Premio Xavier Prado “Lameiro” 2022 para Xosé Luís Méndez Ferrín

Méndez Ferrín le o manifesto do Día Mundial da Poesía no Teatro Principal De Santiago © Óscar Corral

Presta que sexa aquí, na súa cidade e na de Otero Pedrayo; no Teatro Principal da rúa da Paz da infancia de Don Ramón, da de Xocas, e da de Blanco Amor, próxima á Lepanto na que foi impreso O Tío Marcos d’A Portela de Lamas Carvajal e non lonxe da rúa de Reza na que o propio Ferrín naceu e viviu

A comisión designada pola Directiva da Coral de Ruada de Ourense, reunida neste 2022 para dirimir a concesión do correspondente Premio Xavier Prado “Lameiro”, acordou outorgarllo ao poeta, profesor e político Xosé Luís Méndez Ferrín. E presta que sexa aquí, na súa cidade e na de Otero Pedrayo; no Teatro Principal da rúa da Paz da infancia de Don Ramón, da de Xocas, e da de Blanco Amor, próxima á Lepanto na que foi impreso O Tío Marcos d’A Portela de Lamas Carvajal e non lonxe da rúa de Reza na que o propio Ferrín naceu e viviu. 

Aquí, na cidade que viu nacer próceres da nosa cultura que, sabedores da necesidade de alimentar todas as frontes dun país en renacenza, tamén participaron con especial afán dos momentos máis importantes do galeguismo político. Presta, dicimos, que sexa aquí onde este recoñecemento popular se faga efectivo. Fóra de calquera tutela institucional, mais da man da nosa histórica e emblemática Coral de Ruada, órgano vivo desta cidade. 

Teatro Principal de Ourense © Concello de Ourense

Parécenos evidente que o Ourense das organizacións políticas ordenou o esquecemento do combatente irredutible –aínda non hai unha rúa que leve o seu nome-, mais nunca entendemos que a cidade que vive en paralelo á Deputación e ao Concello, ás delegacións da Xunta e do Estado, non lembrase un dos seus máis grandes fillos. Por iso, insistimos agradecidos, presta que sexa aquí e que veña de quen vén a materialización deste acto de gratitude e recoñecemento. 

Ferrín, autor dunha obra literaria extensa e fulxente, situada entre a máis senlleira no noso idioma e en calquera outra lingua europea ao longo do século XX, coa presenza constante de Ourense e Vilanova dos Infantes nas súas páxinas, abraza a nosa voz comunal cun xenio creador que leva a literatura en lingua galega á altura das máis importantes do mundo

Xosé Luís Méndez Ferrín, autor dunha obra literaria extensa e fulxente, situada en opinión unánime entre a máis senlleira no noso idioma e en calquera outra lingua europea ao longo do século XX, coa presenza constante de Ourense e Vilanova dos Infantes nas súas páxinas, abraza a nosa voz comunal cun xenio creador que leva a literatura en lingua galega á altura das máis importantes do mundo. Na vida pública, vencellada á defensa dos intereses comúns do pobo traballador desde a docencia ata a militancia social e política, despois dunha multitude de traballos a ben da Nación e en plena actividade creadora afírmase e brilla na actualidade coma un faro, guía e luz das novas xeracións. 

Na liña de feitos históricos que tiveron lugar na nosa cidade con repercusión non só para Ourense senón para todo o país, desde a fundación do citado Tío Marcos d’A Portela en 1876 ata o acto de ingreso de Chus Pato na RAG en 2017, todos veñen canxar en relevancia co que se celebrará no Teatro Principal de Ourense na tarde do vindeiro día 16. Dámoslle emocionadas grazas á Coral de Ruada por nos dar a oportunidade de que en xustiza Ourense lle poida mostrar a Xosé Luís Méndez Ferrín a admiración e o agradecemento que por el sente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.