Primeiro asalto

Pasou un ano desde aquela noite de Maio que sacudiu o escenario político galego. E abonda un ano para dar por rematadas algunhas das ficcións coas que chegamos ao goberno dalgunhas das vilas galegas. Ficcións, marcos de diagnose, brillantes para a disputa electoral, pero insuficientes para afrontar un programa de cambio real.

A primeira delas: o éxito en chave electoral. A ficción do electoralismo serviu para devolverlle ás maiorías sociais a ilusión. Para dotar a ese suxeito transversal de fame de política. Un ano despois, dá a sensación de que o asalto ás institucións, foi máis ben un impacto. Un impacto no que toda esa ilusión política se enfronta a limitacións legais, de financiamento, de protocolos institucionais... Pescozos de botella. A toma dalgunhas das principais alcaldías do País non significa necesariamente que vaia mudar nada. E non o fai porque iso que chamamos “cidadanía” non existe. Excelente marco de diagnose. Concepto neutro que serviu para incoar a unha grande masa plural, pero unha pobre ferramenta de análise para o que se nos vén enriba. Non hai un espazo hixiénico que podamos denominar de tal forma. Se algo temos aprendido este ano de gobernos é que a cidadanía é un grande campo de minas, no que os rivais políticos teñen posicións ben tomadas. Por iso, a cada paso, cavilamos, analizamos custos e beneficios, analizamos consecuencias... Pois ese “campo minado” no que se reproducen diariamente conflitos das máis diversas índoles, ten potencial para marcarnos as axendas políticas e polo tanto, exercer poder en chave proactiva ou reactiva.

Se algo temos aprendido este ano de gobernos é que a cidadanía é un grande campo de minas, no que os rivais políticos teñen posicións ben tomadas

Unha vitoria. Se consideramos o momento actual coma un momento de cambio, deberemos considerar tamén que o cambio está, aínda, lonxe de darse. Charles Tilly adoitaba diferenciar o momento do resultado revolucionario, e advertía que eran moi poucos os momentos revolucionarios que se traducían en verdadeiros resultados. O momento é significativamente diferente ao do 2015. Á espera do que aconteza nas vindeiras citas electorais, e independentemente do resultado, podemos asegurar que a etapa de rápida concatenación de movementos no plano político e social iniciada en 2011 está chegando á fin. O seu remate déixanos unhas institucións máis permeábeis e sensíbeis á mobilización social, e unha probábel posición hexemónica no eixo da esquerda política. As dúbidas a resolver a partir de agora son sustantivamente diferentes.

Desprazar o centro do debate cara as contradicións eco-sociais que se teñen manifestado durante os últimos anos de mobilización é o grande reto das iniciativas de cambio

Quen marca a axenda? Desprazar o centro do debate cara as contradicións eco-sociais que se teñen manifestado durante os últimos anos de mobilización é o grande reto das iniciativas de cambio, e á vez a única garantía para non ser transformados en meros xestores do momento político que nos tocou vivir. Oxalá sexan sempre as mobilizacións na rúa quen nos saquen as vergonzas, quen nos revelen as contradicións existentes entre partido e movemento. Construír as pontes de unión entre os movementos e as institucións sen que isto repercuta negativamente nos primeiros. Sen que lles reste autonomía, sen que supoña instrumentalización. Isto equivale a unha aposta pola configuración dun espazo latente, situado entre o dentro e o fóra, e á cesión do protagonismo do que nos temos apropiado no remate da etapa que conclúe. O resultado só pode ser lido en chave de tensión permanente, e de configuración dunha estrutura líquida que pouco ten que ver coa do partido-masa, tendente a crear altofalantes dunha única dirección política nas súas frontes sociais, sindicais e culturais. O cambio medra baixo dos nosos pés, sirvámoslle de instrumento!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.