Os océanos cobren as tres cuartas partes da superficie do noso planeta, no que máis de tres mil millóns de persoas dependen da biodiversidade mariña e costeira para o seu sustento. A pesca emprega directa ou indirectamente a máis de 200 millóns de persoas en todo o mundo e os mares absorben arredor do 30% do dióxido de carbono producido pola poboación, amortecendo os impactos do quecemento global. Son datos de Nacións Unidas que traemos a colación no Día Mundial da Información sobre o Desenvolvemento, data na que cómpre facer especial fincapé sobre a Axenda 2030 que os estados membros da ONU se comprometeron a materializar.
Esta folla de ruta contempla 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que abarcan desde a loita contra a fame e o acceso á saúde e a educación, ata a equidade de xénero ou a protección do planeta. Neste último grupo encádrase o ODS número 14, que avoga por “conservar e utilizar de maneira sustentable os océanos, os mares e os recursos mariños”. Un mandato que en Galicia, con máis de 70 municipios costeiros, non podemos ignorar.
O ODS 14 pon de relevo que auga do mar se ve afectada pola contaminación producida en terra, polo que cómpre non só evitala senón tamén restaurar os ecosistemas mariños. Ao mesmo tempo, débese regular a pesca en base a criterios científicos, así como acabar con prácticas ilegais e destrutivas, un proceso no que hai que ter en conta a valía das embarcacións artesanais. Ao tempo, convén protexer as zonas máis sensibles.
As administracións locais poden tomar medidas para contribuír a algunhas destas metas, por exemplo mellorando os seus sistemas de saneamento, como o Concello de Cambados está a facer nos últimos anos. A Ría de Arousa non é só un prezado espazo natural, senón tamén unha fonte de alimento e un valiosos atractivo cultural e turístico, tal e como evidencian iniciativas como Guimatur, un proxecto da asociación Mulleres do Mar de Cambados baseado en visitas guiadas ao porto e á actividade marisqueira.
O do saneamento é un reto compartido cos municipios dos países menos adiantados, onde Cambados colabora como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Esta rede, integrada por un cento de concellos e deputacións, ten apoiado proxectos desta índole en Perú, Nicaragua, Guatemala e, sobre todo, Cabo Verde, mesmo coa instalación de baños nas casas e formación sobre prácticas hixiénicas. Conseguiuse así mellorar a calidade de vida da veciñanza e paliar a transmisión de enfermidades como a diarrea ou o cólera.
A conservación e o uso sustentable dos mares é de importancia capital dada a súa “contribución á erradicación da pobreza, o desenvolvemento económico sostido, a seguridade alimentaria, a creación de medios de vida sostibles e o traballo decente, así como á protección da diversidade biolóxica e o medio mariño e as medidas para facer fronte aos efectos do cambio climático”, recoñece a o documento ‘O futuro que queremos’ resultante da cimeira internacional Río+20. Nos distintos niveis de goberno, pero tamén en cada unha e cada un de nós, está achegar o noso gran de area para que así sexa.