Este artigo escribino hai unha semana. Non facía máis que clarexar algunhas das incógnitas arredor de Alternativa Galega de Esquerda e as súas intencións e motivacións. Paréceme oportuno volver sobre el para toda esa xente que votou a AGE mais non está informada dabondo sobre o seu candidato principal e algúns conceptos desta novidosa coalición -mais non inédita na Historia de Galiza-, así como, por suposto e sobre todo, a xente que non a votou só por maior descoñecemento e non porque non fose afín. Deixo por aquí o artigo tal e como o escribín para aquel domingo, con algunhas acoutacións á marxe feitas “a posteriori” cunha primeira lectura do ocorrido, que continuarei en posteriores entregas
O Efecto “Beiras”
Se en algo podemos estar de acordo todos os que seguimos esta campaña que agora chega ao seu fin, tanto os que apoiamos con ilusión esa nova Alternativa Galega de Esquerda como os que non, é que Xosé Manuel Beiras ten irrompido con forza para quedar, e que á súa “provecta idade” tense reinventado a si mesmo e reinventado o nacionalismo galego unhas cantas veces, algunhas sen éxito, mais, desta vez, e na miña opinión persoal, que é a de moitísimos máis, con todo o acerto, intelixencia, oportunidade e necesidade do mundo. Alguén que cofundou a principal forza do nacionalismo galego, que a introduciu no Parlamento e que a levou ás máximas cotas de poder da súa historia (segunda forza política, con 18 deputados); que soubo retirarse a tempo da súa dirección, antes de que o BNG iniciara a deriva que tomou tralo goberno bipartito e até hoxe; alguén que sempre e sobre todo neses últimos e erráticos tempos loitou polo asemblearismo e a máxima “unha voz, un voto”, e polos principios fundacionais da formación frontista á vez que a súa rexeneración; e que nunca deixou de ollar e acompañar os movementos sociais que xordían na esquerda, fosen ou non da man do nacionalismo, tense convertido agora na Galiza na referencia para moita xente, especialmente mocidade coma min, que poden constituír, salvando as múltiples distancias -co denominador común da súa traxectoria de loita antifascista, a súa excelencia intelectual e as súas verbas de liberdade-, José Luis Sampedro en España, Vicenç Navarro na Catalunya, Stephan Hessel en Francia, Pérez Esquivel na Arxentina, ou Eduardo Galeano no Uruguai e máis aló – por certo, todos estes persoeiros, amigos do “vello profesor”, agás, quizais, o xermano-galo. Non son o único que establece tales paralelismos, e Beiras é o candidato mellor valorado entre o seu electorado despois de Feijóo, o máis exitoso nas redes sociais, e o máis querido entre esa mocidade. (O domingo confirmouse esta afirmación, co voto masivo a AGE nas cidades e grandes vilas, algo que se podía percibir tamén na numerosa presenza de xente nova nos mitins, e por algunha enquisa que fixen en institutos, o que me leva a afirmar, sen temor a equivocarme, que foi a forza máis votada entre a xuventude.)
Alguén que rompeu a barreira que impedía ó nacionalismo galego apoiar a un movemento falazmente chamado “españolista” como o 15M, como antes e logo desta coalición seguirían chamando, na súa ignorancia irremediable, “españolistas” a Esquerda Unida, sen coñecelos en absoluto, nin a súa base social, nin a súa soberanía e especifidade como federación libremente asociada, nin a traxectoria de loita antifascista e galeguismo das súas xentes, nin a súa diversidade de pensamentos, agora máis que nunca inexistente no seo do BNG despois da eclosión da súa crise e uniformización por inanición ideolóxica a mans da UPG- ; que non se apoltronou en cadeiras e despachos, consellerías e fundacións; que bebeu dos novos movementos sociais e mal chamados “antisistema” (máis ben “antisistémicos”, ou pro persoas), e que conversou e conversou con todo tipo de xente, tamén coa xente que non orbitaba unicamente na súa constelación máis pechada como fan outros que só atenden os designios do seu embigo, e de organizacións satélites do nacionalismo máis rancio e excluínte (nunca coidei que usaría este termo habitualmente empregado pola dereita máis podre, pero co devir da campaña exacerbáronse de tal modo as posturas dalgúns militantes e tornáronse en actitudes tan ruíns, que amosaron o peor do (tri)partidismo e partitocracia endogámica nacionalista); alguén, insisto, que pasou polo foro social de Porto Alegre, que viaxou e leu e dialogou moito, e que ten a historia e a experiencia política e humana de Xosé Manuel Beiras, estaba chamado a ser, a pesar da súa idade, e de que algúns o crían politicamente acabado, na referencia e a gran sorpresa desta campaña e, a longo prazo, da política galega.
