Vense de concretar finalmente a proposta de redución de actas no parlamento galego coa que Feijóo ameaza dende hai anos, lévao seica no programa, xa Gallardón nos explicou para que lle serve ao PP o programa.
Non vou entrar no debate do que supón a tesoirada na correlación de forzas, moi ben documentado no fío de Praza e no blogue de Carlos Neira @calidonia. Tampouco en comentar esta estratexia comunicativa do PP que desgasta os temas nos medios para evitar, por sobreexposición, o impacto mobilizador da implantación real das medidas. Coa actual maioría absoluta poden modificar a lei electoral sen contar cos votos do resto de grupos no Parlamento, estano a facer coa práctica totalidade da actividade parlamentar nestas dúas lexislaturas feijoonianas.
A demanda cívica de maior e mellor representación debería orientar un cambio, de signo contrario ao que propón Feijóo, dos fixos por circunscrición, barreira electoral e fórmula de reparto de escanos
A norma en vigor utiliza fórmulas para reforzar maiorías a costa do equilibrio territorial e a diversidade política. A demanda cívica de maior e mellor representación debería orientar un cambio, de signo contrario ao que propón Feijóo, dos fixos por circunscrición, barreira electoral e fórmula de reparto de escanos (a cuestión da circunscrición única precisa un cambio no Estatuto), que xa hoxe se aplican de diverso xeito nas lexislacións autonómicas. No caso galego o mínimo por circunscrición está en 10 actas e a barreira está no 5%, mentres que por exemplo Cataluña e Euskadi teñen unha barreira do 3% (a que tiñamos en Galiza até 1992). En maio de 2013 o BNG rexistrou no Parlamento unha interesante proposta de cambio da lei electoral galega que supoñería eliminar o mínimo e a barreira por circunscrición e mellorar o sistema de reparto. Facilitaríase así a entrada de formacións políticas minoritarias ou en formación e melloraríase o equilibrio de representación da poboación de todo o territorio. Sobre o número de actas eu pregúntome por que 61? por que non 80? trátase só de aforrar? Todas as propostas de aforro que dende a oposición se fan son rexeitadas. Súmome aos argumentos de Filipe Díez: Máis actas non teñen porque supoñer máis gasto e permitirían ás deputadas realizar un traballo no territorio menos atado polas dinámicas presenciais de despacho e comisións actuais.
Máis actas non teñen porque supoñer máis gasto e permitirían ás deputadas realizar un traballo no territorio menos atado polas dinámicas presenciais de despacho e comisións actuais
As demandas e cambios sociais, as innovacións tecnolóxicas, a necesidade de máis control do executivo... fan precisos cambios e actualizacións das leis 8/1985 de eleccións ao Parlamento de Galicia, a 1/1988, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia e o propio Regulamento da Cámara que non teñen moita visibilidade no actual debate. Estes apuntamentos que fago non esgotan, nin moito menos, todas as posibilidades de mellora.
Empezando pola cuestión do xénero. Ademais da necesaria revisión da linguaxe sexista das leis, resulta urxente regular a composición de xénero das listas. Dende 2002 as leis electorais autonómicas fóronse modificando para incorporar a paridade das listas, no caso vasco con porcentaxes por tramo da lista e nos casos balear, andaluz e manchego coa fórmula cremalleira ocupando os postos pares persoas dun xénero e impares do outro. As catro foron recorridas polo PP ante o TC pero están xa en vigor. Na Galiza perdemos varias oportunidades, nin a lei de igualdade de 2004 nin a do traballo en igualdade das mulleres de 2007 o fixeron. É máis que tempo de que a presenza equilibrada de mulleres e homes nas vindeiras listas veña garantida por lei, e non pola boa vontade dos partidos. Que o vindeiro proceso electoral galego resulte nun equilibrio de xénero no Parlamento, que non se produza de novo pola dimisión dos varóns nos primeiros postos das listas para ocupar outros cargos que consideran máis relevantes.
