Prostituír a democracia

Nas épicas batallas do pasado que tan ben describe o cinema bélico, en ocasións os exércitos en teoría máis poderosos perdían posicións ante o avance da intelixencia estratéxica dos inimigos que crían erradamente máis débiles.

A decisión do executivo galego de levar a cabo unha reforma cuantitativa no número de escanos no Parlamento galego, non é máis que a evidencia dunha debilidade dun goberno, acurralado pola súa incompetencia sobrevida e polo seu temor a unha perda do poder que as enquisas agoiran. Di moi pouco dos nosos gobernantes, ese temor ante un inicio incerto dun partido no que algúns pretenden cambiar ar regras do xogo, antes do saque inicial. Reducir de 75 a 61 escano as cadeiras parlamentarias, non é máis que unha cortiña de fume para tapar dende a demagoxia,as evidentes carencias executivas. Mentres uns prostitúen o concepto de democracia dende os seus bastardos intereses, os demais limítanse a berrar cara ao baleiro que representa o silencio cómplice de algúns, e o apoio subvencionado de outros.

Esa deformación do espírito dunha democracia sólida, non é máis que o subterfuxio dos mediocres que pensan que todo vale con tal de aferrarse ao que probablemente non estean capacitados para rexer

Así pois, pode que na próxima lexislatura a representatividade na cámara galega tenda a un empobrecedor modelo bipartidista, no que moitos galegos queden na marxinalidade de non sentirse representados por ninguén. Esa deformación do espírito dunha democracia sólida, non é máis que o subterfuxio dos mediocres que pensan que todo vale con tal de aferrarse ao que probablemente non estean capacitados para rexer, e ás probas da súa xestión da crise me remito. Mentres seguiremos sostendo as caciquís deputacións provinciais, ou o inútil Senado do Estado. No fondo da cuestión, non hai máis que ideoloxía importada das beiras putrefactas do río Manzanares, dende o que se envían frecuentes mensaxes contra un Estado das Autonomías probablemente mal dimensionado.

Esperanza Aguirre e os seus “secuaces”, puxeron proa cara o findo modelo actual de autogoberno autonómico, apoiado polos poderes fácticos causantes da crise. E mentres en Galicia, os sinais de chegada desa mensaxe de claro tenor antidemocrático, son alarmantes e perniciosos. A un sempre lle queda a esperanza de que a intelixencia dos galegos fágalles ver con claridade, que o que pretenden non é un aforro económico, senón asegurar os seus “ingresos” e os dos seus colocados a dedo. Probablemente o próximo Parlamento non reflicta o que é en realidade a sociedade galega, mais ese non é o obxectivo dos que prostitúen a democracia, e así nos vai...

Ou non?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.