Cómpre ver a corrupción como un problema político e non só ético ou moral. Pero non político polo xogo que poida dar para as trafulcas inter e intra partidarias de baixa estofa, que son as que deturpan o noso debate político, senón pola súa relación co modelo socioeconómico e coa calidade da democracia. A corrupción é un cancro na moral pública, unha mina contra a democracia e unha causa de desbalde e ineficiencia no uso dos recursos públicos. É difícil dicir cal das tres cousas é peor pero, na práctica, van inseparabelmente unidas. A corrupción supón abuso de poder, implica discriminacións arbitrarias e, polo tanto, inxustiza e tradúcese normalmente nun desvío de recursos públicos cara o enriquecemento individual, en detrimento dos demais e plasmándose en actuacións ineficientes.
Hai moita máis corrupción que a que pasa polos xulgados. Porque nin toda as formas de corrupción están tipificadas no código penal nin todos os casos que vulneran o código penal acaban perseguidos
Os cidadáns honrados sentímonos anoxados, feridos e mesmo indignados cando se dan casos de corrupción, cousa que ocorre demasiado a miúdo. Porque hai moita máis corrupción que a que pasa polos xulgados. Porque nin toda as formas de corrupción están tipificadas no código penal nin todos os casos que vulneran o código penal acaban perseguidos, ben sexa porque ninguén os denuncia –a inmensa maioría dos casos-, porque ningún xuíz, fiscal ou policía intervén, porque se fai a vista gorda cando interesa e, noutros moitos casos, pode haber indicios ou mesmo certezas pero non probas -probas con valor probatorio nun procedemento xudicial. Máis aínda, pode haber corrupción e decisións arbitrarias e inxustas sen vulnerar a legalidade vixente. Unha boa parte do asesoramento xurídico, tanto no eido privado coma no público, consiste en atopar a forma de que sexa legal unha decisión arbitraria ou preconcibida.
Por iso nos escandalizamos cando transcenden os casos de corrupción que dan lugar a procesos xudiciais pero tamén, ao mesmo tempo, moitos deles son vividos dun xeito ambivalente. Por un lado, cun certo descreimento porque sabemos que eses casos non son máis que algún caso entre os moitos que dormen debaixo do manto da “discreción” ou porque nunha grande parte dos casos acaban en ben pouca cousa despois de anos de procesos e xuízos. Pola contra, por veces tamén sobreponderamos eses casos singulares porque quixeramos ver sumados neles todos aqueles que quedan tapados pola ignorancia ou a complicidade. Noutros casos a sobreponderación ven da man duns medios que os converten en pasto das trifulcas políticas ou das simples estratexias comerciais.
Tamén pode ser corrupción de alcance a información privilexiada, tanto no eido privado coma no público: sobre operacións societarias, delación de estratexias de actuación dun particular, unha empresa ou un organismo público, anticipación de decisión públicas...
Os tipos e formas de corrupción son tan variadas como tipos de actividades humanas. Desde accións e resolucións inxustas a beneficio de alguén e en detrimento de outros, sexa a cambio ou non dunha contraprestación económica ou doutro tipo para o que decide ou para os seus (para a súa familia, empresa, organización...). Pero tamén pode ser corrupción de alcance a información privilexiada, tanto no eido privado coma no público: sobre operacións societarias, delación de estratexias de actuación dun particular, unha empresa ou un organismo público, anticipación de decisión públicas antes de que estas sexan oficiais (vantaxe de coñecer con antelación unha convocatoria ou un concurso, as súas condicións, recualificacións de solo, ubicación futura de infraestruturas ou servizos que poden dar ou quitar valor a determinados emprazamentos, etc, etc. Todas esas cousas poden ter un grande valor económico e traducirse en discriminacións deliberadamente inxustas. E poden ser realizadas a cambio de algo (comechura) ou mesmo sen iso (prevaricación).
Do mesmo xeito que a importancia e alcance da acción corrupta pode ser moi dispar. Desde os favores benignos, aparentemente desinteresados e bondadosos, que están feitos co ánimo de beneficiar a alguén, sen pensar que indirectamente está discriminando a outros ou negando as mesmas oportunidades a outros, até os grandes contratos amañados ou subvencións inmerecidas, etc.