(Confirmouse, Beiras e AGE arrasaron con nove deputados, superando ao BNG e restándolle moitísimos apoios ao PsdG, facéndose co voto desencantado, indeciso ou abstencionista daqueles que non ían xa a apoiar ningún destes partidos, e constituíndose na alternativa para quen quería políticas de esquerda por riba de purismos ideolóxicos estériles. O seu ascenso é, salvando as distancias, similar ao primeiro ascenso de Syriza en Grecia, e tamén pola inutilidade dos demais partidos da oposición para sumar apoios, por unha lei electoral inxusta e un altísimo grao de abstención, quedou ás portas de tornarse en forza chave para facer posible un goberno doutra cor política.)
Eu, que non era ningún dos seus moitos acérrimos admiradores, que non o coñecía de hai moito e non sabía ben da súa traxectoria até que cristalizou a súa figura coa tan cacarexada “escisión do BNG” (moito máis que unha escisión, a creación de algo novo, multiplicador e duradeiro); eu que sempre fun moi crítico coas súas formas e receoso do efecto adurmiñante da razón e anulador da crítica que poden ter os líderes carismáticos e os xeniais comunicadores coma el, despois de escoitalo nos últimos meses, e sobre todo na campaña, expresar en verbas dende aquel 25 de xullo Día da Patria Galega o que eu mesmo levaba pensando dende hai anos, que cómpre a unión de toda a esquerda e todos os sectores sociais agredidos para desaloxar a dereita, por riba de diferenzas de matiz ideolóxicas e sobre todo partidarias; eu, repito, dende a miña perspectiva xuvenil non podo máis que renderme á evidencia de que este home, segundo moitos e moitas a personaxe histórica do nacionalismo galego máis senlleira nos últimos cincuenta anos, digno herdeiro de Castelao e sementador dunha nova fronte que perdurará no tempo e fará historia, é unha das mentes máis lúcidas do panorama actual, sempre á vangarda, e só podo expresar a miña admiración por el e absoluta confianza no “efecto Beiras” que está a arrasar polo País adiante en actos que deixan fóra centos de persoas. Porque este non só se sustenta nas súas dotes de orador e showman, senón nunha sólida formación humana e intelectual, nunha proximidade irrevogable á xente do común, da rúa, e ás voces discordantes, nunha feliz heterodoxia que leva a cuestionalo todo e tamén a si mesmo, con gran socarronería, e unha calidade de ver as cousas antes cós demais, ou polo menos antes có resto dos políticos, esa casta á que el se negou sempre a formar parte, e de trasladar como ninguén as cousas que xa se pedían na rúa á tribuna de orador indignado.
