Primeiro, concelleiros impotentes. E despois?

“O essencial é saber ver,/ Saber ver sem estar a pensar,/ Saber ver quando se vê,/ E nem pensar quando se vê/ Nem ver quando se pensa”. (O gardador de rebanhos,  Alberto Caeiro).

Cómpre madrugar moito e andar finos de orella para non esnafrar os fociños contra o paredón infranqueable que, dende hai tempo, decidiron construír os devastadores da orde natural das cousas, sen licenza nin aquiescencia dos que posúen a soberanía decisoria. Paxaros extravagantes, da familia dos láridos, que gozan elevando os decibeles do seu cacarexo ata aloular ao respectable público, para que buligue ao ritmo da súa música aburrida, estrépita, decadente.

Os promotores da reforma tentan aviar un sistema, mediante o cal se consolidaría definitivamente o goberno dos xefes dun partido, a través de persoas submisas interpostas, que se someterían ao referendo da veciñanza

A malicia que subxace na reforma da lexislación electoral, empurrada polo Partido Popular –aparcada, mais non desbotada- para arramplar con máis alcaldías das que lle outorgaría a norma vixente, leva implícito o perverso obxectivo de degradar o sistema parlamentario xeral que, ata agora, sustentaba a democracia do Estado español.

Baixo a reiterativa falacia de que non deben gobernar os perdedores, os promotores da reforma tentan aviar un sistema, mediante o cal se consolidaría definitivamente o goberno dos xefes dun partido, a través de persoas submisas interpostas, que se someterían ao referendo da veciñanza. Para tal bendición sería dabondo contar co apoio de 2 de cada 10 cidadáns maiores de idade (40% dos votos sobre unha participación do 60), para ser alcalde. Polo contrario, a elección do alcalde pola maioría dos concelleiros sería o resultado das artimañas dos despachos. Mais cando eses mesmos concelleiros elixen sen pestanexar aos deputados provinciais, previamente designados polos xefes dos partidos, e aqueles escollen ao presidente da deputación, que se proclamou candidato a si mesmo,  entón estamos ante o exercicio da democracia en estado puro.

A monada vai ficar a remollo uns días, ata que branquexe unha chisca para que lle guste ao PSOE. E gustaralle. Xa verás!

E así chegamos onde estamos. Primeiro aburriron á veciñanza, enchendo os telexornais con bobadas sobre a necesaria austeridade, recortes, corruptos, imputados e dixomedíxomes, ata que enchoupou na xente o noxo contra a política, para revolverlle o estómago a tododiós. Logo, Rajoy promete reducir un 30 por cento o número de concelleiros, sen variar o total, ata afirmar que foi capaz de reducir os soldos dos alcaldes, mesmo gastando máis cartos, para concluír chamándolle “elección directa de alcaldes” ao que o meu tío Lisardo denomina o método da dedocracia participativa, mediante o cal o proposto por tres ou catro, e elixido por uns cantos, será representante de 10 de cada 10, e os concelleiros electos representarán, en ningures, á súa propia sombra e á maioría sen representación.

Ah! A monada vai ficar a remollo uns días, ata que branquexe unha chisca para que lle guste ao PSOE. E gustaralle. Xa verás! Hai que goderse!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.