Segundo o CIS, o número de persoas practicantes de todas as relixións parece estar claramente por debaixo do 30% do conxunto da cidadanía. Tendo en conta que o 25% se declara non crente, parece xustificado preguntarnos se España é un país propiamente católico. Despois de todo, a secularización parece seguir avanzando e o número dos non crentes está a aproximarse ao dos practicantes. Isto non quita que a semana santa sexa unha festividade de gran relevancia social, aínda que non sempre por motivos estritamente espirituais.
Así que as nosas autoridades públicas, obviamente preocupadas polo impacto electoral dos seus actos, non dubidan en implicarse con desenvoltura nas cerimonias relixiosas. Nesta semana santa puidemos ver a participación do rei, de membros dos gobernos de España e autonómicos, de alcaldes, de concelleiros e de militares. Particularmente rechamante foi a actuación da lexión, que exhibe unha estética chocante, impropia dun Estado europeo occidental do século XXI. Por outra banda, as televisións e as radios públicas, non contentas co seu carácter gobernamental de facto, convertéronse ademais, en moitos casos, en verdadeiras canles confesionais.
Tamén é significativo que a fixación dos calendarios laboral e escolar estea tan condicionada polas celebracións católicas como a da semana santa. No caso das festas, historicamente ligadas á relixión maioritaria, é obvio que non se poden evitar certas discriminacións indirectas. Pero é sensato que a maior parte das nosas festas laborais sexan celebracións católicas? É razoábel que o Día da Muller, o 8 de marzo, non fose festa laboral, pero que si o vaia ser o 8 de decembro para podermos celebrar a inmaculada concepción da virxe María (sic)? A todo isto, un grave andazo de amnesia afectou os nosos irados defensores da Constitución, ningún dos cales foi quen de lembrar estes días o artigo 16.3 da lei fundamental.
Precisamos un modelo de gobernanza laica que se adapte á secularización, á nosa diversidade nos planos moral e relixioso. Por iso sería unha mostra de intelixencia colectiva dotarnos dun código protocolario que minimice a coloración relixiosa dos actos públicos
Estamos moi condicionados pola nosa senda nacionalcatólica, reinventada ao abeiro da Constitución, dos acordos de 1979 e da lexislación en materia relixiosa. Pero os tempos cambian e o contexto relixioso é cada vez máis plural, polo que é posíbel que as prácticas militantemente confesionais dos poderes públicos dificulten a cohesión da comunidade política. Non é doado, desde logo, atoparmos un equilibrio entre a laicidade e mais a nosa tradición católica. Pero debemos preguntarnos se as autoridades públicas fomentan a conciencia de pertencermos a un Estado non confesional e nos invitan a adherirnos a principios superiores en que todos, crentes e non crentes, poidamos recoñecernos.
Unha democracia sólida é unha democracia dúctil. Precisamos un modelo de gobernanza laica que se adapte á secularización, á nosa diversidade nos planos moral e relixioso. Por iso sería unha mostra de intelixencia colectiva dotarnos dun código protocolario que minimice a coloración relixiosa dos actos públicos e que restrinxa a presenza dos representantes das institucións públicas en cerimonias relixiosas. Durante a semana santa, a bandeira de España foi izada a media hasta nos edificios militares, incluída a sede do Ministerio de Defensa. Enténdese que foi pola execución de Xesús de Nazaret hai dous mil anos. É así como separamos aquí o Estado da relixión?