Porque iso é o que é o Beiras: un eterno cidadán indignado, dende o mítico episodio do zapatazo no “parlamentiño de cartón” en 1993 contra a reforma do regulamento da Cámara, que lle valeu a expulsión cal manifestante desaloxado, até a última mais non derradeira que moi sabiamente o ten levado por tódalas televisións, ao proclamar que “Feijóo mata”, algo que xa sabiamos moitos cidadáns pero que parecía que non se atrevía a afirmar ningún político, mesmo os que se din de esquerda. Que tivo e ten os seus erros? Quen non os ten? Que non se pode fiar todo a unha persoa? Ninguén o fai: o movemento político do que é voceiro é unha comunidade de mulleres e homes extenso e diverso, no que conflúen sensibilidades e tradicións moi distintas, pero sempre nas coordenadas da esquerda e da defensa da nosa terra, cunha morea de ideas e propostas e unha bagaxe que van facer moito ben pola política galega cando entren “ó asalto” no “Parlamentiño”, do que Beiras é apenas o líder carismático, o gancho comunicativo e a atracción, mais tamén a figura histórica e persoal que moitos necesitaban para “alistarse” na revolución. Nin máis nin menos. Digamos que Beiras é o referente que deu o pasiño valente que necesitaba o pobo galego, historicamente adurmiñado e que recentemente volve espertar novamente con forza, para arrastrar unha maré de unión na indignación e na formulación de alternativas que xa existía previamente na rúa, e que o “vello profesor”, como o chaman e chamamos, só necesitaba callar nunha forza política que fose tamén movemento social. De momento conta con todo o meu apoio, e seguirá a telo se perdura a súa coherencia. (E polo momento, continúa esta tendencia de voceiro da indignación e alternativas sociais, pois xa ten expresado claramente, xunto a Yolanda Díaz, a súa intención de acompañar á sociedade e deixar que o “empregue” como correa de transmisión das súas iniciativas. Esperemos que a práctica sexa tan satisfactoria como vén sendo a teoría, esta marabillosa declaración de intencións, nunca tan clara nas coordenadas do nacionalismo de esquerda máis institucionalizado.)
De “indignados” e “indignos”
Disque só Beiras soubo comprender e analizar con lucidez a explosión social que supuxo o 15M, dentro do seu antigo partido, e no seo do Encontro Irmandiño, a corrente crítica que segue liderando, agora xermolo de Anova Irmandade Nacionalista. Mesmo baixou á praza a debater con el@s e coñecer as súas inquedanzas, as dun movemento que cualificou de “explosión democrática”, e mesmo algún xornal “facineroso”, en busca do morbo pero casualmente acertado, expresou que, en correspondencia, o 15M apoiaba a Beiras, no que non é unha declaración oficial dun movemento que todos sabemos que é apartidario, mais si unha dedución máis ou menos lóxica de ver a moitos dos seus integrantes máis activos nas súas filas ou simpatizando con el, dentro dun movemento que ademais o ten invitado varias veces a coloquios, que se ten retroalimentado das súas palabras, e que se identifica nas súas propostas plenamente co programa resumido da nova Alternativa Galega de Esquerda: auditoría da débeda, prioridade dos servizos públicos como sanidade e educación, banca pública, economía sustentable, aluguer social e renda mínima, soberanía alimentar, eliminación de privilexios de Igrexa e políticos, democracia participativa, novo proceso constituínte, nova Lei Electoral xusta, defensa da identidade, lingua e cultura propias, etc. Máis que “reformas”, o que el chama unha “creba do sistema”. Porque, como sempre repite, “os partidos non están para tutelar os movementos sociais e da cidadanía”, nunha actitude paternalista que caracterizou a outros partidos, autoproclamándose a alternativa xa existente, a única alternativa que non podían deixar de votar os “indignados”, mesmo créndoo. As forzas políticas que verdadeiramente se digan de esquerda están para acompañar a cidadanía, que ela soíña sabe, se organiza e presenta alternativas; isto é o que di Beiras e certificamos moitos.
