Propostas de reforma do sistema electoral

Son innumerables os traballos, que, sobre todo, nos últimos anos, versan sobre a necesaria reforma do sistema electoral español, ou que, polo menos, abordan a temática dos sistemas electorais, para os definir, e extraer os pros e contras duns e doutros. O certo, e que tal debate, se veu intensificado no ano 2008, cando varios grupos parlamentarios presentaron ata seis proposicións de lei para modificar os distintos aspectos da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral de 1985 (LOREG). De feito, o Congreso, neste ano, aprobaría a creación dunha subcomisión que examinase as posibilidades de modificar o Réxime Electoral Xeral, pero, sen cambiar a Constitución.  Este propósito, é xustamente o que persiga o presente artigo, o que se pretende é dar resposta a pregunta: Como facer un sistema electoral máis proporcional, sen tocar a Constitución de 1978?. Preténdese facer fincapé no pragmatismo e na realidade que vivimos, somos coñecedores, da dificultade de modificar a Carta Magna, e por elo, as achegas poñen os pes na terra, co obxectivo de ser recollidas pola cidadanía e de ser demandadas aos nosos representantes, quen verdadeiramente as deben impulsar, dende os órganos competentes de elo.

Mais antes de comezar a falar das reformas que serían precisas para garantir una maior proporcionalidade no Congreso dos Deputados, é preciso aclarar certos termos. Así podemos dicir que os elementos básicos do sistema electoral, os cales, se mantiveron constantes dende 1977, coa Lei de Reforma Política, unha lei que sería ratificada na LOREG, e que parte dela, entraría na Constitución de 1978, no seu artigo 68; son os seguintes:

1. Sistema electoral Proporcional, con fórmula de reparto de escanos D´Hondt.
2. Un congreso de 350 escanos.
3. A provincia como circunscrición electoral.
4. Un mínimo de 2 escanos por provincia, agás Ceuta e Melilla, que só lles corresponde 1.
5. Distribución do resto de escanos con respecto á poboación.
6. Barreira legal do 3%
7. Listas de candidatos polos partidos pechadas e bloqueadas.

Dito isto, estruturaremos o artigo en tres puntos fundamentais, que nos permitiran comprender mellor o funcionamento do noso sistema electoral, o que nos levará a desenvolver as claves para a súa modificación na busca dunha maior proporcionalidade. Así, os epígrafes son os seguintes: 1) O actual sistema electoral español, 2) As propostas de reforma: cara unha maior proporcionalidade e 3) Propostas de modificación do sistema electoral galega.

 

O actual sistema electoral español

España conta cun sistema electoral proporcional corrixido, e que dentro da proporcionalidade, ten claros sesgos maioritarios, que no presente artigo, analizaremos, porque son causados. Primeiro, na LOREG, formulouse que cada circunscrición debe partir de 2 escanos de base que non son atribuídos acorde á poboación. Co que, dos 350 escanos que ten o Congreso, 100 se reparten entre as 50 provincias, a razón de 2 cada unha, e outros 2 escanos se lle atribúen a Ceuta e Melilla, un para cada unha das cidades autonómicas. Quedan 248 escanos a repartir de forma proporcional á poboación. Este reparto corrixido, ocasiona circunscricións sobre representadas, e outras infra representadas. Co exposto, queda claro que en España conviven tres sistemas, ou mellor dito, tres sub-sistemas electorais. Aquelas circunscricións pequenas que reparten entre 1 e 5 escanos, cuxos resultados son maioritarios. Circunscricións medianas (entre 6 e 9 escanos), con resultados intermedios, entre a proporcionalidade e a tendencia maioritaria. E circunscricións que reparten 10 ou máis escanos, que son proporcionais. Polo tanto, de cara a proporcionalidade, a circunscrición ten efectos moi notables. 

