Proceso constituínte

A esquerda e o nacionalismo galego están nun momento reconstituínte. Xentes de diversas procedencias están abrindo novos camiños. Perspectivas distintas, intencións distintas, culturas distintas, intereses diverxentes. Hai moita incredulidade por parte da xente que o ve desde fóra. Remexido, cenáculos irreconciliables, ausencia de elementos aglutinadores, dispersión. As pautas coñecidas agoiran imposible a confluencia, sospeitan que primar as racionalidades de cada grupo impidan que emerxa a racionalidade global da alternativa común. É posible que o minifundio mental nos impida apreciar a relevancia do momento, a súa transcendencia histórica, que os cálculos do curto prazo, o balance de expectativas dos pequenos grupos impida xurdir o grandioso que hai neste movemento.

Estamos nun momento importante para o futuro desta boa nación. Un tempo no que moita xente está abrindo as súas mentes para construír un proxecto político

Porque eu penso que estamos nun momento importante para o futuro desta boa nación. Un tempo no que moita xente está abrindo as súas mentes para construír un proxecto político. A intrahistoria galeguista mostra como encontros ou xantares de "devanceiros" foron decisivos na vindicación política de Galiza, claro que si!, non debemos confundir a historia do galeguismo coa do país, pero é evidente que a realidade política e social á que chamamos Galiza non existiría sen o pensar/facer dos galeguistas. Estamos hoxe ante un movemento de centos de persoas do nacionalismo, algunhas das cales albergan o maior capital simbólico e político desta tradición. A consciencia reflexiva debería facernos pensar que o noso labor vai asociado ao futuro da nación.

Desde a sociedade realmente existente abrir un horizonte de esperanza

A posmodernidade fainos apreciar como ridícula calquera aspiración transcendente; aplicado no noso país, a retranca implacable non deixa ir os fumes moi lonxe. Calquera personaxe de Cunqueiro sitúa no mundo do mundano a quen se cre máis elevado. E boa cousa é estar no mundo, pero xustamente no mundo é onde os humanos poden facer cousas divinas. A nación galega precisa ese espírito que lle insufle vida autónoma. Non falo do máis alá, falo das ideas, as persoas, os movementos, as estruturas que podan facer de Galiza un suxeito político de seres humanos libres e autónomos. Desde a sociedade realmente existente abrir un horizonte de esperanza.

Un movemento de emancipación cidadá individual e colectiva que opere como un factor de modernidade avanzada a nivel político e social

Ao meu entender, isto está en relación coa capacidade que teñamos para construír unha iniciativa política en clave propia, á altura dos tempos, con vontade maioritaria, un movemento de emancipación cidadá individual e colectiva que opere como un factor de modernidade avanzada a nivel político e social. Suxeitos políticos que facemos valer a nosa dignidade.

 

Momento constituínte, todo é posible

O constituínte é fundacional, establece as regras de xogo, condiciona o que virá despois e inaugura un tempo novo. Sobre todo abre campo, enuncia o posible. Cousas que non eran permitidas, supostamente incompatibles coa natureza humana, poden ser. A xenerosidade e a ilusión están marcando os primeiros pasos deste proceso. O esforzo require da nosa mellor vontade, pero tamén das mellores formas para facelo de xeito radicalmente democrático e que poda servirlle á sociedade. O inferno está cheo de boas intencións.

Supoño que cada quen ten os seus ritmos, que algunha xente precisa aclarar a cabeza e posicionarse, pero o certo é que o proceso require pasos firmes cara a confluencia

Supoño que cada quen ten os seus ritmos, que algunha xente precisa aclarar a cabeza e posicionarse, pero o certo é que o proceso require pasos firmes cara a confluencia. Deberiamos abandonar o sumatorio de siglas, os mecanismos de reforzo das partes reproducen lóxicas non cooperativas; os apoios e as enerxías multiplícanse no facer en común e compartir o proceso. As árbores non nos deixan ver o ecosistema.

Deberiamos acadar un equilibrio difícil: construír un proxecto de longo prazo, que aspire a ser hexemónico na sociedade galega e, ao mesmo tempo, conseguir unha proposta sólida de cara as eleccións que permita obter unha representación significativa

Deberiamos acadar un equilibrio difícil: construír un proxecto de longo prazo, que aspire a ser hexemónico na sociedade galega e, ao mesmo tempo, conseguir unha proposta sólida de cara as eleccións que permita obter unha representación significativa. Temos moita ambición para o noso pobo e para humanidade, os pasos han de ser firmes. Pero na política hai utopías e eleccións, os proxectos deben transcender a realidade presente, aspirar a outro mundo posible, e han de verificar tamén o seu valor no apoio do electorado. Non só pola representatividade e influencia política, mais porque a sociedade vai tomar medida da dimensión da proposta.

O desgaste das forzas da oposición, encabezadas por opcións continuístas no PSOE e no BNG, impide reilusionar ao electorado contrario á dereita, isto abre unha fiestra de oportunidade e fai necesaria a nova forza

Debemos presentarnos ás eleccións galegas por factores subxectivos: a ilusión da xente, a novidade e a esperanza do que emerxe, e porque moitas compañeiras/os potenciais de viaxe tomarán as elección como test para apoiar a nova iniciativa. E por outra parte, factores obxectivos: existe unha posibilidade firme de vencer democraticamente a Feijóo, pero só se o electorado contrario ás políticas populares se mobiliza de maneira plena, se acada os 900.000 votos que xa votaron opcións progresistas e lle darían a maioría. O desgaste das forzas da oposición, encabezadas por opcións continuístas no PSOE e no BNG, impide reilusionar ao electorado contrario á dereita, isto abre unha fiestra de oportunidade e fai necesaria a nova forza.

As eleccións galegas son as máis favorables para a nova iniciativa, está nunha boa posición para mobilizar ao electorado desafecto coas forzas tradicionais, non só nin maioritariamente o do BNG, e facer crible unha alternativa conxunta

As eleccións galegas son as máis favorables para a nova iniciativa, está nunha boa posición para mobilizar ao electorado desafecto coas forzas tradicionais, non só nin maioritariamente o do BNG, e facer crible unha alternativa conxunta. A demanda política non é algo estático nin explícito, o voto emítese en función das propostas existentes e das relacións entre as mesmas. É certo que o electorado tende a funcionar con bastante inercia, pero cada vez é maior a mobilidade do voto, nun contexto de crise e despois do 15M, as posibilidades están abertas para quen saiba comprender o novo escenario.


Andar e pensar ao mesmo tempo

A sociedade debe percibir esta alternativa como unha, que dispón de iniciativa política e referentes sociais. Ao meu xuízo o seu proceso de constitución debería desenvolverse en dous momentos (que poden ser en parte simultáneos): confluencia interna dos activos da esquerda e do nacionalismo con interese en botar a andar a iniciativa, e converxencia externa para convertela nunha auténtica proposta de base cidadá.

A primeira fase debería implicar (1) a transferencia do capital xerado ata o momento polos diferentes grupos; (2) dispoñer dunha proposta inicial conxunta para o debate no plano organizativo e programático; (3) abrir un proceso participativo común, a nivel territorial e sectorial, de xeito que as bases se apropien dos destinos da iniciativa; e (4) realizar unha asemblea constitutiva dunha organización común en poucos meses. Este debería ser un punto de inflexión que abra o seguinte paso, un diálogo aberto á cidadanía no que a proposta política se vaia conformando nesa colaboración coa sociedade, mesmo asumindo os compromisos da nova forza, como por exemplo as primarias abertas.

As organizacións de esquerda apelan aos momentos constituíntes como os instantes de afirmación revolucionaria no que o pobo asume o poder, e se exerce de xeito efectivo a soberanía popular

As organizacións de esquerda apelan aos momentos constituíntes como os instantes de afirmación revolucionaria no que o pobo asume o poder, e se exerce de xeito efectivo a soberanía popular (ás veces coincidente coa nacional). Eu sempre fun bastante cauteloso coas versións metonímicas do pobo (ou da nación), no que unha parte se concibe como o todo. O pobo non é só o pobo mobilizado, pero é certo que o exercicio da dignidade e a soberanía, das virtudes cidadás, é o que permitiu avanzar ás sociedades cara a democracia e a emancipación humana.

A nosa iniciativa non é o 3º Estado constituíndose en nación francesa, pero tampouco a conformación dunha simple oferta política para a concorrencia electoral. A mitoloxía revolucionaria tende a comprender como óptimo un estado de mobilización permanente, converter en crónico o momento constituínte. Non podemos estar nun estado de mobilización continua pero si de implicación constante da base social que nos sustenta, e da cidadanía en xeral. A política 2.0 trátase diso, estender a participación e a deliberación ao funcionamento cotidiano das institucións e as organizacións políticas.

 

Organización aberta, radicalidade democrática

A política 2.0 trátase diso, estender a participación e a deliberación ao funcionamento cotidiano das institucións e as organizacións políticas

A proposta emerxente debe conxugar capacidade de iniciativa e resposta política, no ámbito das institucións e no social. Os procesos de transformación desenvólvense en parte desde as institucións públicas, as normas, as políticas, os servizos importan, e tamén como procesos sociais autónomos. Debemos capacitar a iniciativa para actuar en todos os campos, reforzar o público como espazo de democracia e o Estado do benestar, e impulsar procesos sociais de emancipación humana.

