Propiedade privada

Por que unhas nacións son ricas e outras non? A importancia que esta cuestión ten para os economistas fica patente no facto de que o gran escocés Adam Smith titulara o seu pioneiro e famoso libro como A riqueza das nacións.

Existe hoxe un consenso crecente entre os economistas de que a explicación fundamental do éxito ou fracaso dunha nación radica no tipo de institucións das que esta é capaz de dotarse. As institucións son a regras formais que determinan as restricións e os incentivos nas interaccións económicas, sociais e políticas das persoas. Así, polo menos, as definiu o premio Nóbel de Economía, Douglass North. A estas regras formais súmanselle as informais, ás cales habitualmente chamamos cultura.

É preciso que os individuos se apropien dos rendementos das súas accións para que teñan incentivos ao esforzo e á frugalidade, sustento ambos da prosperidade

Para que as institucións sexan o sustento da prosperidade é preciso que estas realicen certas funcións básicas. E de entre elas, a función primordial debe ser protexer a propiedade privada e garantir o cumprimento dos contratos. O que moi a miúdo se chama seguranza xurídica e para o cal necesitamos un marco xurídico anónimo e estábel aplicado por unha administración de xustiza independente e eficiente. Esta función é chave por dúas razóns. 

É preciso que os individuos se apropien dos rendementos das súas accións para que teñan incentivos ao esforzo e á frugalidade, sustento ambos da prosperidade. E isto só ha acontecer se a súa propiedade está debidamente garantida  ao tempo que se respectan os acordos libre e voluntarios. Por que hei ser frugal se os activos produto da miña poupanza poden ser facilmente expropiados por un goberno arbitrario e discrecional? Por que hei emprender un negocio se non teño garantía de que os meus clientes han pagar polos servizos prestados? 

Se visita algún país da África sub-sahariana observará que está cheo de emprendedores

Ademais, se as institucións realizan eficientemente estas tarefas, favorecerán os negocios ao reducir os custos transaccionais. Uns custos transaccionais moi elevados poden converter en improdutivo un negocio. Por exemplo, o comercio a longo distancia pode carecer de interese se os bandidos poden impunemente roubar as mercadorías transportadas. E o risco de que algunha das partes participantes nunha transacción non cumpra as súas obrigas é un dos principais compoñentes dos custos transaccionais.

Se visita algún país da África sub-sahariana observará que está cheo de emprendedores. Nada mais saír do aeroporto contemplará negocios en toda parte. Comercios de roupa, de comida, bares, barbarías... Non parece ser a súa aversión ao esforzo ou aos negocios o que explica a súa pobreza. Agora ben, se un medita un anaquiño sobre o tipo de negocios que observa, decatarase que todos eles teñen dúas características en común. Son todos negocios inmediatos no tempo e no espazo e que requiren pouco capital. Compro un prato de comida e pago. Unha froita e pago. Neste marco as institucións formais que garanten o cumprimento dos contratos teñen moi pouca importancia, non son necesarias. Se non pago, o carniceiro colle o diñeiro da miña carteira e, por riba, levo uns estacazos.

Porén, nestes países escasean os negocios afastados no tempo ou no espazo. O comercio a longa distancia é raro. Como podo estar seguro de cobrarlle a un comprador situado a mil quilómetros de distancia? O mercado de crédito estará moi pouco desenvolvido. Como podo emprestar diñeiro a alguén que mo ha devolver dentro de dous anos? Para que este tipo de mercados florezan son precisas institucións que penalicen o incumprimento dos contratos. A estaca xa non abonda. Necesítanse leis, policías, xuíces,...Tampouco han abondar os negocios que requiran fortes investimentos. Como vou investir unha forte suma de diñeiro se a discrecionalidade das autoridades pode caprichosamente expropiar o meu negocio ou se todo se pode ir ao traste por mor dunha guerra civil ou unha revolución? Ante tanta incerteza non compensa acumular activos cuxa propiedade pode ser doadamente arrebatada. Necesito institucións que protexan a miña propiedade. Por iso nestes países escasea a frugalidade e o investimento.     

Como vou investir unha forte suma de diñeiro se a discrecionalidade das autoridades pode caprichosamente expropiar o meu negocio ou se todo se pode ir ao traste por mor dunha guerra civil ou unha revolución?

As institucións para favorecer a prosperidade poden, e deben, transcender a garantía da propiedade e a defensa do cumprimento dos contratos. Noutro momento tal vez escriba sobre o moito que fica no tinteiro. Mais, cando un se decata da importancia das institucións na explicación do éxito ou fracaso das nacións, comeza a dubidar de explicacións estendidas, e acriticamente aceptadas, que relacionan o fracaso dos pobos coas súas incapacidades conxénitas e culturais ou  coa coacción externa de perversas multinacionais e pérfidas potencias imperialistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.