Por outra banda, falar da fórmula electoral, neste caso, a LOREG, recolle que a transformación de votos en escanos se fai mediante unha fórmula proporcional de media maior, a fórmula D´hondt que funciona do seguinte xeito: Divídese sucesivamente, o número de votos que recibe cada candidatura por 1,2,3,4.. ata o número total de escanos a cubrir. Logo, os cocientes resultantes das divisións anteriores ondéanse de maior a menor, nunha serie que comprende tantos cocientes como escanos a repartir. Os partidos con maiores cocientes son os que levan o escano. A fórmula D´hondt privilexia aos dous principais partidos, saíndo os partidos pequenos moi prexudicados do reparto de escanos. Dentro das fórmulas electorais proporcionais, é a menos proporcional, sendo a Hare, a que máis o é.

A ter en conta, e moi significativo, de cara a acadar unha maior proporcionalidade, isto é, que os votos se traduzan do mellor xeito en escanos; é a barreira mínima do 3% dos votos válidos para entrar no Congreso. Dita barreira, certamente é ficticia, pois un partido só tería un escano con un 3% dos votos nunha circunscrición grande de 33 escanos; o caso é que países moi proporcionais, como Holanda, teñen una barreira do 0,67%; co que conseguen unha gran proporcionalidade, outra cousa é que tanta proporcionalidade non teña consecuencias negativas, a hora de buscar gobernos sólidos para fornecer xestións estables.

Co descrito ata o de agora, vemos que hai unha clara tendencia a favorecer aos dous principais partidos, se incentiva así o Bipartidismo e se exclúe aos pequenos partidos do escenario político. O sistema electoral español, tende a favorecer a aqueles partidos que teñen o seu voto concentrado nunha circunscrición electoral. Así, por exemplo, CIU con menos votos que UPyD, nas pasadas eleccións xerais de 2011, obtiña 16 escanos, fronte aos 5 de UPyD. Vemos un claro premio a concentración do voto. O que sucede, é que dado a realidade plurinacional española, é comprensible e axeitado tal sistema de circunscricións electorais, pois enténdese, que no Congreso han de estar representadas todas as demandas poboacionais. Por outra banda, o actual sistema electoral, deixa tras de si, unha escasa fragmentación de partidos, máis ampla nas últimas eleccións, pero que en boa medida se debe ao contexto de crise económica actual, que potenciou a polarización ideolóxica do electorado.

 

As Propostas de reforma: cara unha maior proporcionalidade

En base ao exposto, e buscando cumprir o obxetivo arriba exposto, cabe dicir que, a Constitución Española fixa que o Congreso dos Deputados estará composto por, entre 300 e 400 escanos. Na actualidade, o número está ancorado nos 350. De aumentar ata o tope dos 400 o número de escanos, estariamos conseguindo unha maior proporcionalidade, dado que o número de escanos por circunscrición aumentaría, recordemos que son as circunscricións máis pequenas, inferiores a 5 escanos, as de tendencia maioritaria. O que non podemos modificar sen tocar a Constitución, é a atribución de escanos iniciais por circunscrición, non axustados a representación poboacional, como vimos, no anterior epígrafe, tal feito ocasiona circunscricións sobre representadas e outras infra representadas.

A constitución no seu artigo 68.2 di que “La Ley distribuirá el número total de Diputados, asignando una representación mínima inicial a cada circunscripción y distribuyendo los demás en proporción a la población” ; tal asignación mínima inicial, hoxe está fixada pola LOREG en 2 escanos, que sen tocar a Constitución ben se podrían baixar a 1. Así evitaríamos a sobre representación das circunscricións pequenas.

Importante tamén sería o cambio na fórmula electoral, pois é na LOREG onde se di que o reparto de escanos se efectuará mediante a fórmula D´hondt, sen dubida a enxeñería electoral de 1977, é a busca por parte da UCD, de favorecer a sobre representación dos pequenos territorios, rurais, con tendencia a voto conservador, farían que se decantaran por dita fórmula, que dentro das proporcionais, é a menos. Cambiar a D´hondt pola Dropp, ou Hare, traería efectos moi positivos de cara a acadar unha maior proporcionalidade. O mesmo coa barreira mínima de porcentaxe de voto, actualmente fixado no 3%, que se podía reducir a un porcentaxe inferior, para buscar unha maior presenza no Congreso de partidos máis minoritarios, Holanda ten un porcentaxe válido do 0,67 %.

