PP-PSOE:o mesmo problema.

O fracaso do actual modelo institucional español é o fracaso da súa colonización pola burocracia bipartidista PP-PSOE. Un modelo que xurdiu con forza das eleccións do 1982, aproveitando o afundimento da UCD e do PCE e abeirándose nun inxusto sistema D´Hondt que beneficia os gañadores relativos e, en máis reducida medida, as segundas forzas. Mais este plus de representatividade institucional converteuse en quasemonopolio institucional a partires da xeralización do “café para todos” autonómico, do mantemento das Deputacións como contrapeso aos novos poderes territoriais e da vergoñenta colonización, mesmo parasitaria, de institucións que haberían ser independentes: Tribunal Constitucional, Consello do Poder Xudicial, Tribunal de Contas…

PP e PSOE priorizan a obediencia ao xefe sobre calquera cualidade profesional, académica ou política dos seus militantes

O asalto ás institucions da burocracia dos dous grandes partidos desenvolveuse a carón dunha estricta xerarquia partitocrática.  Dende primeiros dos 80, PP e PSOE priorizan a obediencia ao xefe sobre calquera cualidade profesional, académica ou política dos seus militantes. Velaí o resultado: persoas sen perfil nin currículo social ou profesional parasitan nas estruturas institucionais sen que nunca estean dispostos a se retirar á sua carreira ou posto civil, pois que moitos deles non o teñen. Esta caste de persoas fará o preciso para continuar na súa carreira de políticos profesionais co PP e co PSOE, que lles garanten unha continuidade e ulterior xubilacion cómodas, sempre que amosen non pensar por si propios, como si fixeron persoas como o ex ministro Pimentel.

E velaí o resultado: listas pechadas, sistema D'Hondt, limites cuantitativos do 5% que xeran resultados moi pouco proporcionais, candidatos que non se escollen en primarias ou éstas desenvólvense  excluíndo á cidadanía.

A gravísima recesión actual manifestou, tamén, o esgotamento do modelo institucional español da transición: o emperador vai espido.

A ARRINCADEIRA : Assad segue a asasinar impunemente na Siria.

A complicidade da ditadura chinesa e da protoditadura rusa e máis a falla de decisión dos USA e da UE permítelle ao ditador Bashar al-Assad continuar coa masacre da poboación civil siria, onte en Damasco e hoxe en Alepo. E contra os ditadores xenocidas non hai máis medidas que as de illamento internacional e mesmo o uso  da forza, se cumprise. Agardemos que a esquerda democrática europea sexa inequívoca na súa defensa dos cidadáns sirios e no seu apoio ao derrocamento da ditadura baasista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.