Protocolo ou película de sobremesa?

Por se o panorama en todo canto ten que ver coa violencia de xénero non fora bastante desalentador, o protocolo lanzado polo Ministerio do Interior hai tan só unhos días non fai se non reafirmar a máis crúa das realidades: As vítimas da violencia de xénero continúan, continuamos a estar desamparadas case por completo, e, unha vez máis, a nós se nos encomenda a responsabilidade de protexernos para seguir vivas, ou polo menos, tentalo. 

As vítimas da violencia de xénero continúan, continuamos a estar desamparadas case por completo, e, unha vez máis, a nós se nos encomenda a responsabilidade de protexernos para seguir vivas

Ao máis puro estilo de película de serie B, desas que nos inducen a sesta nas fins de semana, se nos dan recomendacións tales como “habilitar unha habitación do pánico onde refuxiarse”, “pactar cos nenos e cos veciños sinais para que dean a voz de alarma”, ou, se o agresor abandona o domicilio, cambiar as pechaduras e mellorar os sistemas de seguridade da vivenda, instalando, por exemplo, vídeoporteiros.

Estas,entre outras suxerencias, non son senón a máis palpable e lamentable demostración de que, aínda a día de hoxe, cando a violencia de xénero deixou xa tantas e tantas tráxicas pegadas, a realidade, a dura realidade á que se teñen que enfrontar cada día as vítimas da violencia machista e mesmo seus fillos, segue a ser unha descoñecida e a materia pendente de quen, suponse, tería que protexelas.

E totalmente condenable que a nosa vida estea nas mans de quen semella ignorar, por exemplo, que o agresor non avisa das súas intencións, simplemente ataca

E totalmente condenable que a nosa vida estea nas mans de quen semella ignorar, por exemplo, que o agresor non avisa das súas intencións, simplemente ataca, cando menos o esperas, e nin todas as “habitacións do pánico” do mundo servirán de nada, porque a capacidade de reacción dunha muller agredida é practicamente nula.....O medo paraliza, ou aínda non chegaron a ese capítulo nesa formación que se supón teñen?. Por non mencionar as condicións de vantaxe do agresor en canto a forza física. 

Como se pode pretender que unhs nenos, totalmente aterrados ante a agresión que están a presenciar ou da que mesmo tamén poden ser vítimas respondan ante calquera sinal....?.Un pouco de sensibilidade, por favor, son nenos, non dispositivos de alarma!!!

E que dicir deses veciños que se supón van acudir a auxiliarnos en canto detecten esa “contrasinal máxica”? Lémbrolles que son eses mesmos veciños que, posiblemente, escoitaron as malleiras, os berros, máis dunha vez e de dúas, ou poida que mesmo presenciaran algunha das agresións, pero preferiron ignoralos... Para que meterse en problemas?

Ou é que aínda non somos conscientes de que a escasa ou inexistente implicación da sociedade é un dos pilares fundamentais nos que se sustenta a violencia machista?

Ou é que aínda non somos conscientes de que a escasa ou inexistente implicación da sociedade é un dos pilares fundamentais nos que se sustenta a violencia machista?

En canto á seguridade na vivenda, moi loables as recomendacións de instalar sistemas de seguridade  “antimaltratadores”, se non fose porque iso ten un custo económico, un custo que a maltratada non vai, na inmensa maioría dos casos, poder afrontar, porque unha das facianas da violencia de xénero é a violencia económica, ou, dito doutro xeito, a ver se así o entenden mellor, non dispoñen de recursos, e iso cando non se ven na obriga de abandonar elas mesmas e seus fillos, o seu fogar se queren sobrevivir, cunha man diante o outra atrás, ou, o que é o mesmo: sen nada.

Medo me dá tamén pensar neses formularios que as forzas da orde empregan para avaliar o risco da vítima, vítima que cando chega a denunciar xa vén de soportar case sempre longos periodos da violencia máis despiadada, polo que é bastante improbable, por non dicir imposible que, no estado de lóxico nerviosismo e mesmo aturdimento no que se encontra, transmita toda a información precisa para que se lle proporcione a protección que sería imprescindible para ela....Por moitos baremos que se apliquen!

Precisamos axuda, apoio, non que nos carguen a responsabilidade de protexernos nas nosas costas, que bastante carga levamos enriba delas xa!

Isto é grave, moi grave. Unha vez máis, as vítimas estamos a sentirnos menospreciadas, infravaloradas, e doídas de que se esqueza que a nosa condición é precisamente esa... A de vítima. Precisamos axuda, apoio, non que nos carguen a responsabilidade de protexernos nas nosas costas, que bastante carga levamos enriba delas xa!.

Poida que esteamos nas mans de xente con moita formación, posiblemente, pero, que pasa co factor humano, coa empatía? Acaso reservan estes conceptos soamente para empregalos detrás dunha pancarta cando unha muller máis é asasinada?.

Esta, señoras e señores do Ministerio do Interior, é a vida real, non unha película de sobremesa, non se trabuquen!.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.