E velaquí radica “a diferencia entre os indignados e os indignos”, a outra teoría do Beiras a respecto deste movemento. Como el sinalaba nun artigo incluído dentro dunha compilación de ensaios sobre este dende a perspectiva galega, “15M: o Pobo indignado”, os “indignados” o son porque son dignos, teñen unha dignidade que protexer, mentres os indignos non teñen de que indignarse, máis que da súa propia hipocrisía. Beiras soubo manterse indignado dende o principio até o final, e aí radica tamén a forza do seu discurso. Por riba das súas virtudes e defectos, Beiras nunca mentiu. Sempre dixo o que pensaba, mesmo foi demasiado sincero para ser político, esquecendo todas as recomendacións do “márketing político” e do “politicamente correcto”. Por descontado, nunca se enriqueceu polo seu labor público, nin moito menos prevaricou con el, e non está a cobrar nada, como o resto de homes e mulleres do seu partido, por ningunha función executiva ou de calquera tipo dentro de Anova, nin representativa no seo da Alternativa. A xente valora que lle digan a verdade, e valora un proxecto tamén en función da credibilidade persoal dos que a levan a cabo. E nisto entra en xogo o conxunto da militancia e simpatizantes de AGE: Xosé Manuel Beiras é o máis parecido a un político que teñen nas súas filas (e para iso non profesionalizado, na medida en que sempre se dedicou e gañou máis coa súa profesión orixinaria, mestre catedrático, que coa súa acción institucional, e dende hai moito exclusivamente co que lle corresponde da primeira), posto que as candidaturas da coalición a forman homes e mulleres absolutamente do común, a maioría das cales nunca antes se presentaran a unhas eleccións, mais que sentiron a necesidade e a chamada da “urxencia nacional” que estabamos vivindo, e decidiron dar o paso.
Porque fronte ás “políticas” indignas do PP cómpre “indignarse”, xa que fica claro que a dereita neoliberal e os seus representados, os señores feudais do século XXI chamados Mercados, son “indignos”; mais tamén dende certos sectores da esquerda amósase indignidade, hipocrisía, cainismo, e non altura de miras neste momento precisamente tan delicado. Probablemente o BNG non tiña feito antes unha campaña extraoficial tan suxa e mesquiña, non só pola ruindade de métodos (quitar carteis, tapar carteis, poñer o autocolante de “vota Bloque” ao lado da súa cara por sistema, aproveitándose da crenza aínda de moita xente maior de que o profesor se presenta pola fronte nacionalista; acoso nos foros de medios de comunicación; nas redes sociais...), senón, e sobre todo, pola identificación absolutamente errónea de AGE como inimigo, coa demonización de Beiras, e o emprego de toda unha serie de argumentos simplistas e falsarios, oportunistas, como a concentración do voto, o suposto españolismo de EU, a suposta galegofobia de compañeiros da esquerda de fóra aos que chamaban “paracaidistas”, mais que só amosaba xenofobia, manipulación e oportunismo por parte dos que vían a palla no ollo alleo mais non a trabe no propio.
Fronte a isto, a campaña de AGE, a máis limitada de cartos de cantos partidos aspiraban seriamente a entrar ao Parlamento, demostrou ser exemplar, tanto polo xogo limpo e a non descalificación do aliado político natural -o resto de forzas opositoras ao PP- como na humildade e máxima “eficacia e eficiencia” co menor número de recursos posible. Case totalmente excluídos dos medios públicos, e en gran parte dos privados (agás principalmente os alternativos), sen orzamento para grandes spots nin shows audiovisuais, a gran baza de AGE foi as súas xentes, as achegas voluntaristas tanto no plano económico e material como no humano e inmaterial, o traballo arreo tódolos días na organización de actos, mítins e encontros coa cidadanía e cos colectivos sociais e asociacións de cada ámbito, dende o naval de Ferrol aos labregos de Ourense, dende as lonxas de Vigo ata os institutos de Lugo; na presenza na rúa e en cada mobilización, sexa quen for o sindicato ou movemento que estivese detrás, sempre que fose unha causa xusta; na presenza constante nas redes sociais virtuais, que fixo de Beiras o máis seguido en Twitter, sendo o seu o de máis recente creación; na orixinalidade das propostas, e na reactivación das esperanzas e da ilusión durmida de moita xente, que de novo volveu crer na política como transformadora de cousas, grazas a que vía veciños e amigos involucrados neste proxecto e nas listas, creando unha bóla de neve que arrastrou cada vez a máis xente, de forma que, se as enquisas iniciais do CIS daban un escano a AGE, agora mesmo e despois do éxito de mobilización da última semana, así como do apoio masivo e explícito de sectores como a cultura, o escenario está completamente aberto e xa non se sabe que teito se pode acadar. Non necesitaba, pois, Alternativa, máis apoios cás súas propias forzas, o seu propio capital humano, así que escribo só agora. Non é preciso máis.
