Por unha reforma do entendemento galego

Capa de 'Rexurdimento: a palabra e a idea' © Xerais

Chega corenta anos tarde o profesor Anxo Angueira a repensar a historiografía literaria galega. Empeño loábel de non ser polo ridículo resultado. Corenta anos pasaron desde que a hispanística internacional, en paralelo a un proceso político, establecese un consenso cultural sobre a normalidade histórica e as equivalencias europeas da realidade ibérica. Agora tócalle á literatura galega. 

A tese central do libro establece unha liña de continuidade histórica entre os séculos 18 e 19 para fundar a literatura galega contemporánea [sic] na figura de Martín Sarmiento, quen na interpretación do autor foi un frade reformista, anticlerical, feminista, místico, defensor dos proletarios etc. 

É coñecido o conto do asistente a unha conferencia que nada máis comezar interrompe a exposición para facer unha aclaración rigorosa; moi educadamente róganlle que agarde até a fin pois entón, en perspectiva, todo terá un maior sentido. No final esta persoa xa non ten aclaración ningunha que facer, pois foi tal a cadea de erros que se foron sucedendo que a pertinente aclaración inicial quedaba asolagada nun mar de mentiras e confusións. A mesma sensación de impotencia terá o lector da investigación do profesor Angueira. 

Pensar desde Galicia con categorías emprestadas que nada significan na nosa tradición: Humanismo, Renacemento, Crítica, Modernidade, Liberdade... non é cousa sinxela; a falta de reformas relixiosas, políticas, intelectuais e sociais maniféstase até o día de hoxe. Moi desvalidos temos que estar para considerar a un desgraciado cura de aldea como representante patrio da Crítica setecentista ou a un pobre divertimento folclórico como basilar dunha literatura nacional. 

Por sorte para nós, esta teleolóxica proposta nada ten a ver co proxecto político e estético dos pioneiros da literatura clásica galega moderna. Un país pode, con todas as dificultades, ter autores literarios; o realmente meritorio, e o que distingue aos países solventes dos que non, é ter críticos. A tradición crítica de Galicia debe contar cun autor como Ángel Rama, fillo de exiliados galegos, de quen aprendemos que é a crítica literaria a que ten a función de construír a literatura, expresión de toda unha nación. Os esquerdistas posmodernos, os que enteden a crítica nun sentido débil e que traballan como axentes da industria literaria e da máquina académica ao servizo dun poder ao que aseguran opoñerse e que lle negan toda función social, só baleiran día tras día o noso tempo histórico. 

A Historia e a Crítica da literatura galega están por facer e non será unha tarefa sinxela. Acontece en primeirísimo lugar que os materiais son escasos; todos falamos que textos que obviamente non lemos, e non o facemos porque sinxelamente non se poden atopar e que cando se atopan son en edicións que desvirtuan os orixinais. Acontece tamén, que a bibliografía repite tópicos que semellan eternos e que non temos ningún lector soberano con capacidade para saltar por riba deles e dicir Verdade. 

Mais tamén digo que temos dabondo, temos intuicións de xente que nos precedeu e fixo máis do que puido: os ensaios de V. Risco, o maxisterio de Otero Pedrayo, a Historia de Fernández del Riego... E temos disciplinas como a Historia das ideas. O que de ningún xeito precisamos é de máis profesores a la violeta, dos pequenos grandes nomes do poder rexional que nos expliquen aquilo que eles mesmos a duras penas alcanzan a comprender. 

Despois de liquidada a alta cultura galega do século 12 (o noso paraíso perdido e o escenario do primeiro esclarecemento europeo), xunto coas altas culturas islámica e xudaica a maior gloria dunha monarquía hispánica excluínte, non será até o oitocentos cando nun contexto linguístico, político, económico e social de contradicións e violencias, de novos poderes imperiais e de novas formas de organización social, no noroeste peninsular, aquí onde comezan as historias do home, a posibilidade dunha nova vida se abrise paso. 

Sarmiento é un épsilon, unha forma de perder o tempo. O momento da literatura galega moderna é o Romantismo: é unha literatura que dialoga coas filosofías da historia de Hegel e de Herder, con Marx e coa Comuna de Paris; e que se ilumina co mesianismo de Walter Benjamin, coa crítica da razón colonial de Aimé Césaire ou coa pintura fantasmagórica de Jorge Castillo. 

O proxecto radical de redenzón do pobo galego que desenvolveron Pondal, Rosalía de Castro, Aurelio Aguire, Leiras Pulpeiro... é utópico: nun mundo rexido polo Mal, a vida humana pode facerse plena. Para todo o demais, dicimos con Curros: así non se vai a ningures.

Capa de 'Rexurdimento: a palabra e a idea' © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.