Probas de antíxenos nas farmacias? Vade retro!

Unha traballadora sanitaria realizando un test rápido da covid-19 © Goberno de Navarra

Cando eu estudaba Farmacia en Compostela, un dos alicientes era adentrarse no mundo das drogas... do estudo das drogas. Varias disciplinas (Farmacodinamia, Toxicoloxía, Farmacognosia, Fisioloxía, Química Farmacéutica...) eran oportunidades para coñecer a orixe, a acción ou a toxicidade destas substancias, tanto das legais na nosa contorna (alcol e tabaco), como as tradicionais noutros países: en Marrocos a grifa, marihuana ou kif (cantada por Valle-Inclán no seu cume lírico, La pipa de kif) , o khat en Etiopía, a coca en Bolivia, o opio no sueste asiático ou o peiote en México.

Un dos elementos cardinais -así o recoñece a OMS- da loita contra o covid-19 é a detección, o máis temperá posible, das persoas contaxiadas, estean ou non enfermas, para illalas e tratalas

Un así podía pensar que as drogas eran un campo de estudo propio e exclusivo do mundo da Farmacia ou da Medicina. Mais un día sorprendeume o anuncio dun curso sobre toxicoloxía das drogas... a celebrar na facultade de Dereito! Naquel curso participarían relatores do ámbito do Dereito, da Socioloxía, da Medicina e da Psicoloxía. Aprendín así que moitos asuntos, para seren tratados de forma eficaz, deben ser abordados desde diferentes perspectivas. Enrocarse en prexuízos conduce ao fracaso.

Ven isto ao caso polo recente debate público pola proposta de facer nas farmacias test de detección do covid-19, e que en Galicia o Sergas puxo xa en marcha nalgunhas farmacias de Ourense. Falamos dunha enfermidade, o maior reto sanitario nos últimos 100 anos, que leva causado en Galicia máis de mil mortos, e en España ducias de miles, así como centenares de miles de contaxiados (algúns con secuelas permanentes). E cun sistema sanitario bo, pero que non era o mellor do mundo, como algúns fachendeaban, pois non foi quen de respostar coa axilidade e capacidade necesaria.

 

Probas diagnósticas

Tense ofertado ao ministerio de Sanidade efectuar estas probas rápidas na rede de farmacias españolas, 22.000, delas 1.345 en Galicia, cunha capilaridade moi superior á rede de Atención Primaria, claramente sobrepasada

Un dos elementos cardinais -así o recoñece a OMS- da loita contra o covid-19 é a detección, o máis temperá posible, das persoas contaxiadas, estean ou non enfermas, para illalas e tratalas, evitando que contaxien a outras persoas, atallando así o factor R, o número de persoas ás que contaxia un infectado.

As probas dispoñibles son varias: a) detección do ARN viral mediante PCR en exsudado nasal ou saliva, un método lento, e b) as probas rápidas: test de anticorpos e test de antíxenos; se as PCR só se poden realizar en hospitais ou centros especializados, con equipamento caro, as probas de anticorpos e antíxenos están ao alcance de man en test sinxelos e baratos; en certa maneira son unha evolución do modelo dos test de embarazo, xurdidas hai máis de 50 anos - o famoso Predictor- en Inglaterra. 

Desde algunhas autonomías e desde a profesión farmacéutica tense ofertado ao ministerio de Sanidade efectuar estas probas rápidas na rede de farmacias españolas, 22.000, delas 1.345 en Galicia, cunha capilaridade moi superior á rede de Atención Primaria, claramente sobrepasada (como se puido ver coa campaña da gripe, semiparalizada) e reforzándoa sen ter que recorrer a persoal non sanitario como os rastreadores militares.

A idea de facer probas de COVID-19 nas farmacias españolas preocupa a colectivos de enfermeiras e de médicos, que prefiren ignorar que desde hai tempo as farmacias xa participan en programas de saúde pública tan importantes como a detección do cancro de colon, test de VIH/sida, etc.

Porén, a idea de facer probas de COVID-19 nas farmacias españolas preocupa a colectivos de enfermeiras e de médicos, que prefiren ignorar que desde hai tempo as farmacias xa participan en programas de saúde pública tan importantes como a detección do cancro de colon, test de VIH/sida, etc.

Estes colectivos, con posicións corporativistas, prefiren a toda costa que non se fagan estas probas, aínda que o coronavirus se siga diseminando e provocando mortes. As ridículas xustificacións das enfermeiras (non contar os farmacéuticos con experiencia analítica), as patéticas escusas dalgunha corporación médica galega (que cada proba sexa prescrita por un médico, o que terminaría por rebentar os xa colapsados centros de saúde) e outras ocorrencias peregrinas (como a falta de ventilación das farmacias) van caendo polo seu propio peso, cando persoas de prestixio, como o catedrático emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, o profesor Juan José Gestal, se amosan partidarios de facer estas probas nas farmacias pola súa evidente utilidade.

Unha última liña de resistencia, ideolóxica, está nos que ven no facer estas probas nas farmacias unha privatización encuberta da Sanidade. Anatema! Pero onde recollen estes gardiáns da ortodoxia os medicamentos que lles prescriben os médicos do sistema sanitario público... acaso non van ás farmacias? Pero mais alá diso, o exemplo de Francia, país abandeirado do público e da afouteza do Estado, debería facerlles pensar: 2 millóns de probas realizadas nas farmacias.

E unha última e poderosa razón: á xente, aos cidadáns -a experiencia de Ourense, Barbadás, O Carballiño, O Barco e Verín demóstrao- parécelles ben.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.