Estas propostas, van camiño da busca desa proporcionalidade no Congreso sen a modificación da Carta Magna, de acometer unha modificación, sen dúbida, sería interesante modificar a circunscrición electoral. A Constitución, di no artigo 68.2 que a circunscrición é a Provincia. Como vimos, hai provincias que saen moi representadas e outras que saen moi pouco representadas, o mellor, sería colocar como circunscrición a Comunidade Autónoma. Para explicar mellor isto, é oportuno recorrer  a un exemplo que pon Alberto Penadés no seu texto “El sistema electoral español (1977-1996)”. Penadés fala dos resultados electorais nas eleccións xerais de 1996 en Castela e León. Castela e León, é unha comunidade autónoma con cinco provincias de 3 deputados, dúas de 4 deputados e dúas de 5; un total de 33 escanos. Todas as circunscricións son de tendencia maioritaria. Os resultados electorais das presentes eleccións outorgaban un 52,37% dos votos ao PP, un 34,85% dos votos ao PSOE e un 9,17% dos votos a IU. A transformación de votos en escanos co sistema de reparto actual, isto é 33 escanos en 9 circunscricións con fórmula D´hondt outorgaba ao PP 22 escanos, ao PSOE 11 e 0 para IU. De ser a circunscrición a Comunidade Autónoma, unha circunscrición máis proporcional, con 33 escanos,  os resultados sería ben distintos. O PP acadaría 18 escanos, o PSOE 12 e IU 3. Como vemos a cousa cambia, e moito, conseguiríamos máis proporcionalidade e non se beneficiaría tanto aos primeiros partidos.

 

Propostas de modificación da lei electoral galega.

Dadas as recentes eleccións galegas, que situaron ao Partido Popular de Galicia cunha nova maioría absoluta de 41 escanos, e seguido del, pero a moita distancia, o PSOE con 18 escanos, AGE e o fenómeno Beiras con 9 escanos e por último o BNG con 7; cabe ver como serían os resultados  cunha modificación da lei electoral galega.

Primeiro, debemos ter claro, que en Galicia se reparten 75 escanos, dito número non ven fixado no Estatuto de Autonomía, que di que debe darse un número entre 60 e 80 escanos. É a Lei 8/1985 a que atribúe este número de escanos. O Estatuto de Autonomía non di que a circunscrición teña que ser a provincia, esta o é porque así ven fixado na lei que antes citabamos. Así mesmo, se parte duns 10 escanos iniciais por provincia, co que se reparten 40 escanos, e quedan 35 para repartir en proporción a poboación. Como vimos antes, isto ocasionará circunscricións sobre representadas e outras infra representadas. De novo, de ampliar o número de escanos a repartir, e mesmo de eliminar o elemento de corrección da proporcionalidade de 10 escanos por provincia, algo que se faría sen modificar o Estatuto de Autonomía, conseguiriamos maior proporcionalidade.

Ao igual que no Estado español, Galicia emprega tamén a fórmula D´hondt para transformar o número de votos en escanos, sería, como xa dixemos, oportuno cambiar esta fórmula, por outra que atribúa maior proporcionalidade. Por outra banda, a barreira mínima en Galicia está situada no 5%, e non no 3% que ten o Estado, un aspecto moi negativo de cara a entrada de partidos minoritarios no Parlamento.

En todo caso, a proposta de modificación do sistema electoral galego vai da man da crear unha circunscrición única, isto é Galicia, que contaría con 75 escanos a repartir entre as distintas forzas, co que o voto dun de Lugo valería o mesmo que o voto dun de A Coruña, por exemplo. Modificariamos a barreira mínima de entrada do 5% ao 3% e seguiriamos coa fórmula D´Hondt; de ocorrer isto, os presentes resultados electorais serían os que presentamos a continuación.

Como vemos a simple vista, os resultados son outros ben distintos, é o importante é que a proporcionalidade é maior. A énfase na proporcionalidade ven dada polo busca de que todos os votos sexan determinantes, que toda vontade dos electores se vexa reflectida nas Cortes. Co presente artigo, esperamos ter aclarado, un, o funcionamento do sistema electoral español e galego, e dous, as pautas a seguir para conseguir un sistema máis proporcional, e polo tanto mellor adaptado a vontade dos e das cidadáns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.