Que chévere la madre patria!

Hai xa anos que o xornalismo independente de dereitas ten a  Venezuela no seu punto de mira; pero dende que o descontento patrio callou na marca Podemos, o tema venezolano entrou no seu menú diario, xa como primeiro prato, xa como segundo, ou coma melindre de sobremesa cando non hai outra cousa mellor que contar. E agora cos políticos enfrascados xa na precampaña electoral, o caribe bolivariano chove en arroiadas sobre todos nós e xa poucos escampados quedan para dar conta das nosas miserias: que se medra o PIB pero tamén o fai a pobreza, que se o partido gobernante é unha leira petada de fotocopias, mentiras e corrupción, que se o partido da oposición xa non ten claro a quen opoñerse, que se a política de recortes anunciada como salvadora do emprego só conseguiu facerlle cóxegas; que se a evasión fiscal fai das arcas públicas un pandeiro e os ricos hai xa tempo que teñen os cartos no quinto carallo (sen necesidade de que gobernen os comunistas), que se os fillos de Isabel e Fernando, cinco séculos despois, seguen a ser cada un de seu pai e nin corenta anos de “Formación del Espíritu Nacional” conseguiron  que nai só houbera unha...Nada, todo caralladiñas menores comparado coa desfeita bolivariana nunha das colonias do imperio. A aló foi Zapatero, aló vai Rivera, aló irán os outros tamén ou mandarán recado, a dar clases de democracia e consenso, que para iso somos democracia vella e con abonda experiencia en solucionar as diferencias con apertóns de mans.

O dito, hai que pórse ao día sobre Venezuela porque semella ser un dos temas que vai entrar nos exames do 26 de Xuño. Pois ben, Venezuela ven sendo un país do continente americano, situado na parte setentrional da América do Sur, e constituído por una parte continental e por un gran número de illas pequenas no mar Caribe. Venezuela capital Caracas, que cantando se estudaba. Seica posúe unha extensión territorial de 916.445 km². O territorio continental estrema ao norte co mar Caribe e o océano Atlántico, ao oeste con Colombia, polo sur con Brasil e polo leste con Guyana, que non tiña nin idea. Buff ...hai tantos países polo mundo adiante que mesmo da nugalla aprender os nomes, que diría a gran Carmina Ordóñez. Toda esta información veño de mirala na galipedia, que o que eu sabía podíao resumir así:  un país de América do Sur, situado na súa parte de arriba; non estaba seguro de se daba ao mar ou non, e se daba non sabería dicir a cal deles, e dos países estremeiros xa nin falar. Por suposto, sabía que o actual Presidente se chamaba Nicolás Maduro e o anterior Hugo Chávez, e ámbolos dous gastan (ou gastaban) verbo florido e fatigante, e ámbolos dous déronlle ao chándal categoría de traxe de domingos e festivos.

Pero comer e rañar, todo é empezar! Agora caio que o interese español por Venezuela non é cousa nova de agora. Xa a mediados dos 80 as telenovelas venezolanas anegaron as horas mortas das televisións españolas, das públicas e das privadas, con grande éxito de audiencia. Cristal, