Prolegómenos para unha revolución

Despois de cinco anos, cando a crise comeza a parecer unha condición de existencia, un fantasma recorre España (pero dun estilo máis postmoderno que romántico e revolucionario): búscase un relato para saír da crise, hai necesidade de reinventarse. Unha nova transición, dise a veces, con ambición de ruptura máis que de simple reforma.

Búscase un relato para saír da crise, hai necesidade de reinventarse. Unha nova transición, dise a veces, con ambición de ruptura máis que de simple reforma.

Coma no conto do traxe novo do emperador, non se reparou nas debilidades da democracia española ata que a crise afectou á credibilidade das principais institucións do Estado: o Parlamento illado dos cidadáns, os xuíces inmersos na competencia das faccións políticas, os partidos enfrascados en problemas internos, a monarquía pendente dun fío. A crise que se trasladou da economía á sociedade ten unha dimensión política que afecta xa ao modelo da España constitucional. O cóctel de afundimento económico e corrupción cuestiona o sistema político de 1978.

O cóctel de afundimento económico e corrupción cuestiona o sistema político de 1978

É certo que estamos nun contexto xeral de crise das democracias, e que o deseño da Unión Europea e do euro son factores externos altamente condicionantes, pero iso non debe ser escusa para non plantexar os problemas específicos do país, para non ver a peculiaridade dunha especulación inmobiliaria desaforada e dun tecido produtivo débil e dependente.

Temos unha democracia pouco participativa e cada vez menos representativa. A sociedade civil é fráxil, con escasos recursos para opoñerse aos privilexios das clases dirixentes, que tenden a confundirse cos intereses da clase política. Falta cultura democrática na exercicio do poder, e hai pouca identificación co Estado, que se percibe como algo afastado e opresivo. O sistema de partidos políticos está preso da partitocracia e o bipartidismo, e favorece o clientelismo e a corrupción. E o poder xudicial é lento e opaco, está afastado da cidadanía, e en grande medida aínda funciona á medida das elites.

Falta cultura democrática na exercicio do poder, e hai pouca identificación co Estado, que se percibe como algo afastado e opresivo

As debilidades da democracia española son outros tantos problemas non resoltos da transición. O encaixe territorial, a memoria da guerra civil e a institución da monarquía son o “non pensado” da transición, asuntos no seu momento non tratados con ecuanimidade senón baixo fortes presións que permanecen latentes e rebrotan con facilidade.

Fálase da necesidade dunha segunda transición, e esquécese que esa é una idea do aznarismo dos anos 90 e que para transición continuísta xa abonda con unha, da que é preciso revisar significado e simbolismo. Hai unha mitoloxía da transición que repousa en grande parte nos traumas da guerra civil e na idea dunha reconciliación nacional que condicionou unha imaxe compracente do franquismo; pero compre desmitificar o valor simbólico da transición, e xunto á imaxe triunfal do relato dominante, valorala tamén como unha especie de “secularización” do mito fundacional que para unha boa parte da España sociolóxica representou o franquismo. Hai un fío condutor que vai da despolitización franquista da sociedade á actual corrupción, e que consiste nun mesmo desprezo do común, na consideración do público como obxecto de apropiación, susceptible de ser despilfarrado e rapiñado sen asumir ningunha responsabilidade, de maneira que se o público é visto como gratuíto para o cidadán e como oneroso para o Estado, por todos lados se impón a lóxica de privatizalo, esixida en aras da modernidade e racionalidade  do sistema. Esta é a conclusión secular da mitoloxía apolítica franquista, que o PSOE levou a cabo cando iniciou en España as políticas neoconservadoras que xa se impoñían en Europa, e que aquí se implementaron ao mesmo tempo que se construía o noso feble Estado de benestar, destecéndose na noite das privatizacións o que se tecía polas mañás na xestión pública da educación, a sanidade ou as infraestruturas. 

Hai un fío condutor que vai da despolitización franquista da sociedade á actual corrupción, e que consiste nun mesmo desprezo do común, na consideración do público como obxecto de apropiación

Así que daqueles pos (pasando polo neoliberalismo xa sen mala conciencia da época do PP) veñen agora estes lodos. É necesaria unha relectura máis crítica da transición, e considerar o dato empírico da supervivencia das elites políticas e económicas do franquismo. O economista César Molinas tomou de Acemoglu e Robinson o concepto de “elites extractivas” para aplicalo a esa continuidade histórica das clases dirixentes españolas, alicerce do noso “capitalismo castizo”. Según os autores de ¿Por qué fracasan os países?, unha elite é extractiva cando procede a unha sistemática captura de rendas tal que impide a existencia dun “sistema institucional inclusivo”, de xeito que a clase política acaba por ser “disfuncional”, xa que o seu interese diverxe necesariamente do interese xeral.

Se se quixera reverter esa situación faría falta outra transición, e comezar por reverter a “ruptura silenciosa” que supuxo a reforma constitucional de agosto de 2011, coa que se asumiu sen ningún debate unha importante perda de soberanía

Se se quixera reverter esa situación faría falta outra transición, e comezar por reverter a “ruptura silenciosa” que supuxo a reforma constitucional de agosto de 2011, coa que se asumiu sen ningún debate unha importante perda de soberanía. Pero agora non parece suficiente unha simple reforma constitucional porque o modelo político está esgotado, e habería que ter imaxinación para reconstruír o modelo.

Se na transición o debate entre reforma e ruptura se saldou co triunfo da idea de reforma, e se deu un cambio progresivo implementado desde dentro do sistema, tutelado por forzas do franquismo (que conseguiron manter a súa posición directiva ao facer profesión de fe democrática), agora precisaríase unha “transición rupturista”, construír criterios que poidan orientar un cambio político substancial.

O obxectivo sería recuperar parcelas de soberanía, tanto das sociedades respecto dos modelos globais coma dos individuos respecto dos modelos sociais dominantes

O obxectivo sería recuperar parcelas de soberanía, tanto das sociedades respecto dos modelos globais coma dos individuos respecto dos modelos sociais dominantes. Trataríase dun novo proceso constituínte? Unha revolución posible? Unha utopía? Faltan palabras para designar situacións inéditas, conceptos novos que axuden a encarar ensaios de saída da crise a prol dun “apoderamento”, dos individuos e dos pobos.

Semellará posible que a política sexa capaz de embridar aos mercados? Será plausible que o sistema político afronte un cambio substancial dos fundamentos do modelo económico? É imaxinable unha transformación real que non sexa completa, radical, “revolucionaria”? E en paralelo: hai “masa crítica” para unha tal alternativa? Son moitos os interrogantes do noso momento histórico, e seguiremos a indagar neles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.