Preocupación e imaxinación

Escoitei unha deputada (en serio: non sei de que partido da oposición, tanto ten para o que vou dicir) declararse “moi decepcionada” diante do movemento de xente que o pasado 25 de setembro se concentrou diante do Congreso dos Deputados ata que outro movemento de xente, coido que máis cabreada (cando menos segundo o que transmiten as imaxes), ou sexa, os antidisturbios (igual foron eles os que enturbiaron) os dispersase amablemente a hostias; dicía que escoitei a unha deputada dicir que estaba preocupada pola reacción cidadá, que así non era, que o único que facían era desprestixiar a política.

Non se pode un preocupar do feito de que a xente, que está preocupada, amose indignación

A ver, non vou eu caer nesa simpleza (e vai sen segundas nin terceiras) de poñer verdes aos políticos todos. Que va. De feito, eu fun dos poucos que nos últimos tempos escribiu a favor deles porque, entre outras cousas, pokémonos a parte, moitos e moitas das que se dedican á política son xente que de verdade quere facer ben as cousas. Ao que vou é a que non se pode un preocupar do feito de que a xente, que está preocupada, amose indignación. Cando tal sucede, non hai que chamar aos antidisturbios, esa ONG, senón que hai que saír á rúa, a falar con eses e esas que representas, e tentar entender a súa preocupación indignada para darlle solución ou, se non a tes, para escoitala.

Todo este longo proemio para dicir que a min, o que me preocupa, non é isto, senón que os que nos teñen que gobernar (porque os puxemos nós aí, ollo), non sexan quen de imaxinar unha saída. Levo tempo mantendo isto: que nin Rajoy nin Rubalcaba nin moitos deles teñen a máis mínima idea de como sacarnos desta. E poden poñerse a recitar ou facer números ou bailar muiñeiras que non van arranxar nada. Porque teñen un problema de imaxinación.

Levo tempo mantendo isto: que nin Rajoy nin Rubalcaba nin moitos deles teñen a máis mínima idea de como sacarnos desta

Explicareime. E fareino dicindo en primeiro lugar que eu non sei moi ben cal é a solución. Eu sonlles un literato, sinto moito. Un literato ademais con opinión para todo. Un listo. Que fai política cando escribe, claro, como todos os demais, tamén os que non escriben. Pero non un político. E iso (que me perdo) que non sei cal é a solución pero si que sei que están facéndoo como o cu pero porque non son quen de imaxinar outra cousa.

Iso é o que cómpre facer: imaxinar outra cousa. O sistema capitalista actual (a postmodernidade fíxonos soñar a quimera –que diría El Rey, ese estratega- de que estaba superado, pero non ho, non), é o mesmo sistema que naceu no século XVI e para a sociedade daquel tempo. Estoupa –e para ben- no XIX, facendo que cheguemos a cumios de benestar insospeitados. Mais agora, mira ti, estámosche no XXI, e non no XVI, e daquela seguimos teimando en ver como recuperar un modo de produción (que diría Marx, ese resucitado pola forza dos acontecementos) que xa non é aplicable hoxe en día.

O que nos debe preocupar é que non sexan, que non sexamos, capaces de imaxinar outro modelo

Daquela, toca imaxinar outra cousa. O que debe preocuparnos non é a xente indignada. Tampouco os antidisturbios. Nin sequera, mira que extremista que me poño, Rajoy ou Feijoo, eses galeguistas. O que nos debe preocupar é que non sexan, que non sexamos, capaces de imaxinar outro modelo. Máis xusto. Máis lóxico. Máis humano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.