Un dos maiores problemas con que se van atopar os gobernos español e galego que saian das urnas nas vindeiras convocatorias electorais 2016 (España: xuño, Galiza: novembro) é a débeda pública que os gobernos precedentes (Mariano Rajoy e Alberto N. Feijoo) deixarán pendente. Unha débeda pública que se disparou durante os mandatos deses gobernos (PP). Unha débeda pública que se disparou a pesar de que, segundo propias declaracións, a rebaixa da mesma deviñera en ser o principal obxectivo político. ”Este goberno esta endebedando ao país ata o infinito. Non podemos ter unha débeda de mais de 700.000 millóns” (Mariano Rajoy, 2009 e 2011). “A economía galega entrou nun círculo virtuoso ao experimentar un crecemento san asentado no control e a diminución do déficit e no freo ao incremento da débeda pública” (A. Núñez Feijoo, 2015).
Vexamos que nos din os datos oficiais. Empecemos pola débeda pública española: se cando Mariano Rajoy acede ao goberno de España (2011) aquela era de 0,74 billóns de euros –equivalentes ao 56% do PIB-, agora (2016) preséntase as eleccións deixando unha débeda de 1,095 billóns de euros -100,1% do PIB- (M. BARBEITOS: “Déficit público e mentiras”. Praza Pública dixital). En apenas cinco anos a débeda pública española disparouse duplicando o seu peso na riqueza nacional. Por si este dato non fora suficiente digamos tamén que durante ese mandato España pagou so en xuros da débeda 121.500 millóns de euros que pasan por seren o terceiro maior gasto orzamentario (M. BARBEITOS: “Débedas públicas, débedas privadas: unha enorme estafa”. Praza Pública). A pesar dos enormes recortes no gasto público –centrados maiormente na atención sanitaria, o ensino, o desemprego, as pensións e a dependencia- M. Rajoy e o seu goberno non foron quen de diminuír a débeda pública.
Se agora nos centramos na débeda pública galega atopámonos con que cando Alberto N. Feijoo acede ao goberno galego (2009) aquela era de 4.900 millóns de euros (M. BARBEITOS: “As débedas públicas como estafa”. Praza Pública), agora neste ano electoral (2016) ascende a 10.300 millóns de euros. Igual que sucedera coa débeda pública española, a débeda pública galega durante os mandatos de Alberto N. Feijoo disparouse, duplicando o seu peso na riqueza nacional. Uns mandatos durante os cales a Xunta de Galiza pagou so en xuros da débeda mais de 1.700 millóns de euros.
En ámbolos dous casos –España, Galiza- hai algunhas coincidencias que convén destacar: 1º. Os pagos da débeda estanse convertendo nunha das partidas mais elevadas dos orzamentos públicos respectivos, 2º. A pesares das durísimas políticas de axuste fiscal e dos elevados pagos realizados as débedas na actualidade son, como se pode ver, moi superiores a cando se empezaron a aplicar aquelas políticas, 3º. Se, ano a ano, os pagos medran o seu peso no gasto público o mesmo sucede co importe da débeda –por citar un caso: se no ano 2009, cunha débeda de 4.900 millóns de euros, a Xunta de Galiza pagou 750 millóns de euros polos servizos da débeda, no ano 2015 pagaría 1.500 millóns de euros ao tempo que a débeda ascendía a 10.300 millóns de euros- Algo que non parecera moi lóxico polo que resulta necesario explicalo: se cada vez –Galiza, España- pagamos mais en servizos da débeda, e gastamos menos en servizos públicos, como é que cada ano debemos mais?
Moi sinxelo de entender. Porque, como consecuencia do austericidio, as administracións públicas cada vez ingresan menos: unhas administracións públicas que dependen maiormente (70%) dos ingresos fiscais procedentes das rendas do traballo. Por que é mentira que as durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial favorezan o crecemento económico e a creación de emprego.
O austericidio que supón reducións no gasto público e reformas laborais que implican reducións nos salarios, combinado con unha moi elevada débeda privada das familias e das pequenas e medianas empresas conducen a unha caída da demanda interna quen prolonga a recesión económica.
Unha recesión económica que incide negativamente nos ingresos fiscais e, xa que logo, dispara o déficit. E co déficit ven a débeda pública. Unha débeda pública que, como xa expliquei noutro artigo (M. BARBEITOS: “Débedas públicas….”) non é financiada polo BCE senón pola grande banca europea –española, alamana, francesa e estadounidense fundamentalmente- que, aproveita esta vantaxe, para esixir elevados xuros que supoñen enormes custos que incrementan o importe das débedas. En España e nos derradeiros vinte anos (1995-2015: gobernos J.M. Aznar, J.L. Zapatero e M. Rajoy) o pago dos xuros (0,477 billóns de euros) representa o 44,4% da débeda pública total a finais do 2015 (1,072 billóns de euros) e supuxeron o 61,37% do incremento da débeda pública entre eses anos (0,778 billóns de euros). En Galicia nos derradeiros seis anos (2009-2015: mandato de A. Núñez Feijoo) o pago dos xuros (1.700 millóns de euros) representa o 16,5% da débeda pública total a finais do 2015 (10.300 millóns de euros) e supuxeron o 31,5% do incremento da débeda pública entre eses anos (5.400 millóns de euros).
Unha evidencia que subliña como os incrementos nas débedas públicas débense aos incrementos nos servizos da mesma e non a maiores gastos en servizos sociais, infraestruturas básicas, etc. Incrementos nos pagos aos bancos e non nos gastos en servizos aos cidadáns quen diminúen. Velaí que se considere, con toda xustiza, que claramente estamos diante de débedas ilexítimas. Por seren débedas adquiridas para beneficiar a unha minoría da poboación –banqueiros e algúns políticos- que ademais é responsable da crise. Por seren débedas que serven para recompensar a quen provocaron a crise.
Débedas públicas –española e galega- que, por estas razóns, deben ser auditadas. Os cidadáns galegos e españois, que soportamos cos nosos impostos eses pagos, temos dereito a saber a orixe destas débedas públicas. Velaí a responsabilidade dos gobernos español e galego que saian das urnas nas vindeiras eleccións: auditar as débedas públicas.
Unhas débedas públicas que son inmorais –por que forzan o desmantelamento do estado de benestar- e inxustas –por que quen as pagan son as poboacións galega e española, non quen causaron a crise-.