizada, onde as decisións se tomen de xeito colexiado e cada persoa teña o mesmo peso na toma de decisións, sen apriorismos ou grupos organizados que poidan incidir nas decisións en determinada dirección.
A necesidade de que exista un proxecto nacionalista autónomo non é contraditoria coa busca de alianzas electorais coa Marea que contribúan a traer un cambio político
Por outra banda, temos que reflexionar sobre a nosa actual política de alianzas electorais. O BNG ten a grande virtude de ser unha organización ampla, consistente, cun asentamento territorial amplo e moita militancia preparada e con capacidade de traballo. Esta realidade ninguén a discute, ao igual que a necesidade de que exista un proxecto nacionalista autónomo para este país. Agora ben, esta situación non é contraditoria coa búsqueda de alianzas electorais ca Marea que contribúan a traer un cambio político que sería verdadeiramente beneficioso para o país ca expulsión do PP da Xunta de Galiza.
Por último, é evidente que o nacionalismo precisa unha renovación do seu discurso para unha sociedade moderna e urbana. Os últimos procesos electorais amosan claramente como crecentes capas de poboación, sen animadversión algunha contra o nacionalismo, non se sinten interpeladas polo discurso nacionalista clásico. En particular, a mocidade galega non asume como propia a identidade colectiva que o nacionalismo proxecta hoxe en día. Temos que recoñecer esta nova realidade social e traballar para incidir sobre ela.
É fundamental que sexamos quen de debater de xeito fraternal e facendo desaparecer o cainismo que caracterizou o nacionalismo dos últimos tempos
No medio prazo hai que avaliar cal é o horizonte estratéxico do nacionalismo. Sen présa, pero tamén sen medo, temos que ser quen de levar a cabo un proceso de refundación do proxecto nacionalista para Galiza. Neste proceso tamén é importante o recoñecemento de diversos interlocutores, sen vetos e contando con todo aquel que se achegue a este proceso.
Por último, unha cuestión relevante. É fundamental que sexamos quen de debater sobre estas (e outras) cuestións de xeito fraternal e facendo desaparecer o cainismo que caracterizou o nacionalismo dos últimos tempos. Procesos como o de Amio, que supuxeron unha sorte de batalla a morte con catastróficos resultados para a pervivencia de calquera proxecto político, non poden repetirse. Ou entendemos que existen posicións diferentes, todas lexítimas, e que todos traballamos polo mellor para este país, ou senón o percorrido de calquera decisión que tomemos será curto.