(E, efectivamente, non lle fixo falla moita axuda para superar tódalas expectativas e chegar aos nove escanos, e 200.101 votos. Eses nove escanos traduciranse, como dixen, en nove deputados cidadáns do común: un profesor catedrático, unha avogada, un labrego, un profesor de instituto, dúas enfermeiras, un científico investigador en paro... sen políticos profesionais, sen intereses particulares ou escuros).
“Feijóo mata”
Para quen queira ter máis información sobre o desenvolvemento das propostas e a súa viabilidade, que consulte os documentos políticos extensos dos dous partidos principais en coalición, Anova e Esquerda Unida, así como os dos ecoloxistas EQUO e Espazo Ecosocialista Galego, e, se quere algo máis sintético, empregar menos tempo e ademais vibrar de emoción, pode unicamente ver e escoitar esta entrevista antolóxica ao seu portavoz, a que moitos e moitas consideramos o auténtico “debate”, por riba dos rutineiros e grises monólogos a dous que tiveron lugar durante esta campaña na TVG, cuns discursos xa coñecidos de sobra e unhas actitudes máis que previsíbeis. Ou calquera dos mitins que encheron aforos e deixaron a moita xente coas ganas fóra.
Moit@s se indignaron coas palabras do voceiro de AGE sobre Feijóo. Os de sempre coreaban que iso non se podía dicir, que non se podía comparar o terrorismo cun señor tan insigne como se presupón ha de ser o presidente do noso goberno autonómico, que o tolo de Beiras estaba “incapacitado”, que desbardallaba, etc. Beiras é un mestre no uso da linguaxe cuns determinados efectos, das imaxes e comparacións polémicas, e novamente conseguiu chama-la atención sobre a forma do que dicía, para que a continuación só os máis intelixentes ou quizais menos malintencionados e hipócritas reflexionasen de verdade sobre o fondo do asunto. Cara ao final dunha campaña gris, na que AGE non contou case con publicidade nos medios, nula nas instancias públicas que deberían publicar a tódalas forzas e non só ás parlamentarias, o para algúns exabrupto de Beiras, posibilitou que Alternativa puidese colocarse no foco de atención non só nacional senón tamén estatal, e todo para proclamar unha gran verdade: que os recortes da dereita neoliberal, inspirados na “doutrina do Shock” que xa se puxera en práctica en ditaduras latinoamericanas a partir dos anos setenta, non fan máis que sangrar a poboación. A mellor explicación a deu Beiras na entrevista de V Televisión: entre listas de espera interminábeis para doenzas graves, tratamentos custosos que se van deixar de financiar, inmigrantes sen papeis que se van deixar de atender, e a elevada taxa de suicidios, cada día máis alta grazas á crise ou estafa do sistema (dez ao día en España, 3.500 ao ano, dos cales un diario na Galiza, nin máis nin menos, crecendo un 30% no último ano), o certo é que Feijóo, e por extensión, a dereita ultraneoliberal, mata. “Matan, ou non matan?” (E hai menos dunha semana, Praza veu confirmar o que xa moitos sabiamos.)
