PSOE obediente e sen oportunidade

CC-BY-SA Praza Pública

O caso é que non hai maneira de enfeitar a imaxe dun consello de ministros que Sánchez nunca debeu tentar organizar en Barcelona, no medio dun escenario represivo, con líderes na prisión sen condena firme e o fracaso por apropiación do totem diálogo. Seica primeiro non había problema; despois pasouse ao dialogo dentro da lei; se é así, con estas coordenadas, hai lugar para ele?; dialógase entre iguais e, as veces, o mellor é calar, axir por xestos e afagos. Cando Sánchez lanzou a idea deste consello de ministros en Barcelona procurábase un simbolismo de distensión que após o acontecido nas últimas semanas, preténdeselle dar un aquel de “normalidade institucional” tendo como ranzo mediador evanescente a Foment del Treball. Normalidade, u-la? A dun país con líderes civís e políticos no cárcere? A “normalidade” dun xuízo do 1-O a celebrar en única instancia no Tribunal Supremo sen  argumento xurídico para que así sexa?

O día 2 de outubro de 2017 o PSOE defrontou un dilema e optou polo vieiro da violencia institucional promovida por Rajoy, a caverna  e  as baronías do PSOE (Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha e Estremadura). En vez de desvincular, promoveu o «¡A por ellos!» diante un escenario de non violencia e de pacifismo emocional. Acrecentar, aínda, que foi o PSOE quen anunciou a reprobación da vicepresidenta Sáenz de Santamaria para acabar abandonando esta reprobación logo do infame discurso de El Rei. Desta tomada de posición deriva o que agora son os seus efectos. De ter escollido outro vieiro talvez hoxe non tería gobernado mas non tiña adicionado a súa opción á crecente monarquización das institucións. Quer dicir, non se albisca unha solución sen un referendo e esa posibilidade política ficou hipotecada  para o PSOE.  Da  súa adherencia ao marco político deseñado desde a extrema dereita derívase a súa mao dura co independentismo malia terlle facilitado a moción de censura que o colocou no goberno central. O PSOE ficou sen escolla.

O sorprendente seria que a cidadanía catalá non amosara rexeitamento a un consello de ministros no aniversario das eleccións do 21-D que gañou o independentismo aínda que foran concibidas e convocadas para que perdera. Mas o Estado precisaba lexitimar esa vitoria no campo dos acontecementos, obtida pola forza, cunha vitoria nas urnas. O Estado non tivo a vitoria que procuraba, porén, os líderes soberanistas foran para a prisión e o exilio nunha causa xeral lanzada contra o soberanismo. Prevese o desdobramento de mais de 1.300 efectivos da Policía e a Garda Civil que a esta altura só pode ser interpretado como provocación e voz de mando, en perfecta aliñación  coa dereita española en Cataluña, que non fai outra cousa que provocar para  xerar caos. Velaí a invocación permanente á aplicación indefinida do 155, agardando resultados electorais “favorábeis” o que significaría, como ten apuntado Enric Juliana “a mutilación da democracia en toda España. Quer dicIr, un golpe de Estado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.