Portugal, un novo aviso (e xa van varios)

André Ventura (Chega) © Chega

Os resultados das eleccións portuguesas, celebradas despois doutras que no último tempo teñen acontecido noutros estados da Unión, veñen a amosar que a esquerda en xeral e a socialdemocracia en particular teñen un grave problema de reubicación no novo tempo

As cousas teñen a súa explicación. A cuestión é atopala.

En Portugal, como en calquera sitio, cando a xerra (da corrupción) vai tanto a fonte (da desafección) xa se sabe, desaparece a socialdemocracia e aparece o extremismo populista.

A falta por asignar 4 dos 230 escanos da Asemblea Nacional as eleccións lexislativas portuguesas avisan dos tempos que corren.

En dous anos escasos o escenario político portugués ten dado un xiro extraordinario.

Os resultados das eleccións portuguesas, celebradas despois doutras que no último tempo teñen acontecido noutros estados da Unión, veñen a amosar que a esquerda en xeral e a socialdemocracia en particular teñen un grave problema de reubicación no novo tempo.

A vitoria do centro-dereita non é suficiente para gobernar sen acordos (o PSD tiña 77 escanos e vai ter 79 / IL tiña 8 escanos e 8 segue a ter).

Está por ver si Chega se asenta no espazo de representatividade gobernamental, como o están a facer outras fórmulas populistas de dereita extrema, ou se, como en Vox, predomina o seu frikismo

O gran triunfador da xornada é Chega (que pasa de 12 a 48 escanos). A extrema dereita en Europa está a xogar a función antisistema (antiliberal) que antes xogaba os partidos comunistas, consolidando o seu proxecto político e electoral. Mesmo en varios países o bipartidismo centro esquerda - centro dereita está a ser substituído por un bipartidismo centro dereita - extrema dereita.

En todo caso, está por ver si Chega se asenta no espazo de representatividade gobernamental, como o están a facer outras fórmulas populistas de dereita extrema, ou se, como en Vox, predomina o seu frikismo que o leva, como en España, camiño de volta á irrelevancia.

O gran derrotado, sen paliativos, é o PS (que pasa de 120 a 77 escanos). En Portugal a aposta do PS por un candidato populista, tipo Sánchez ou Melenchòn, tenos levado ao mesmo punto, o peor escenario: na ilusión de que as cousas non van mal de todo

O gran derrotado, sen paliativos, é o PS (que pasa de 120 a 77 escanos). En Portugal a aposta do PS por un candidato populista, tipo Sánchez ou Melenchòn, tenos levado ao mesmo punto, o peor escenario: na ilusión de que as cousas non van mal de todo. Veremos se agora facilitan o goberno do PSD ou prefiren, como aquí, que os extremos marquen os ritmos e a gobernabilidade.

Polo demais, a suba de participación - histórica - demostra que tampouco en Portugal queda validada esa 'teoría' ridícula de que a maior participación mellor resultado para a esquerda.

A esquerda máis radical que hai dúas lexislaturas foi central na maioría de progreso segue a coquetear co extra parlamentarismo (Bloco 5 e PCP 4 escanos).

O caso do PCP é moi simbólico. Chave no último medio século da vida política portuguesa perde boa parte do seu electorado para a extrema dereita, como hai anos pasoulle ao PCF

O caso do PCP é moi simbólico. Chave no último medio século da vida política portuguesa perde boa parte do seu electorado para a extrema dereita, como hai anos pasoulle ao PCF. Se non había moita lóxica en perder o pé da perestroika, trinta anos despois defender o imperialismo ruso en Ucraína non tiña pes nin cabeza. Nin para un partido con semellante historia.

Polo demais, Portugal seguirá a ser o único país do mundo onde gobernará un partido de dereita que se chama socialdemócrata. E iso, e outras moitas cousas, fano especial.

Con respecto a nós. Sempre deberiamos estar interesados en como lle vai aos nosos veciños tras o Miño. 

O estado moderno español configurouse nunha alianza sempre fráxil entre a mirada ao Mediterráneo (coroa de Aragón) e a mirada ao Atlántico (coroa de Castela). Por iso para os intereses dos galegos e das galegas, Portugal sempre será un aliado e as comunidades mediterráneas do Estado un adversario. No desenvolvemento da nosa economía sería importante que o novo primeiro ministro cumpra co compromiso electoral de priorizar a alta velocidade con Vigo, en lugar de con Madrid.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.