“O Pobo, Unido, xamais será vencido”
Este berro, popularizado moito antes entre as masas e cantado excepcionalmente por Quilapayún nos setenta, vén escoitándose de novo con cada vez máis forza en todo tipo de manifestacións, e non só, tamén nas opinións da xente de a pé. Alternativa Galega de Esquerda é, por fin de vez, a expresión política concreta de algo que xa sentía a cidadanía galega hai moito tempo: que a esquerda debía xuntar as súas forzas e esquecer ou deixar nun segundo plano e aparcadas temporalmente as súas diferenzas partidarias, principalmente matices secundarios e prexuízos que entorpecían a acción e a condenaban a non poder derrocar nunca a dereita, e, asemade, non poder devolver o protagonismo da política a quen a merecía, a maioría social agredida polos poderes financeiros, o Pobo, a Cidadanía. Fronte á consigna de algúns, que dicían “Programa, programa, programa!”, eu opoño “Pobo, Pobo, Pobo!”, e únome á petición de altura de miras. Beiras expresou este desexo, que el levaba manifestando dende hai moito, cos seus coñecidos exemplos da Fronte Ampla do Uruguai, e os aínda na oposición pero cada vez máis fortes Syriza e Front de Gauche, ou a máis nosa Fronte Popular estatal na que se integrou o Partido Galeguista, que gañou as últimas eleccións da II República, e que posibilitou a aprobación do Estatuto de Galicia. Daquela a integración, que non asimilación, nunha coalición estatal, provocou unha crise interna do partido que rematou coa escisións dos sectores máis dereitistas. Novamente, comprobamos que a estigmatización como “españolista” que se fai dunha federación soberana e libremente asociada como Esquerda Unida, que recoñece o dereito á libre autodeterminación e sempre defendeu o noso, é outra actitude reaccionaria e rancia máis, tanto se é practicada pola esquerda como se o é pola dereita.
(E disto deuse conta a xente tralas eleccións, castigando a “pureza” do BNG e a súa negativa a participar dunha fronte ampla, sen nin sequera consultar coas bases.)
Xa o dicía Xosé Luís Méndez Ferrín no acto final en Ourense: “os nacionalistas e os comunistas sempre foron da man, e así ten que ser, é ou non é?” E nomeaba ás “pantasmas”, os “mortos” que deron a súa vida por Galiza e as súas xentes, e que nos virían preguntar se fixemos todo o posíbel por eles. Castelao e Soto, en Ourense Benigno Álvarez e Alexandre Bóveda... nacionalistas que se tornaban comunistas, e comunistas que se tornaban nacionalistas, por obra e graza da amizade e afinidade política e sobre todo humana; así como a experiencia da Fronte Popular de 1936, e toda a acción da esquerda durante a II República, que, malia que moitos non queiran saber dela, coas súas virtudes e miserias foi a etapa de liberdade onde se puido aprobar o primeiro Estatuto de Galiza, e se se viu rota, e con ela o anceio de liberdade galeguista, foi precisamente porque o único que podía derrocar á esquerda era un golpe de Estado antidemocrático, fóra das canles da legalidade. Agora que non debemos temer ameazas dese poder militar -disque-, quizais deberiamos rebelarnos contra as barreiras mentais e ofensivas partitocráticas que nos impiden encontrarnos. Mellor o explica o presidente da Real Academia Galega e membro da Fronte Popular Galega, outro dos colectivos integrado en Anova, e polo tanto en AGE, no seu espléndido artigo “Eu, posición Soto”, e basta con lelo para entender que a unión fai a forza, e cómpre responsabilidade histórica e altura de miras para mudar as cousas, especialmente neste momento. AGE non compite co BNG, tense repetido moitas veces estes días desde as súas filas, senón que vai a por ese electorado desencantado que xa non ía votar BNG nin PsdG, nin quizais EU, a polos indecisos e abstencionistas. Se nas últimas eleccións e en todas menos unha, a suma de PsdG e BNG nunca superou ao PP, e as enquisas certificaban que agora ía pasar o mesmo, de quen é a culpa? Como unha nova opción non pode reactivar toda esa cidadanía durmida e animala a votar? Estivémolo vendo as últimas semanas, e ímolo ver hoxe.
(E, en efecto, reactivou a cidadanía, que votou en masa a AGE, compensando o terrible voto castigo a PsdG e BNG, e aminorando en certa maneira o desastre. Tiña medo de arriscar demasiado co meu “presentimento”, pero finalmente fíxose realidade. Arrasou, e descubriu novos caladoiros no voto, mais a incapacidade dos outros para conectar co electorado fixo o resto, e quedamos sen cumprir o obxectivo primordial: botar, “parar” a Feijóo.)
