Que acontece realmente en Nicaragua?

A historia muda a comenencia de quen goberna. Por iso é importante contextualizar a nivel internacional as causas que levaron ao estudantado de distintas universidades do país a saír ás rúas para reclamar os seus dereitos e por que a Policía Nacional os está matando.

Despois de que o Frente Sandinista de Liberación Nacional, FSLN, perdese as eleccións presidenciais de 1990, nun entorno de guerra e extrema pobreza no país, este partido comeza a fragmentarse, as diferenzas internas causaron que moitos dirixentes e intelectuais que loitaron en contra da ditadura somocista saísen das bases do Frente. Durante a década dos noventa  desenvolveu unha loita constante contra os gobernos neoliberais que, entre corrupción e inoperancia de goberno, non foron quen de sacar o país da pobreza.

No 2007 Daniel Ortega, presidente do FSLN, regresou ao poder, a poboación precisaba dunha mudanza e creron que facendo uso dos símbolos da revolución nacional poderían atopar un refuxio e  realizar cambios positivos para o país.

Polo menos, así foi o discurso de Ortega e a súa muller Rosario Murillo (actualmente vicepresidenta da República de Reconciliación e Unidade Nacional), quen até agora gobernaron á súa comenencia. Ambos apropiáronse da simboloxía do sandinismo para crearen bases sólidas en distintos sectores da poboación. O seu poder incrementouse até desestabilizar todo tipo de oposición, como sucedeu con diferentes grupos universitarios que se manifestaron polas accións contraditorias deste goberno mal chamado sandinista.

Os símbolos e discursos do goberno acrecentáronse cos anos. Rosario comezou a promover un discurso de paz, amor e solidariedade (lemas como “abenzoados, prosperados e en vitoria” ou “patria cristiá, solidaria e socialista”) dende unha óptica homoxénea que para ela, a súa familia e un grupo de seguidores selectos, consideraron como os símbolos desta nova etapa sandinista. Son estes os símbolos que hoxe se espallan por todas as rúas do país co obxectivo de crear unha presenza omnipresente e autoritaria, como por exemplo as árbores da vida (árbores de metal de 17 e 21 metros de longo, cun ancho de follas de 13.9 metros en aceiro, 7 toneladas de peso e 15 mil lámpadiñas led por cada árbore) e os mega rótulos coas imaxes das súas autoridades, os mesmos contra os que a poboación canaliza o seu descontento nas recentes manifestacións, nun intento de destruír os símbolos deste goberno seica sandinista da última década. Dende a cúpula de poder tamén se está a promover un discurso terxiversado sobre as causas polas que os primeiros sandinistas loitaron, actualmente no esquecemento pola manipulación propagandística.

Por iso é importante aclarar que o pobo nicaragüense actualmente non está loitando contra aquel partido sandinista que unha vez puxo a Nicaragua na discusión mundial, tampouco loita contra unha Xuventude Sandinista que organizou unha das mellores cruzadas de alfabetización na historia contemporánea. Porén, tampouco contra os erros da guerra cometidos durante a xeración dos 80, xunto aos seus dirixentes. Entón, porque loita hoxe o pobo nicaragüense?

Hoxe lóitase contra unha familia que utiliza á súa comenencia ese pasado con discursos retorcidos que, mais alá de convencer os cidadáns a prol dunha unidade reconciliadora, poñen en evidencia as súas políticas autoritarias que censuran calquera tipo de diálogo distinto ao deles. Este mes de abril de 2018, as problemáticas en Nicaragua sobardaron. As decisións arbitrarias do presidente Ortega e a vicepresidenta Murillo fixeron que os estudantes saísen ás rúas pacificamente a manifestárense en contra destes erros. As autoridades, pola súa parte, arremeteron con man de ferro contra o estudantado pensando que co medo ían silencialos, mais o que provocaron ao apertar máis as caravillas, foi levar o país ao desenfreo total. O goberno de Nicaragua esqueceu as consignas daquel partido de Carlos Fonseca Amador e os ideais que lograron que moitos países se sumasen á causa.

Tranquilidade, unha palabra que derraman as voces autoritarias que non poñen en práctica as súas consignas trasnoitadas. Os líderes do país expresan certo carácter pasivo agresivo. A pregunta é, por que actuar represivamente cando as protestas que os estudantes da UNI, UNA, UCA, UNAN, UNAN-León, UPOLI, ademais da cidadanía que non soporta a intolerancia do goberno nicaragüense, son desestabilizadas polo abuso de poder que se vive neste país?

Esta intranquilidade do pobo nicaragüense é unha mostra, entre outras moitas, de non aceptar ningún tipo de represión. “Almas baleiras e mediocres” chamoulles Murillo os estudantes que saen a manifestarse dende fai varias semanas polas vicisitudes acontecidas neste mes de abril. Sobre todo, porque este 16 de abril de 2018 o goberno anunciou unha nova reforma do Instituto Nacional da Seguridade Social que prexudica á poboación traballadora nicaragüense.

En diversos departamentos a poboación mobilizouse para visibilizar o seu descontento, pero a opresión é a mesma por parte da Policía Nacional e das turbas que vestían de camisa branca con mensaxes solidarias e pacifistas (convidando á reconciliación), e agora disfrázanse de civís para sementar o caos e o terror entre a poboación. Organizan a delincuentes con coitelos, tubos, paos, pedras e calquera utensilio curto e punzante que poida danar a integridade de calquera persoa que saia  ás rúas a reclamar os seus dereitos como cidadán nicaragüense. Mentres tanto a Policía Nacional protexe a delincuentes que desgrazadamente usan o nome dos que unha vez foi realmente a Xuventude Sandinista.

