Psicopatoloxía do depredador neoliberal

As condutas irracionais e insolidarias das persoas neoliberais tanto cos seus conxéneres coma coa natureza reproducen fielmente todas as eivas presentes nas cativas e nos cativos, coa diferenza de que na infancia estas deficiencias son connaturais ó proceso de crecemento mentres que nos neoliberais representan unha falta de maduración intelectual e emocional.

As cativas e os cativos son ás veces irresponsables cando se poñen a xogar e logo deixan todo tirado polo chan. Os neoliberais tamén o son cando non queren compensar a contaminación e as enfermidades que producen coas súas actividades empresariais. Non teñen reparos en mentir para defender a apropiación dos recursos naturais que esquilman ou para negar o cambio climático que causan, e non queren saber nada do concepto de economía sustentable. Teñen tan pouca responsabilidade coma sentido de estado e prefiren afundir o barco antes que deixar que outra persoa o pilote.

As persoas neoliberais tamén son dogmáticas cando esixen que exista un só tipo de familia

As cativas e os cativos non toleran ben as variacións sendo ríxidos nas súas condutas: cando aprenden a facer algo dun xeito, non admiten que se lles diga que o fagan doutra forma. Esta conduta ten un sentido na infancia: a falta de criterios intelectuais para ver as posibles alternativas leva a que sexa adaptativo facer as cousas sempre igual. As persoas neoliberais tamén son dogmáticas cando esixen que exista un só tipo de familia, desequilibrándoas que haxa xente que teña costumes distintas as súas. A súa agresividade contra o galego responde a esta eiva mental: non soportan que existan outras formas de vivir, de falar, de pensar porque necesitan que haxa unha verdade única. Non é realmente tanto unha descualificación ideolóxica doutras condutas como unha falta de maduración mental que lles impide asimilar a diferenza.

 

A súa agresividade contra o galego responde a esta eiva mental: non soportan que existan outras formas de vivir, de falar, de pensar porque necesitan que haxa unha verdade única

As cativas e os cativos poden ser incoherentes, tendo condutas contraditorias no espazo de poucos minutos. As persoas neoliberais fan exactamente o mesmo cando levantan a bandeira da liberdade como eixe central da súa posición política para a economía e, acto seguido, arremeten contra esa mesma liberdade ó deslexitimaren outras formas de facer as cousas na vida privada da xente: dálles un derrame cerebral ó pensar que un homosexual pode adoptar un bebé, e queren impoñer unha clase de cultura relixiosa ós que non queren a clase de relixión. A pregunta sería por que non son coherentes e deixan que o “mercado” actúe para que cada quen elixa na súa vida privada o que lle pareza máis axeitado ás súas crenzas persoais. Tal vez sexa porque non poden soportar que a xente teña liberdade para ser feliz cando eles están tan reprimidos coas súas obsesións relixiosas e morais sen sentido.

Están focalizadas nelas mesmas e non son capaces de ver nin ás persoas prexudicadas nin ós recursos naturais esquilmados polas súas accións empresariais irresponsables

As cativas e os cativos tenden a ser egoístas: toda a súa atención está centrada neles mesmos e só perciben ós demais na medida en que afecta os seus obxectivos. Esta conduta está gravada nos nosos xenes para a supervivencia dado que na natureza os recursos son escasos. As persoas neoliberais non superaron este medo inconsciente á morte e seguen presos dunha cobiza destrutiva irracional unha vez que se ten alcanzado o necesario para vivir dignamente.

A este medo primitivo as persoas neoliberais súmanlle un intento de encher o espazo baleiro dunha vida sen sentido cun acaparamento insaciable de riquezas. Están focalizadas nelas mesmas e non son capaces de ver nin ás persoas prexudicadas nin ós recursos naturais esquilmados polas súas accións empresariais irresponsables, tendo escaso sentido de que é un comportamento ético. Así non teñen ningún problema coa mentira de facer pasar como solucións á crise actual o que non son máis ca medidas neoliberais inxustas e inútiles polas que levaban anos suspirando.

Toda a súa comprensión da realidade social está afastada da socioloxía, que require certo manexo de conceptos complexos, e redúcese a psicoloxía barata de sobremesa

As cativas e os cativos teñen unha representación simplista da realidade acorde coas súas capacidades intelectuais. A construción teórica das persoas neoliberais padece deste mesmo simplismo: non comprenden o funcionamento da sociedade, os seus procesos sistémicos e as súas causas estruturais. A súa teoría social non é socioloxía senón psicoloxismo simplista maniqueo: non ven razóns sociais que expliquen a delincuencia senón que cren que hai persoas “malas”; non analizan a inxustiza dun modelo educativo ineficaz senón que cren que o alumnado non se esforza o suficiente; non aceptan que a crise actual sexa consecuencia da súa obsesión pola desregulación da economía senón que cren que foron financeiros cobizosos e sen escrúpulos os causantes da mesma a título individual. Toda a súa comprensión da realidade social está afastada da socioloxía, que require certo manexo de conceptos complexos, e redúcese a psicoloxía barata de sobremesa ó alcance de calquera nena ou neno de doce anos para esconder as súas responsabilidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.