Unha parte da grande corrupción, a máis substanciosa, realizase facendo uso do BOE ou do DOGA para mudar normas, regulacións, criterios que van en beneficio directo de determinados axentes económicos ou sectores
Máis aínda, compre distinguir corrupción e legalidade. Unha parte da grande corrupción, a máis substanciosa, realizase facendo uso do BOE ou do DOGA para mudar normas, regulacións, criterios que van en beneficio directo de determinados axentes económicos ou sectores. Cando un goberno regula ou desregula un determinado sector, fixa determinadas condicións e tarifas, normas de contratación, horarios comerciais (finanzas, telecomunicacións, eléctrico, distribución...) pode facelo co obxectivo deliberado de favorecer a unha determinada empresa fronte a outras, ou ás empresas fronte aos usuarios. Ese tipo de acción lexislativa que responde a presións e indicación directa dos lobbys é un tipo de corrupción que se realiza con cobertura legal pero constitúe a corrupción máis seria e importante nos tempos que corren. E as contrapartidas para os gobernantes/lexisladores poden ser de moi diferentes e a través de mecanismos legais ou legalizados: financiamento das súas organización, tratamento favorable nos medios de comunicación controlados por aqueles lobby’s, etc.
Ese tipo de acción lexislativa que responde a presións e indicación directa dos lobbys é un tipo de corrupción que se realiza con cobertura legal pero constitúe a corrupción máis seria e importante nos tempos que corren
Esa é a gran corrupción. Branca e de luva branca. Nesa categoría entran os regalos millonarios do goberno central ás eléctricas, á industria militar, á banca ou ás grandes construtoras. Ou todo o cambalache ilegal de Feijóo co famoso concurso eólico, as axudas xenerosas a Citroën, os cambios lexislativos na lei de costas para favorecer a certas grandes empresas, os cambios de réxime e privatización dos centros de terceira idade (caso Geriatros, etc) ou das escolas infantís a beneficio de sectas relixiosas como o Opus ou lexionarios de cristo, cambios ad hominen na lei de caixas para permitir a continuidade de Gayoso, alteración dos contratos iniciais en grandes obras como a autovía da Costa da Morte ou o novo Hospital de Vigo, intermediación directa en grandes contratos internacionais de empresas, convenios de publicidade e autobombo con determinados medios de comunicación, etc, etc.
Que ese tipo de cousas se fagan con cobertura legal ou que ningún fiscal ou xuíz se atreva a poñelos en causa non quere dicir que non entren claramente dentro da categoría de accións inxustas, arbitrarias, onerosas para a cidadanía, favorecedoras de grupos de interese que son xenerosos nas contribucións ao partido do poder e, en definitiva, corruptas. É nese tipo de cousas onde se moven os grandes intereses, os grandes pelotazos, os grandes negocios se fraguan. Polo tanto, a non deberiamos perder de vista que a gran corrupción está alí onde os xogos da “alta política” e os “big business” se cruzan.
Así pois, a corrupción ten moitas facianas e pode moverse a escalas moi diversas. O que si compre é reflexionar sobre as causas da mesma e as formas de atallala
Iso non pode facer ignorar as corruptelas de corredoira feitas diante dos fociños da xente. Pero si deberá prevernos fronte ao fenómeno contrario: que nos atordoen cun grande ruído mediatico ao redor da corrupción de pouca monta para que non vexamos ou ignoremos a corrupción de alto standing. Así pois, a corrupción ten moitas facianas e pode moverse a escalas moi diversas. O que si compre é reflexionar sobre as causas da mesma e as formas de atallala.
No discurso dominante a corrupción tentan presentala como algo puramente moral, como resultado do fallo dos valores de certos individuos particularmente perversos ou avarentos. Certo que nos países en que a moral imbuída nos individuos é máis estrita e exixente, o nivel da corrupción pode ser considerabelmente menor que nos países con culturas máis laxas. Pero o máis importante é darse conta que o volume e tipos de corrupción depende en boa medida do modelo económico, das regras de xogo e, en particular do volume do interface entre o sector público e o privado. Canto maior sexan as interrelacións entre un e outro maiores son as oportunidades e as ocasións; máis fortes son as presións e o incentivos para que a corrupción prolifere.
No ámbito público, nun estado moderno e maduro, o grao de regulación, os servizos de control interno, intervención, etc é tal que as marxes de corrupción son realmente limitados
No ámbito público, nun estado moderno e maduro, o grao de regulación, os servizos de control interno, intervención, etc é tal que as marxes de corrupción son realmente limitados. Sobre todo, para a corruptela económica, de apropiación privada de recursos públicos; non tanto para a prevención de decisións inxustas. Nese sentido compre afirmar con claridade que a corrupción non é algo que naza e se dea fundamentalmente no interior da esfera pública. A corrupción aparece sobre todo no interface co negocio privado. O que da lugar a maiores oportunidades de corrupción e de maior contía é a interrelación, o interface, entre o público e o privado. A proliferación de contratos entre as administracións públicas e as empresas constitúe o caldo de cultivo ideal para a multiplicación de oportunidades e tentacións de corrupción. A privatización masiva de todo tipo de actividades (obras, etc) e dos servizos (saneamento, limpeza, xestión, estudos, sanidade, educación, etc, etc) e a contratación de empresas privada para a súa execución ou prestación é o que vai ampliando as ocasións de corrupción.