O mércores 18 de abril as marchas autoconvocadas polos estudantes universitarios e demais cidadanía, en distintas zonas do país, foron asediadas e amedrentadas polos brazos represivos do goberno. A situación nacional complexizouse, ao punto de que diversos medios televisivos foron censurados para que a poboación non se enteirase do que estaba acontecendo, pero foi demasiado tarde porque o xoves 19 de abril intensificouse a represión, caendo os primeiros estudantes.

O 20 de abril aumentaron os mortos e as persecucións a universitarios; moitos desaparecidos. A poboación está en pé de loita e non dorme; as súas cidades consúmense entre o incendio e o terror. Ninguén quere ser afectado polas autoridades que non dan a posibilidade de que o pobo exprese os seus sentimentos intrínsecos de crítica ao sentirse ofendidos polo seu despotismo descarado.

A paranoia increméntase e a busca de organización é latente a nivel nacional.

Hai tempo que non se vían manifestacións fortes en Nicaragua. A xente sae á rúa a calquera hora. Pensando nese estudantado que dorme nas casas de persoas descoñecidas ou nas mesmas aulas onde recibían clases para agarrar forzas e seguir enfrontándose contra o réxime dos Ortega-Murillo. Estudantado que debería estar nas aulas, aproveitando os seus anos de adolescencia para medrar e construír o seu propio futuro, mais hoxe lembran os mortos que en cinco días caeron polo terror da inxustiza. Neste momento repórtanse máis de 30 mortos. A maioría estudantes universitarios que participaron nas protestas: civís, policías, un neno de 15 anos e un xornalista. Ademais de que estes enfrontamentos deixaron máis de 200 persoas feridas e varios desaparecidos.

As autoridades deste país están asustadas ao ver a súa Policía Nacional desestabilizada, defendéndose con bombas e gases lacrimóxenos, armas de lume e saqueando armerías porque non esperaban que a xeración dos mal xulgados millennials fosen quen de construír trincheiras de cemento armado coa forza da cidadanía e apoiadas polas transmisións en vivo doutras mans amigas que se bifurcan en distintas redes sociais. Ese estudantado está sendo apoiado pola xente que sae a comprar víveres para deixar en casas de acopios, enlaces ou universidades, porque estamos cansos de non poder manifestarnos civicamente e de vivir nun contexto de represión da liberdade de expresión.

Ao igual que sempre, cada noite fala a vicepresidenta e responsable do gabinete de comunicación do goberno, infectada con palabras cheas de dobre moral, a tratar de tranquilizar as augas dun país revolto que trata de desterritorializar o seu discurso vertical. A Ortega custoulle pronunciarse, está asustado porque ve ao seu país como unha parcela que se lle foi do control. Moitos dos seus seguidores viráronlle as costas e enfiláronse co pobo.

O presidente recobre o seu discurso de falacias descontextualizadas para verse nacional e internacionalmente como unha vítima máis da conspiración opositora financiada, acordo os seus propios argumentos, por organizacións estadounidenses que desexan desestabilizar o goberno. É un presidente manipulador que pon ao pobo nicaragüense como delincuente, do mesmo xeito que unha vez Somoza e Moncada chamáronlle a Sandino bandoleiro.

Hai algo podre en Nicaragua, o cadáver podre muda cada certo tempo. O cadáver do noso presente usa o nome da revolución e do sandinismo, mais iso desapareceu hai anos, xunto coa mística socialista. O estudantado non quere imaxes que simbolicen o autoritarismo. Nas rúas comprenderon o sentido da vida: instantánea, fráxil e absurda.

A xente que sae á rúa increméntase cos días; existen varios puntos de loita no Pacífico, Centro e Atlántico do país. Cada estudante, familia, igrexa, traballadores/as da empresa privada e do estado, e demais cidadanía apoian dende as súas trincheiras expresando nas súas accións que a diversidade é a alma perfecta para combater a represión cuberta de intolerancia e mediocridade ao momento de gobernar.

Fronte ás atrocidades que sucederon este mes de abril e que seguirán medrando mentres non se dea unha solución concreta, os xardíns da cultura seguirán acollendo almas primaverais que desexan e fomentan xustiza, crítica e desenvolvemento. As palabras causan temor e en Nicaragua os tiranos axiña esquecen que a palabra crítica alimenta a mente e as balas disparadas desbaratan cerebros.

Por iso, non podemos esquecer que cando un estudante morre, unha nai chora, unha familia fica desestabilizada e un pobo berra. A violencia activouna o goberno, as mortes destes estudantes  que defenderon os seus dereitos débese á mediocridade dun sistema de goberno pervertido.

É complicado responder á pregunta que o mundo se fai: que acontece realmente en Nicaragua? O problema non é soamente que o goberno comunicase o 16 de abril unha reforma inxusta para os asegurados e que o pasado 22 de abril fose revogada para crear unha suposta estabilización no país; nin que deixasen que ardese unha das reservas naturais máis importantes de Centroamérica. Os problemas son varios, como o incremento da gasolina e a electricidade, o  pouco investimento en condicións dignas e de calidade para calquera estudante, o temor que provoca unha policía que violenta á poboación en cada momento do ano, roubándoos indiscriminadamente. A lista de inxustizas aumenta ao escoitar as voces dunha cidadanía nicaragüense que non atopa unha opción política que aglutine a pluralidade e diversidade de demandas actuais e dea unha resposta alternativa e coherente fronte a estes acontecementos de abuso e a un goberno que mente e finxe tranquilidade cando un país se erosiona constante e violentamente.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.