Proto-ridiculistas

A bo seguro que algún de vos a coñece. Anda por ai; recollida, documentada, citada, máis ou menos glosada e debidamente explicada, en compilacións e traballos varios. Como tantas cousas nun país que leva séculos a tentar ser deglutido pola voráxine colonial do veciño, perviviú, a duras penas, na cultura popular, no boca a boca, na oralidade da nosa língua. Existen pois múltiples variantes e modificacións, mais coinciden todas elas no esencial. Eu coñezo esta:

Carlos V foi á guerra,
dacabalo da cadela,
Carlos V perdeu,
e a cadela non volveu.

Foi por alí, xusto a ren da Casa dos Caneiros, que pasou, abrindo a primavera de 1520 Carlos de Castela e o seu maxestuoso séquito, camiño de se converter no imperial Carlos V

A min chegoume através da miña avoa, e a esta através da súa, xa que, aseguraba, era un falar de moi vello. Hai sitios onde circula como parte dunha arrolada para cativos, desprovista en parte da mensaxe da súa letra. Non era así na nosa casa, onde facía as veces de refrán, aplícandose a esas situacións onde un acepta participar con alguén máis poderoso en según que empresas confiado nun suceso seguro. Mais se veñen mal dadas, o mandamáis ha de ter como saír dignamente do lance, e o fidel e sumiso vasalo ten por seguro o peor dos destinos, deixado, a maiores, da man do seu amo.

Cousas curiosas. A familia da miña avoa, Dio-la teña na Gloria, tocaba nun solar antigo enfiando a entrada da ponte vella de Portomarín, (referenciado Portomariño nos papelotes vellos da casa), ao pé do Camiño Real. E foi por alí, xusto a ren da Casa dos Caneiros, que pasou, abrindo a primavera de 1520 Carlos de Castela e o seu maxestuoso séquito, camiño de se converter no imperial Carlos V.

A historiografía oficial fálanos da, por outra parte lóxica, fastuosidade coa que se recibiu en todo o país a visita do fillo da raíña tola. Sabemos asi que a súa pernota en Portomarín foi honrada cunha impoñente benvida e con toda clase de luxos e viandas.

Pero sabemos tamén, grazas á pervivencia da nosa cultura máis popular, através do elo indestrutíbel do noso idioma, que os ridiculistas de hoxe, o lexitimismo froilanián, a Galiza luminosa, rabuda, retranqueira, que esta a sair á rúa contra o desproposito borbónico deste verán, choteándose deste sainete, ten nos nosos ancestros máis remotos, a súa semente máis fecunda e orgullosa.

Cachondearse paveramente desta monarquia putrefacta e insalubre, como estamos a facer multitude de xente estes días forma parte da nosa mellor tradición histórica

Quero dicir, nós, que nos temos polos hipsters máis modernos e orixinais do mundo, non fixemos se non facer valer a máxima do “todo volve” daquel de Trasalba, e eso, ao meu ver, lonxe de ser un demérito é, como diría o monarca cesante, “motivo de hondo orgullo y satisfacción”.

Cachondearse paveramente desta monarquia putrefacta e insalubre, como estamos a facer multitude de xente estes días, (como unha máis que necesaria e efectiva maneira de reivindicar para a nosa nación os dereitos que en xustiza lle corresponden) forma parte da nosa mellor tradición histórica, ainda que, presos do secuestro que da nosa propia historia fai a metrópole, descoñezamos o noso propio periplo como pobo.

Total que nada: pasaron 459 anos, e 18 monarcas, dende que o daquela home máis poderoso do univeso mundo, Carlos V, abdicou, como fai hoxe o seu vinculeiro Juan Carlos I. Hoxe a entelequia imperialista española como potencia planetaria non existe nin como chiste. A pesar delo, o hoxe demisionario liderou durante décadas o holding colonial que nos somete como pobo, e non lle foi mal de todo.

Polos Caneiros de Portomarín pasaron 20 xeracións nos 459 anos referidos entre ambas abdicacións, tempo máis que suficiente para que a propia casa dos Caneiros sexa non máis un recordo do pasado, sumerxida como foi polo delirio franquista que enterrou en auga o vello Portomarín, ao tempo, o asimilacionismo español desdibuxou Galiza de xeito incesante. A pesar delo, sen acabar de saber exactamente como, a memoria, talvez difuminada, parcial e inconexa, do noso pasado como pobo pervive e chega a nós.

Virán, seguro, 20 xeracións a maiores a rirse deles, a facer bandeira dun país alegre e combativo que acredita na liberdade e na democracia sen domas nin sumisións

Pasarán outros 5 séculos, coroarán ducia e media de mequetrefes, farán do noso país unha esterqueira inzada de encoros e aproveitamento forestal de rápido rendemento, deturparán a nosa historia até dicirnos que falamos bable... pero virán, seguro, 20 xeracións a maiores a rirse deles, a facer bandeira dun país alegre e combativo que acredita na liberdade e na democracia sen domas nin sumisións. Porque hai moito que aprendimos a non participar en máis guerras que na nosa e a non cargar con ninguén ao lombo. Porque non somos cadelas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.