Sexa o que for, a partir de agora ábrese un novo rumbo na política galega. Con Feijóo dentro ou fóra da Xunta, deberemos responder todxs con maior responsabilidade e poñendo o mellor de nós para transformar a realidade. E Alternativa, instalada no Parlamento Galego, deberá presentar unha acción conxunta, un labor de oposición coherente e forte para facer fronte á barbarie, no caso de que a dereita revalide a súa maioría absoluta -ogallá que non-, ou unha oposición igual de forte pero construtiva que vixíe a acción dun goberno de centro-esquerda PsdG-BNG, e o guíe cando o teña que guiar, exercendo plenamente a representación que lle confíen os seus cidadáns. Sexa o que sexa hoxe, que gañe Galiza, que gañe o Pobo Galego, e as demais xentes que viven sobre a nosa terra, que gañen as persoas en definitiva, non os mercados nin os seus mandados.
(E, finalmente, non gañou Galiza. Entre carretaxes de votos, abstención e voto-castigo, ademais do sistema de elección D'Hondt, temos unha maioría aínda máis absoluta e absolutista do PP. Mais temos unha AGE como terceira forza no Parlamento, con nove deputados, o que a obrigará a exercer con aínda máis responsabilidade unha oposición forte e que leve a iniciativa, sen esperar a “facerlle fronte” á dereita.)
Epílogo
E este é un epílogo que vén a reforzar todas as teses anteriores. Adiviñen de quen é.
“Son galeguista i estou orgulloso de selo; pero, a pesares das miñas fondas conviccións políticas, non me atrevería a discutilas sabendo que a discusión podía debilitar a solidaridade dos galegos antifeixistas. Tódolos galegos lle queremos á nosa Terra e todos arelamos liberala i engrandecela. Deixémonos, pois, de retesías. A Galiza mártir é arestora a obsesión de tódolos galegos libres que andamos polo mundo, e ninguén pode desertar da obriga que pesa sobor de nós. Os que vivimos a salvo dos verdugos e gozamos de liberdade non podemos desoír o mandado dos mortos, porque a súa voz resoa constantemente na nosa concencia, e temos que xuntarnos para comprir o noso deber de galegos. ¿O sangue quente dos nosos mártires non correu xunto? Pois entón deben correr xuntas as nosas espranzas, nun só río de vontades”.
Lembrade que antes da traxedia xa nos confundíamos nun mesmo afán. Lembrade que os galegos de esquerda, trunfantes en febreiro do 1936, gañamos o plebiscito do noso Estatuto. Na propaganda conxunta cada un falou co seu propio acento, e todos concordábamos nunha arela común de reivindicacións para o pobo traballador de Galiza. Os galeguistas, os republicanos, os socialistas, os anarquistas, os comunistas, os agrarios (todos libres para manifestar o seu pensamento) sabíamos ocupar con diñidade os nosos postos, e non se rexistrou a máis lene discordia. A concordia nascía, seguramente, porque actuábamos en presencia das realidades galegas, en carne viva diante dos nosos ollos, i esquecíamos diferencias ideolóxicas para xuntarnos nun anceio idéntico de liberación e melloramento da vida galega. Queríamos todos chegar á “síntesis vital”. Esta cordialidade era o anuncio de días felices para o noso país.
Deprendemos a coñecernos os que vivíamos arredados por prexuízos persoaes ou de partido, e axiña nos decatamos de que a unión debía plasmarse no Goberno autónomo de Galiza, coa mesma cordialidade que reinaba nos mitins de propaganda. Aquel propósito -sentido e non formulado- vai realizarse en canto a guerra remate. E vai realizarse nun ambente de comprensión e compenetración insospeitado. A vontade dos mártires que morreron xuntos a man do nemigo común, debe producir a irmandade dos galegos antifeixistas. Máis e mellor que denantes da guerra, porque agora o nome de Galiza está ourelado de santidade i está chamado a producir unha afirmación colectiva capaz de resucitar aquel noso xenio ancestral que foi a mellor gala da Península. Que nos xunte o amor á Terra e que non os arreden as doutrinas importadas, porque os problemas de partido e as ideoloxías de grupo serán a vida latente dunha democracia exemplar, endexamais practicada na Galiza sometida”.
Castelao, Sempre en Galiza. Que tomen nota algúns.