Creo en Deus Pai todopoderoso, creador do ceo e maila terra... creo que o gasto social elevado, sufragado por medio de impostos altos, é prexudicial para a prosperidade económica porque reduce os estímulos para a contratación de traballadores e os incentivos para aforrar e investir. Creo que os competidores do exterior ameazan a prosperidade nacional e é preciso concentrar toda a nosa atención sobre a competitividade e o crecemento económico; que debemos eliminar tódolos obstáculos para o desenvolvemento das empresas, para o aforro e mailo investimento; e rebaixar os impostos e favorecer a obtención de beneficios. Creo que a posición dun país na economía mundial verase seriamente afectada se ten que soportar a carga dun gasto social elevado, que impide a eficiencia económica e coarta as liberdades persoais, xa que os programas sociais impoñen unha carga fiscal excesiva sobre os cidadáns e as empresas, e a extensión destes programas debilita os mecanismos do mercado e distorsiona os incentivos esenciais para un crecemento e un rendemento económicos saudables, así na terra coma no ceo. A destrución creativa é o que ten: só contaremos con gañadores se tamén toleramos aos perdedores. Creo que deberiamos deixar que os mercados ofreceran por si sós a meirande parte dos servizos que presta o Estado de Benestar. Creo no libre mercado e na súa suprema eficiencia, na globalización e na competitividade,... no perdón dos pecados, na resurrección dos mortos e na vida eterna. Amén. Así reza, palabra arriba ou abaixo, o credo da dereita política que recibiu hai nada o apoio maioritario da poboación galega e da española, mais de 12 millóns de votos. O mesmo credo que defenden os xornais madrileños, rexionais e provinciais, e predican os seus escribidores. O credo de Aznar e Rajoy, pero tamén de Felipe González, que prefería morrer acoitelado no metro de Nova York que de aburrimento nas seguras rúas de Moscova, segundo confesou ao desfacerse da chaqueta de pana; o credo, así pois, que terma do Sistema e que levaba bloqueado dende o Nadal pasado polo malvado Pedro Sánchez Gargamel, que en paz descanse. E coma tódolos credos, ou se crens ou non; mais se se cren, xa non se razoan nin se discuten nin se cuestionan. E por suposto, que a realidade nunca che escaralle unha linda teoría.
Nun documento de traballo realizado en 2005 para a OCDE, Michael Forster e Marco Mira, examinaban a distribución do ingreso e da pobreza nos países membros na segunda metade dos anos 90. No 2008, e sobre os resultados do traballo citado, Jeffrey Sachs dividiu os países en tres grandes grupos de sociedades capitalistas: Benestar Social (Dinamarca, Finlandia, Noruega e Suecia), con sistemas de seguridade social moi amplos e niveis elevados de gasto social; Libre Mercado (Australia, Canadá, Irlanda, Nova Zelanda, Reino Unido e Estados Unidos), con prestacións sociais reducidas e gran confianza na liberdade dos mercados; e, por último, Economía Mixta (Austria, Bélxica, Francia, Alemaña, Italia e Holanda), entremedias do sistema de benestar social e do sistema de libre mercado. Pois ben, as evidencias históricas apuntan a que os chamados Estados de Benestar, contrariamente ao rezado no credo libertario arriba mencionado, presentaban elevados niveis de renda (o elevado gasto social non empecía o crecemento e a prosperidade), altas taxas de ocupación (o gasto social non era un atranco para a xeración de postos de traballo), unhas taxas de pobreza baixas (o número de perdedores no sistema era moito menor), taxas elevadas de aforro nacional (a elevada carga fiscal non empece o aforro) e unha distribución mais equitativa da renda ca as sociedades de libre mercado. No caso da concreto da pobreza (porcentaxe de persoas que viven con menos da metade da renda nacional media por familia), a diferencia entre os dous sistemas económicos era de escándalo: a taxa media nas economías de libre mercado (12,6%) duplicaba a dos estados de benestar (5,6%), e sendo a taxa nos Estados Unidos, o líder do grupo e onde prefería ser acoitelado Felipe González, un 17,1%. E por si todo isto soubera a pouco, os países membros do grupo Benestar Social ocupaban as primeiras posicións do mundo polo seu baixo nivel de corrupción e elevada confianza depositada nas súas institucións de goberno. Ou sexa, o que se di España.
Se damos por feito que o voto é razoado e ben informado, sería lóxico concluír que en España hai 12 millóns de persoas con patrimonios avultados ou elevados ingresos que reclaman impostos baixos e gasto social esmirrado, que xa eles pagarán do seu peto a educación dos fillos, as enfermidades e tódolos croios que a vida lles vaia poñendo polo camiño adiante... Porque de non ser así, é dicir, se neses 12 millóns de votos hai xubilados, pensionistas, obreiros, parados e estudantes que estean exentos de facer a declaración da Renda, daquela entendería e partillaría as opinións de Fernán Vello sobre a sabedoría do pobo galego; e tamén entendería ao gran pillagaliñas Eleuterio Sánchez cando afirma: “que un obreiro vote ao PP é un reflexo da estupidez humana”. Para Einsten había dúas cousas sen límite: o Universo e maila estupidez humana.