*Texto elaborado conxuntamente por Xurxo Martínez González, David Rodríguez e Manoel Santos
Coa nosa lexítima vontade, como cidadáns e non súbditos que somos, de seguir participando activamente no debate sobre a construción do Novo Proxecto Común, cremos oportuno achegar uns retallos da nosa visión acerca do papel –e metodoloxía de mínimos– das asembleas nesta nova andaina da esquerda no país noso. Facémolo porque cremos que tan importante como o obxectivo é o método, mais sobre todo porque aínda non se produciron reflexións abertas e estruturadas sobre cal é o lugar a ocupar por estas asembleas, que nós consideramos a cerna do NPC; e cal é o papel nelas dos cidadáns e cidadás que, sobardando xa o peso construtor dos grupos políticos organizados cos que chegamos até aquí, deben agora tomar o verdadeiro protagonismo.
1. Previamente á celebración de calquera asemblea debe facerse unha convocatoria pública (e ben publicitada) cunha sincera invitación á participación de toda a cidadanía e non só daquela integrada nas redes e círculos dos grupos e correntes xa existentes. Trátase de facer sentir a todos e todas aquelas que estean interesadas en participar ou informarse que son benvidas e que as súas achegas son esenciais. A incorporación de persoas á asemblea debería ser só a título individual, sen privilexios nin cotas por pertencer a un grupo político.
2. O seguinte que debe facer unha asemblea é constituírse nun poder soberano e decidir como se vai chamar, pois en ningún lugar está escrito que esta deba levar o apelido A ou B, así como definir claramente o seu ámbito territorial.
3. Unha asemblea constituída debe nomear unha xestora.
A xestora debe esforzarse por dar cabida obrigatoriamente a persoas independentes dos grupos políticos xa constituídos
4. A xestora debe esforzarse por dar cabida obrigatoriamente a persoas independentes dos grupos políticos xa constituídos. Algo que, ademais, é moi san como método de control de posibles componendas das correntes xa constituídas.
5. Ante a concorrencia dun número moi elevado de candidatos e candidatas a entrar na xestora un posible método dirimidor é o moi republicano do sorteo ao azar pois só a consideración da política como campo propio dunha elite dá por boa a existencia de cidadáns máis aptos ca outros para decidir sobre as cuestións do común.
6. As xestoras deben ser órganos principalmente administrativos ou coordinadores sen ningún papel político, salvo que, puntualmente, a asemblea lle encargue a elaboración de documentos para o debate. En todo caso, estes documentos deben estar abertos a unha reconfiguración, mesmo totalmente se fose necesario, pola propia asemblea que será a única lexitimada, ademais, para ratificar e dar validez a eses documentos.
Deberíase comezar a argallar unha Grande Asemblea Nacional
7. Por ser o NPC un proxecto único pero con motores de distintos tempos, as asembleas están, segundo marca o motor de tempo máis rápido, chamadas a elaborar con urxencia documentos con liñas programáticas e organizativas para a concorrencia ás vindeiras eleccións. Para iso, consideramos que unha xestora coas características referidas nos puntos anteriores, ou un grupo de traballo creado expresamente para iso, redactará unha proposta á asemblea e esta discutirá, emendará e mellorará.
8. Tamén inserido no marco temporal máis urxente, deberíase comezar a argallar unha Grande Asemblea Nacional á que acuda a delegación (escolleita segundo relatamos no punto 5) das asembleas territoriais cos documentos elaborados por estas. Na Asemblea Nacional porase en común o traballo local a fin de decantar un programa e un primeiro bosquexo organizativo.
9. No tempo longo, e coa velocidade devagar que marca o outro dos dous motores, pensamos que as asembleas deberían aspirar a ser espazos ou foros sociais que funcionen como o lugar de encontro entre os movementos sociais e as organizacións políticas. Coidamos que no canto de se realizaren reunións bilaterais entre movementos cidadás cos partidos políticos, o seu será que ese colectivo social exprese a súa demanda nun foro aberto a toda a cidadanía, incluídos os propios grupos políticos. Debemos superar ese xeito de actuar baseado en xuntanzas reducidas e pechadas para abrírmolas ao pobo. Debemos poñer en funcionamento outros mecanismos de relación entre o eido da sociedade política e o eido da sociedade civil. As asembleas refundiranse ou reformularanse como ese novo espazo de diálogo entre a cidadanía e o partido político. Será este quen traslade as reivindicacións sociais ás institucións para converter á instancia política nunha caixa de resonancia do movemento cívico.
Deberían aspirar a ser espazos ou foros sociais que funcionen como o lugar de encontro entre os movementos sociais e as organizacións políticas
10. Pensamos que, malia a asemblea estar permanentemente constituída, iso non significa que teña que estar continuamente reuníndose. As asembleas deben responder a unha necesidade clara por mor dun conflito ou pola necesidade de poñer en común temas de relevancia e interese (quen sabe se mesmo poden aspirar a convocar un foro social galego ou calquera outra iniciativa que poida xurdir no futuro). Mais non deben existir porque si, carentes ou vougos de contido. Crearmos estruturas enchufadas ao soro fisiolóxico non leva a ningures. Precisan dunha dinámica propia e dunha razón para a mesma.
11. A asemblea debe funcionar porque o movemento social reclame a súa convocatoria e non porque, segundo a conxuntura, lle poida interesar ao grupo político. Por iso, pensamos que é suficiente a existencia dunha demanda social manifesta ou a vontade dun só membro da xestora, para que a asemblea se deba reunir.
12. A asemblea é quen máis ordena. Por que non obrigar aos cargos electos dunha organización a render contas nestes foros? Por que non outorgar á asemblea, cuxas posicións políticas nunca poderán chocar cos principios da "igual liberdade" republicana, o poder revogatorio sobre o cargo político? Por que non recoller nos estatutos do partido político a submisión dos cargos electos á capacidade fiscalizadora das asembleas? Por que non crear un procedemento de revogación cando concorran as circunstancias que se estimen precisas pero que á vez non bloquee parvamente a acción dos cargos? Collamos o modelo dos comités de cidadanía argallados en América latina. O partido gobernante recolle nos seus estatutos un apartado que regula o novo contrato social entre o partido e o movemento social. Por que non traer ao noso país esta forma de organización?
Recuncar nos modelos de organización xa coñecidos non é senón desbotar a capacidade creativa e imaxinativa de crearmos algo novo e renovador
Procuramos, con isto, ofrecer fórmulas distintas aos patróns que coñecemos cos ollos pechos. Recuncar nos modelos de organización xa coñecidos non é senón desbotar a capacidade creativa e imaxinativa de crearmos algo novo e renovador; é a actitude do preguiceiro.
Lanzamos estas achegas para un debate aberto e sometido á consideración pública pois aquí nin nós, nin ninguén, ten a potestade de sentar cátedra.