PSOE e BNG ante Mateo e Pigmalión

Praza Pública naceu coa vontade de osixenar informando e enriquecer valorizando voces e xeitos de contar que non se atopan noutros espazos. Potenciando a rede comunicativa e colaborativa nun tempo aberto neste eido pero onde a sensación de claustrofobia envólveo todo. Onde boa parte da sociedade-rede xa conversa, infórmase ou traballa incardinada nunha realidade que deixou de ser emerxente para cristalizar, removendo radicalmente estruturas sociais e de poder a distintos niveis. Sexa benvida a súa achega ás nosas vidas pois unha interpretación crítica, galega e en galego do incerto mundo ao que nos encamiñamos é mais que precisa cando vogamos sobre 2012, o ano de “tódolos perigos”, como di Ignacio Ramonet.

Nace na esfera dixital para ollar o mundo coas lentes dun país ao que lle afecta a formidable marea de mudanzas coma calquera outro. Na era pos-Fraga e, posiblemente, na era pos-BNG. Nace tamén na democracia post-ETA que supera a etapa de pos-transición, onde comeza a cuestionarse abertamente o papel dunha institución coma a Monarquía. E ata nunha pos-democracia tecnocrática resultante da instauración da pax germánica en plena II Gran Recesión, que o que mellor democratiza é o efecto Mateo; aquel polo cal os que mais teñen acumulan máis e máis e os que menos son desposuídos do pouco ao que tiñan acceso e fican desprazados do sistema, asentando unha relación inxusta de submisión e vasalaxe propia das vellas sociedades piramidais do Ancien Règime feudal, anterior a 1789.

Ao desbocado efecto Mateo engádeselle a irrupción do efecto Pigmalión. Este atenaza e confunde ás esquerdas que se limitaron a xestionar o realmente existente renunciando a combatela anti-utopía imperante no terreo dos valores, e redobrando a democracia do ladrillo e as súas consecuencias. Xogando a ser o que non saben ser. Neste caso o efecto Pigmalión na súa versión negativa, e pola cal o principio de actuación que rexe as decisións internas vai na liña do que, negativamente, a maioría social espera que fagan. Outros, directamente, xa non esperan ren.

Os partidos, sendo organizacións e ferramentas pechadas e de intereses, ante a necesidade de cambio, recúan. A desconfianza e a desafección aumentarán mais e ámbalas dúas, á espera do Congreso Nacional Galego do PSdeG, atópanse nunha encrucillada maior que antes do 20-N. Apostaron polo inmobilismo e por agardar impasibles a que a crise lles devolva o que a crise lles quitara, coa salvidade de que a dereita ten gañada a batalla dos marcos interpretativos. Tamén a de presentarse como forza dinámica e adaptable, atrevéndose con reformas que o social-liberalismo dos últimos tempos non soubo, non puido ou non quixo concretar (coma o recorte en subvencións públicas a partidos, organizacións empresariais e sindicatos, ou o recorte dos impúdicos salarios a banqueiros, nunha mistura de populismo e sentido da oportunidade política que compaxinan coas medidas de axuste duro e suba de impostos).

O BNG e a “paciencia revolucionaria”:

No BNG isto verbalizase xogándoo todo á carta máis alta da “paciencia revolucionaria”, coma se un escenario de deterioro económico tan fondo que provoque un estalido social (posible) vaia empurrar ás masas traballadoras nos brazos dos seus líderes para construír unha sociedade sen clases e unha Galiza liberada da noite á mañá ou, simplemente, levalos a Monte Pío (imposible). Advírtase que no hipotético caso, a revolta, coma sempre e en todo lugar, produce os seus propios liderados e as estruturas xa constituídas percíbense sistémicas e, polo tanto, un obstáculo máis.

O xenuíno instrumento de emancipación social e nacional do que se dotara o pobo galego alá por 1982 está chamado a reinventarse ou a esmorecer logo do acontecido nunha 13ª Asemblea que significaría o epicentro dun terremoto político e un fito histórico: a Gran Clarificación e o recoñecemento das diferentes sensibilidades ideolóxicas do galeguismo e o nacionalismo reflectidas na oferta electoral, nun exercicio de normalidade pluralista, a imaxe e semellanza doutras realidades nacionais do estado español.

Fálase abertamente da posibilidade de superar o modelo frontista que dera bos froitos nos 90´s baixo o liderado transversal e aglutinador do gran referente histórico que foi (e segue sendo) Xosé Manuel Beiras, pero que se atopou no albor do novo século coa insalvable contradición que supón gobernar no día a día para todos. Esas contradicións abrollaron en Amio dividindo ao BNG en dúas metades irreconciliables.

Hai moitas e vareadas lecturas para o que está acontecendo mais é probable que o nacionalismo non estea enleado noutra batalla mais, concibida unicamente en parámetros de loita pola hexemonía no seo da organización maioritaria e referencial, senón que experimenta algo que, tarde ou cedo, e coincidindo cos seus 30 anos de existencia, afectará a outras organizacións: unha revolución horizontal con compoñente xeracional que, neste caso, procura un nacionalismo vigoroso, aberto e integrador e, por riba de todo, útil e realista. Cando un novo paradigma emerxe, outro tarda en caer, e esa transición chámaselle crise.

