Rematada a terceira rolda de consultas do Rei cos portavoces parlamentarios, estamos no punto que xa o pasado 20D semellaba máis probable, ás portas dunha segunda convocatoria electoral. Segunda volta, din algúns, de modo que a cidadanía teña a capacidade de arranxar un empate que os nosos representantes non foron quen de superar.
Temos por diante dous meses nos que a “maquinaria do fango” subirá á máxima potencia, nos que as críticas dos poderes fácticos e membros destacados do establishment aumentarán de intensidade, polarizando, aínda máis, o debate electoral.
Neste ambiente, que dubida cabe de que os partidos máis que nunha campaña política se verán enredados nun axuste de contas continuo, nun reparto de culpas para dilucidar quen foi o responsable de ter ido a novas eleccións. Dende o PP dirán que todo foi culpa de Sánchez, dende Podemos que a culpa foi dunha parte da cúpula do PSOE que arrepíaba só de pensar nun goberno que puidera pechar as portas xiratorias; e dende o PSOE e Ciudadanos, seguirán insistindo en que todo foi culpa de Pablo Iglesias. Quen, como se atreveu!, dixo non a un pacto que ía en contra dun verdadeiro goberno de cambio. Que dixo non á resignarse entre o malo (goberno PSOE-C’s) e o peor (goberno do PP) para, ser congruente co seu propio programa e co resultado da consulta ás bases, e intentar que outra cousa fora posible.
Ademais do reparto de culpas, tamén se abre un escenario no que semella que os actores que acaben disputando os votos van mudar lixeiramente, como pasaría no caso de que Podemos e IU rematen indo xuntos ás elección. Todos se xogan moito nese escenario pois se mudan os actores é posible que os resultados tamén varíen. O PSOE ten sobradas razóns para preocuparse polo tan comentado sorpasso que podería colocalo nunha situación de grande debilidade. Pola banda do PP e Ciudadanos deben estar coas calculadoras na man mirando con desvelo o resultado incerto dunha suma que pode facer perigar o status quo. E no tocante ós dous protagonistas da comentada coalición, alén do debate ideolóxico que en ambas formacións están vivindo, prodúcese unha tensión comprensible entre primar o resultado electoral e a capacidade de supervivencia de cada organización.
Unha campaña curiosa a que temos por diante, na que será difícil poñer o acento no importante. Son de sobra coñecidos os estudos que indican o escaso impacto que teñen as campañas para mudar o sentido dos votos, e cuxo obxectivo fundamental, é, en realidade, a mobilización do electorado. Para iso deséñanse custosas campañas electorais que aspiran a tocar as nosas emocións máis profundas. Velaí o grande éxito da campaña de Podemos apelando á ilusión do cambio e á remontada.
Sen embargo, despois de catro meses de saturación informativa, dun exceso de teatralidade e show televisivo, é o momento de preguntarse pola capacidade de cada un dos partidos para mover as emocións chaves que leven ó electorado ás furnas o próximo 26J. A cuestión de fondo é se a ilusión poderá vencer ó esgotamento, á decepción ou ó descontento.
Aínda que comparto a tentación de mirar unha e outra vez as enquisas que apuntan que todo quedará igual (das enquisas interesadas que debuxan unha realidade a medida dos seus desexos, mellor non falamos), creo que é posible imaxinar outra cousa. Costa crer que a corrupción, a inactividade, a caída das máscaras daqueles partidos que dicían ser unha cousa e resultaron ser outra, a financiación ilegal ou as mentiras constantes, vaian pasar en balde. Por outra banda, e aínda que a suma entre o bloque PP-Ciudadanos e a suma Podemos-confluencias-IU-PSOE non variara substancialmente, o reequilibro de forzas entre cada un dos actores colocaríaos nunha situación distinta para negociar. Ademais, aínda que os números foran os mesmos, os actores non serán iguais. Non cabe esperar que dentro de dous meses, os nosos representantes políticos insistan en posturas que se mostraron ineficaces para formar goberno.
Tendo en conta esa cita gramsciana tan popularizada nos últimos tempos que fala de crise cando “o vello non termina de morrer, e o novo non acaba de nacer”, cabe pensar esta segunda volta como unha segunda oportunidade para poñer fin ó rexime bipartidista. Se somos quen de manter a esperanza por enriba da resignación, se somos capaces de ilusionarnos de novo para imaxinar un futuro mellor, se non perdemos tempo equivocando o lugar no que se atopan os nosos adversarios políticos e temos a xenerosidade suficiente para sumar a prol dun proxecto común, entón asistiremos ó golpe definitivo do bipartidismo e estaremos en disposición de lograr unha nova maioría parlamentaria que de verdade poña ás persoas no centro do debate político.