O camiño do voto por internet está xa aberto, debemos decidir se queremos que Galiza estea na vangarda da medida ou, outra volta, ficaremos á marxe
En 2005, no buque Nuevo Laredo no porto de Vigo, realizáronse probas de voto electrónico. Tratábase de dar resposta ao problema, aínda sen solucionar, de facilitar o exercicio do voto a persoas con dereito, que non teñen a posibilidade de utilizar os sistema tradicionais presencial ou por correo. A experiencia parou alí. Hoxe o sistema de voto por internet ten sido xa contrastado en numerosos países; a empresa catalá Scytl proporciona dende hai anos a tecnoloxía para o voto por internet, fíxoo nas presidenciais USA 2012. En Estonia, o primeiro Estado en instalar o sistema en 2005, e onde poden votar dende o móbil, nas parlamentarias de 2011 votaron por internet máis de 140.000 persoas, ao redor do 15% do censo. É certo que se precisa unha certa infraestrutura para exercer o voto por internet, que non toda a poboación vai acceder. A cambio afórrase en papel, aceléranse os procesos de reconto e verificación, mellora a accesibilidade para persoas con dificultades diversas, e pode ser un elemento mobilizador do voto. O camiño do voto por internet está xa aberto, debemos decidir se queremos que Galiza estea na vangarda da medida ou, outra volta, ficaremos á marxe.
O sobre-endebedamento dos partidos pon en cuestión a súa capacidade de actuar e cando coñecemos casos de condonación da débeda pola Banca, limita a confianza na súa independencia
As campañas electorais e o seu financiamento están na base dos casos de corrupción que nos escandalizan. O sobre-endebedamento dos partidos pon en cuestión a súa capacidade de actuar e cando coñecemos casos de condonación da débeda pola Banca, limita a confianza na súa independencia. É obriga da lei regular as campañas para evitar a corrupción, limitar os custos e equilibrar os medios das distintas opcións políticas. O envío conxunto de correo electoral de todas as listas é doado de organizar e supoñería un grande aforro para as arcas públicas e unha garantía de igual acceso e transparencia. Tamén é doado organizar os tempos de publicidade nos medios públicos de xeito non sectario e igualitario. Non tan doado pero tan necesario é a fiscalización e a garantía de transparencia do gasto electoral; a lei debería establecer a obriga da publicación do orzamento electoral, os gastos electorais realizados por cada candidatura e procedencia dos ingresos de campaña, CxG fíxoo nas últimas autonómicas.
O informe do Consello de Contas sobre o financiamento de cada campaña deberíase axilizar e debater nun Pleno do Parlamento; o das últimas autonómicas publicouse 11 meses despois da campaña.
No marco actual, a Iniciativa Lexislativa Popular, regulada pola lei 1/1988, é tratada como unha cuestións excepcional, de difícil elaboración e tramitación, o seu traslado ao debate parlamentar decídese na mesa do Parlamento e está suxeito ao xogo de maiorías e minorías da Cámara, así que logo de recoller 15000 sinaturas pode ficar en nada. A participación directa da cidadanía na actividade parlamentar non pode xa limitarse a ese exercicio de voluntarismo da ILP actual e ás demostracións de desesperación e ira que nos últimos anos vemos ante as portas e na tribuna de convidadas. A respecto da propia ILP pódense simplificar os requisitos e facilitar a súa chegada ao Parlamento, pódese modificar o Regulamento da Cámara para facer automático o seu debate en Pleno e incorporar no caso da súa consideración a representantes da comisión promotora á ponencia que redacte o texto definitivo. Pero tamén poderiamos ampliar os límites da participación actual, regulando outras fórmulas como consultas populares, incluso derrogatorias de leis en vigor, ou comparecencias de persoas representativas en debates parlamentares. Podemos aproveitar para ensaiar con estas fórmulas cousas que non podemos modificar na lei electoral sen tocar Estatuto e Constitución: a participación de maiores de 16 anos, de residentes non españois... como se está a propoñer por exemplo na lei de Consultas catalá. Poderíase tamén mellorar o procedemento de trámite do dereito de petición que xestiona actualmente a Comisión de peticións do PG, establecendo criterios obxectivos (hoxe depende da maioría) polos que as peticións colectivas poidan chegar aos debates en Comisións e Pleno e facer as funcións de control ao goberno e iniciativa non lexislativa, coa participación directa de representantes das comisións promotoras das peticións.
Tamén poderiamos ampliar os límites da participación actual, regulando outras fórmulas como consultas populares, incluso derrogatorias de leis en vigor, ou comparecencias de persoas representativas en debates parlamentares
A lei electoral galega precisa cambios. Dende diversos espazos fanse propostas de moito interese para mellorar a calidade da democracia na Galiza, moitas delas a custe (económico) cero. Abondo para crear unha comisión parlamentar que reciba esas propostas e elabore un verdadeiro cambio do marco actual que afonde na participación e mellore a representatividade, a transparencia e a boa xestión. Todos os grupos da oposición parlamentar manifestaron a súa vontade de facelo. E o amigo Feijóo aferrado á tesoira.