Hai unha xeración de galegos que aínda estando vinculados no emocional coa loita anti-franquista xa non o están polo feito biolóxico, nin tampouco coa construción dun bloque histórico de liberación nacional concibido en clave terceiromundista e afeito, no último decenio, a convivir non só nun equilibrio de suma cero resistente senón experimentando un proceso de descomposición interna. Se non lles deixan construír dentro as súas arelas, farano á marxe e trocarán a histórica (e hoxe sufrida) alianza entre “upegallos, pexegos e peixes” por unha nova relación.

Son os que xa non conciben a política dos pasquíns e as multicopistas, a pegada de carteis ou as reunións clandestinas. Os que estudan Erasmus e se criaron vendo o Xabarín, viaxan en low cost ou establecen un dialogo permanente a través das redes sociais. Os que albiscan na distancia o exemplo do Che pero senten próxima a loita de Camila Vallejo en Chile e a doutros indignados aquí ou acolá. Os que xa non respectan a man de ferro de calquera nomenklatura nin apparatchik, nin tampouco padecen a Síndrome de Estocolmo política que para outros representa rachar cos que publicamente denuncias de manterte secuestrado. É a Galiza ceibe das ataduras de Maio do 68 pois viviron o seu Maio en 2011 e queren facer o seu propio camiño porque o camiño está feito para andar.

A maioría deles fai súas as verbas d´O Beiras (quen seguramente teña a chave mestra da resolución da encrucillada), consolidado no papel do druída moderno que fala para todos á marxe de sensibilidades: “lealdade ao pobo galego e ao cidadán do común por riba da lealdade a calquera aparato”. Mais o paradigma da Unión do Povo Galego non caerá doadamente, xa que foi a organización nuclear e fundamental do nacionalismo moderno. A mais comprometida, activista e perseverante. A produtora incansable de cadros e dunha cosmovisión revestida de formación ideolóxica, mais ben simple, pero de claro espírito rebelde e combatente. O seu rol, coma o doutras ramas do nacionalismo, está en mans dos seus militantes mais, sobre todo, nas duns cidadáns galegos que xa non agardan mais e que nas urnas veñen marcando un vieiro definido e claramente minguante.

Pode que a Gran Clarificación, de producirse, supoña unha nova fronteira do galeguismo e unha competición de efecto multiplicador que fomentaría a unidade dende a complementariedade, a colaboración táctica e estratéxica, pero dende a asunción definitiva dunhas diferenzas que fan perder o 90% dos folgos en cuitas internas como, por outra banda, vén de ensaiarse a nivel estudantil (universitario). A recuperación da credibilidade e o pulo social.

O PSOE, derrota do zapaterismo e trunfo da vella garda:

A situación do PSOE é diferente pero o que aconteza co futuro do BNG repercutirá inevitablemente aquí porque os vasos comunicantes (xa máis sociais ca electorais) entre ámbolos dous están contrastados e afectan ao progresismo e o galeguismo no seu conxunto. Aínda así, o socialismo hispano ten 133 anos de historia e, a priori, non corre risco de escisión porque, no fondo, non hai diverxencias ideolóxicas insalvables. Pero si houbo no último Congreso dúas concepcións enfrontadas: entre o socialismo chamado renovador, clásico e felipista, que trunfara e fora protagonista da construción da España saída do réxime franquista e unha concepción pos-moderna representada no que supuxo o zapaterismo, coas súas luces (ampliación de dereitos civís, políticas de contido social, aceptación da España Plural ou a pacificación de Euskadi) e as súas sombras (a última lexislatura e o fracaso no eido económico).

Trunfaron os primeiros e, polo tanto, trunfou a volta ás esencias nominalmente mais obreiristas e unitarias, xacobinas. Iso pode levar por diante as expectativas de reforma federalizante mais tamén pode acompañar un intento de reconstrución e rearme ideolóxico na liña dunha maior pureza socialdemócrata, nunha conxuntura onde o papel da socialdemocracia europea do século XXI está sendo cuestionado: coa propia democracia e o papel de harmonizador social do estado en grave crise.

Se as tensións internas se van sublimando en aras da unidade (os chaconistas, ante a nula integración, anuncian oposición interna) puidera supoñer o rearme a medio prazo dun proxecto onde Rubalcaba tería pouca acollida coma futuro presidenciable, e onde as miradas puideran poñerse en figuras emerxentes coma o vasco Eduardo Madina, o navarro Juan Moscoso ou a propia Carme Chacón. Sen descontar o predilecto do propio Rubalcaba: Patxi López, ou alguén de perfil mais descoñecido/a, ao estilo Zapatero.

Tamén corre o risco de que as tensións internas se prorroguen sine die e non logre recuperar o apoio maioritario dos cidadáns por unha longa temporada. Isto abriría as portas a diferentes escenarios. Aínda así semella que perdeu a oportunidade de re-conectar no curto prazo coa base social natural representada no Movemento 15-M e que busca novos símbolos e referentes, esixe unha redistribución equitativa e real dos recursos e das cargas, unha separación efectiva entre a Igrexa Católica e o Estado e o empoderamento dunha cidadanía que desconfía das externalidades producidas por un bipartidismo hipertrofiado. O PSOE celebrou 13 Congresos ata a Guerra Civil, 13 dende aquela ata o de refundación de Suresness e o de Sevilla foi o 12º dende Suresness. Pode que supuxera un paso atrás para, no seguinte, retomar outravolta posicións cara unha nova hexemonía social. Sempre que a revolución neocon, ou a súa vertente neofascista, non bote raíces.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.