En canto organización política hai que reinventar a relación coa sociedade, establecendo unha comunicación de dobre sentido, sabe empatizar coas demandas cidadás. Non vamos a predicar a boa nova, nin a captar adeptos, vamos a falar e a escoitar, e a facer en común coa cidadanía. O 15M aprendeunos que a clave non está en admitir nominalmente os postulados da rexeneración, son varias as organizacións que o fan e tampouco son fiables para a maioría social. O crucial é internalizar esas formas de facer e comprender a política, e conseguir ademais que iso sexa crible para unha cidadanía que recea das forzas políticas. Temos que ter vontade de apertura, relacionarnos coa cidadanía en condición de igualdade, pero vai ser moi difícil que se nos vexa como algo distinto ata que nos vexan funcionar.

O 15M aprendeunos que a clave non está en admitir nominalmente os postulados da rexeneración, son varias as organizacións que o fan e tampouco son fiables para a maioría social

Debe xuntar a dimensión de organización política coa de movemento cidadá. Precisa unha estrutura que garanta o funcionamento democrático e capacidade operativa, ao tempo se comprende como unha organización aberta, transparente, coa permeabilidade necesaria para implicar o que se move ao seu redor. Unha organización intelixente que saiba establecer relacións horizontais cara a fora e cara a dentro, e capaz de aprender. A democracia non se contrapón á eficacia.

É máis, na sociedade do coñecemento a dinámica colaborativa debe impregnar a organización para xestionar a complexidade. A democracia atende as relacións de poder e construción en común, pero tamén o saber e capacidade de relación co mundo. Aplicar á forza política o que predicamos para as institucións e a sociedade. Abaixo-arriba, empodera e implica; fóra-dentro, participada e empática;  arriba-abaixo, decide e actúa; dentro-fora, inflúe e transforma; horizontal, coopera e actúa en rede.

 

Podemos ser o que queiramos ser. Nacionalismo, esquerda, democracia

Aplicar á forza política o que predicamos para as institucións e a sociedade. Abaixo-arriba, empodera e implica; fóra-dentro, participada e empática;  arriba-abaixo, decide e actúa; dentro-fora, inflúe e transforma; horizontal, coopera e actúa en rede

Está habendo debate sobre cal debe ser o posicionamento ideolóxico da nova forza, e por veces ponse en relación coa suposta demanda electoral. Eu estou convencido de que hai espazo para unha forza galeguista de carácter centrista, do estilo do que foi Coalición Galega, pero tamén estou convencido de que nós non podemos (nin queremos) ser esa forza. O máis importante para o éxito da nova iniciativa é a credibilidade, o noso maior activo é a honestidade política.

A inmensa maior parte de xente que conformamos o proxecto somos de esquerdas e nacionalistas, debemos tender os brazos á xente que se ve como de centro-progresista ou galeguista, pero non debemos pretender ser o que non somos. Cousa distinta é como concibimos a esquerda e o nacionalismo. Para min o obxectivo non é abrir campo cara o centro-dereita ou deixar de ser nacionalistas, a cuestión é que se perciba como unha alternativa accesible, razoable, na que xente moi diversa poda sentirse cómoda e que comparte unhas bases de acción política aceptables para a maioría da sociedade. Podería darse un paradoxo habitual: adoptar unha fórmula descafeinada pensada para o mercado electoral, e que esta aproximación a un suposto nicho central do electorado producise peores resultados electorais.

A inmensa maior parte de xente que conformamos o proxecto somos de esquerdas e nacionalistas, debemos tender os brazos á xente que se ve como de centro-progresista ou galeguista, pero non debemos pretender ser o que non somos

Se aspiramos a ser maioritarios claro que nos ten que apoiar e votar xente moderada, galeguistas non nacionalistas e de centro, pero a oferta política que podemos (e queremos) facer con credibilidade é de esquerda e nacionalista, nunha formulación aceptable para a maioría social. De feito, deberiamos marcar distancia das propostas como as de CiU, que hoxe son percibidas polos nosos avais sociais como abandeiradas das políticas conservadoras.

Que as propostas sexan accesibles e cribles é un reto que debemos poñer en relación coa capacidade de implicación cidadá. Se realmente conseguimos facer participe do proxecto á sociedade máis viva e consciente, non só ao circulo próximo dos convencidos, os focos de interese, as propostas, a linguaxe, terán maior sintonía coa maioría social.

Deberiamos marcar distancia das propostas como as de CiU, que hoxe son percibidas polos nosos avais sociais como abandeiradas das políticas conservadoras

Compre iniciativa política, referentes, comunicación e diálogo coa sociedade, e de inmediato precisamos documentos, espazos para participar e facer en común, rostros que fagan recoñecible o que compartimos, e unha folla de ruta. Dicía Castelao que había sitio para todos na obra en canto non se rematase, habería que engadir: facede sitio que hai moita xente con ganas de traballar, e non poñen chata, son parte da solución. En réxime de procomún.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.