Por unha futura normalidade revolucionaria

Certamente as pandemias son algo co que os europeos levábamos tempo sen enfrontarnos. Moito menos unha de magnitude mundial como a actual. Certamente o espallamento da mesma deberá explicarse máis pola soberbia de Europa que por unha conspiración apocalíptica ou reptiliana. Presentóusenos Europa como a terra da liberdade e a abundancia, contrapóndoa cunha Asia superpoboada e enferma. Presenciamos desde moita distancia a catástrofe sanitaria do ébola, que presentaba unha mortalidade maior á do actual coronavirus. Pero non é só a confianza de occidente con respecto á súa superioridade sanitaria, se non que cando o virus se comezou a expandir púxose por encima da xente ó diñeiro e os negocios. Isto fíxose sen ningún remordemento, de feito Estados Unidos é quizais o exemplo máis palpable deste delirio capitalista onde cada vez máis se impón a lei do máis forte (aínda que non se trate exactamente de fortaleza física, se non de medios económicos). 

Nos momentos iniciais a conxuntura epidemiolóxica obrigou a paralizar a actividade económica, pero isto non foi igual para todos como se nos quere facer ver. A parte dos sanitarios (realmente explotados e denigrados, sendo curioso como compartiron abusos e exposición ó virus coa clase obreira da que adoitan renunciar aspirando a conformar unha especie de elite sanitaria de clase media acomodada...), o que nunca faltou foi a xente que repartía a paquetería, que limpaba, que atendía nos supermercados, que traballaba nas obras ou en infraestruturas enerxéticas... en fin, obreiros, os imprescindibles sen os cales o engranaxe capitalista non podería funcionar. Foi realmente ridículo como os medios de desinformación trataban de mostralos como heroes circunstanciais, obviando a invisibilidade e o insulto constante que sufrían diariamente no pasado. Os invisibles foron apuntados co foco, aínda que sempre foron imprescindibles, non só nas catástrofes. Ademais adoitouse pasar por alto que o virus orixinouse en China, pero quen o propagaron foron aquelas persoas con capacidade económica como para andar asiduamente de aeroporto en aeroporto, algo bastante restritivo para o proletariado. Pero ademais disto é representativo o fenómeno de que incluso nos momentos máis críticos en España se seguise retransmitindo en directo programas como Sálvame e demais trapallada do corazón. Algo realmente macabro, xa que o propio sistema que provoca a inoperancia sanitaria do teu país ten que proxectar a imaxe de que todo segue igual e ten que facer funcionar o circo como se nada pasase. Esta imaxe creo que fala ben as claras do que se está a converter o país por moito que se siga ladrando sobre a democracia e a Unión Europea. A gota que colmou o vaso foi a súplica do goberno para que Europa nos enviase as habituais remesas de turistas. De novo sería importante recordar, quen se expón ante os turistas descerebrados británicos non é o dono da cadea hoteleira, é quen os sirve, que logo ten que vivir ca súa familia porque o seu salario solo lle permite a subsistencia. 

Realmente poucos fenómenos foron capaces de evidenciar tan nitidamente todas as mentiras e as carencias da suposta panacea que é a Europa democrática. Para comezar, o piar fundamental do pensamento occidental é o individualismo. Nada como unha epidemia de propagación interpersoal para desmontar esta conduta antisocial. A non ser que sexas un cabreiro autosuficiente que vives no medio do monte o concepto de individuo absoluto é bastante difícil de aplicar nos nosos tempos. Gústenos ou non somos seres sociais, a relación mutua con outras persoas é algo imprescindible, calquera que non sexa capaz de entender esta verdade realmente ten un problema de falta de capacidade interpretativa da realidade. Por iso a solidariedade e a colectividade deben ser incorporadas no futuro si queremos ter unha vida máis compracente e plena. Outro dos fundamentos que evidenciou o coronavirus foi a relixión do diñeiro. Certamente é triste vivir unha vida de desgustos e fatiga perseguindo a riqueza e a abundancia para que te acabe matando un virus ó que non podes comprar nin sobornar. Por moito diñeiro que teñas amasado, segue a ser imposible poder comprar un billete que te devolva dos brazos da morte. O outro piar que se esnaquizou ante a chegada do coronavirus foi o da existencia e omnipotencia do Estado de Benestar. No plano no que máis foi evidenciado foi o sanitario. O colapso da sanidade pública e a inoperancia da privada demostraron que ese máis que idealizado estado do Benestar desapareceu fai moito tempo. A este respecto é chamativo como aquelas cidades onde a privatización da sanidade estaba máis xeneralizada se atoparon maiores dificultades para conter o colapso sanitario. 

Nun momento como unha pandemia é difícil actuar política ou socialmente (non nos enganemos, poñer algo no twitter ou subir unha foto no instagram é igual de ineficaz como aplaudir nun balcón ou facer unha cacerolada), sendo a única posibilidade viable analizar a situación friamente e tratar de desenredar a maraña de desinformación que se nos pretende impor. Pero o importante é o futuro. Non, a pandemia non foi sufrida por todos de igual maneira. A nosa clase precisa un cambio real, precisan medidas urxentes. Xa antes de marzo de 2020 a sensación de podredume do sistema era case insoportable, pero a xestión ante o coronavirus foi a gota que colmou o vaso. Na esquerda levamos décadas infectados pola pasividade, dando bandazos, autodestruíndonos, converténdonos en grupúsculos diminutos, centrándonos en cuestións secundarias, aceptando a lóxica do capitalismo e a postmodernidade, pero iso debe rematar. Non nos caerá nada que nos salve do ceo, do ceo solo cae mexo mentres nos drogamos e dicimos que chove. Ben vimos que seremos o escudo humano ante calquera catástrofe futura, para as clases superiores os obreiros somos pouco máis que máquinas. Realmente creo que incluso a denominación de proletariado se queda corta. Somos a escravitude asalariada. Non só curramos por soldos precarios en condicións precarias, cedémoslle o noso único ben (o noso tempo) a cambio de que nos denigren e nos borren do relato. A España úrxelle unha revolución, ó mundo úrxelle unha revolución, esta é a lección que nos veu a demostrar o coronavirus. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.