A proliferación de contratos entre as administracións públicas e as empresas constitúe o caldo de cultivo ideal para a multiplicación de oportunidades e tentacións de corrupción
Por iso a corrupción vai en alza a medida que se estende o modelo neoliberal, cando se impulsa até o extremo a privatización das actividades do sector público, a externalización dos mesmos, as contratas e subcontratas. Nun contexto como o actual onde as compras públicas, os concursos de obras e de prestación de servizos para o sector público, as externalizacións, etc son o maior nicho de negocio para o capital privado de sectores tan importantes como a construción, os servizos de consultoría, as farmacéuticas, as empresas de equipamento tecnolóxicos avanzado, servizos de saneamento, auga, lixo, reciclaxe, limpeza etc. parece claro que as argucias e estratexias para facerse con ese mercado serán moi agresivas, tocaran todas a teclas, buscaran todas as regandixas e puntos fracos para captar o maior número de contratos.
A corrupción vai en alza a medida que se estende o modelo neoliberal, cando se impulsa até o extremo a privatización das actividades do sector público, a externalización dos mesmos, as contratas e subcontratas
É a loita polos mercados e os negocios máis suculentos para esas empresas. Na moral privada do beneficio e na lóxica dos cazadores de rendas non hai límites morais. Cando os maiores negocios se fan a costa do orzamento público hai que pensar que a presión sobre os xestores públicos vai ser enorme. Primeiro para capturar o seu favor ou predilección e logo todas as estratexias sibilinas para mantelos comprometidos e mesmo para poder chantaxealos cando for preciso.
Cando o responsábel dunha empresa como Vendex é quen de afirmar no xulgado “pero señoría, ¿como cree usted que se consiguen las adjudicaciones?”, compre tomar nota moi en serio. Primeiro, compre investigar todas e cada unha dos centos de contratas que teñen as múltiples empresas do grupo madrileño Vendex par Galiza adiante –e polo Estado español adiante. E, segundo, compre repensar en serio o modelo de sociedade corrupta que están construíndo con esa estratexia de privatizacións masivas de todos os servizos públicos.
Cando o responsábel dunha empresa como Vendex é quen de afirmar no xulgado “pero señoría, ¿como cree usted que se consiguen las adjudicaciones?”, compre tomar nota moi en serio
No caso concreto de Galiza este caso pon de manifesto, ademais, como as privatizacións corruptas plásmanse nunha colonización do noso orzamento público por parte de grandes grupos empresariais madrileños. Non é so o caso das trinta empresas do grupo Vendex que operan entre nós; son tamén as FCC das Koplowitz que controlan case toda a recollida do lixo en Galiza; as grandes obras e contratas de Acciona-Florentino, etc etc. Pero tamén as augas de Agbar ou a distribución do gas de Gas Natural. De xeito que os nosos impostos van emigrar permitindo a concentración de beneficios e a acumulación de capital en Madrid ou Barcelona.
O problema, cando falamos da corrupción de verdade, da grande, da big corruption, é que é a propia democracia a que esta en causa
Con todo, o problema ao que estamos confrontados xa non é só de desbalde dos recursos públicos ou de inxustiza. O problema, cando falamos da corrupción de verdade, da grande, da big corruption, é que é a propia democracia a que esta en causa. A democracia vese ameazada –e verase máis aínda no futuro- de continuar con este réxime no que a caza de rendas, contratos públicos e favores regulatorios se converteu na fonte dos negocios máis gorentosos e seguros. Pouco a pouco iremos atopando como os lobby’s se apropian directamente da representación política e da administración.
Xa hoxe sabemos que no goberno está o representante directo do lobby da industria militar, o das eléctricas, o das construtoras, o de certos medios de comunicación e, por suposto, o da banca. Xa sabemos que nalgunhas administracións están situados en postos de segundo rango -pero claves- persoas que representan directamente certos intereses empresariais. Xa sabemos que certas persoas non poden caer das listas electorais de certos partidos porque van representar no parlamento a certas empresas ou lobbys. O problema é que como non tomemos medidas a tempo iso acabará –en realidade xa está acabando- coa calidade da democracia.
Entre tanto, entreterannos coas bagatelas dunha garabata por aquí, unha caixa de puros por alí, unhas botellas de viño por acolá e outros pecados veniais. Que sendo pecados que compre perseguir e erradicar non deixan de ser veniais
Entre tanto, entreterannos coas bagatelas dunha garabata por aquí, unha caixa de puros por alí, unhas botellas de viño por acolá e outros pecados veniais. Que sendo pecados que compre perseguir e erradicar non deixan de ser veniais. O que resulta insultante é que cuns cantos pecados veniais pretendan tapar a enxurrada de latrocinio por xunto que se opera a través do BOE e do DOGA.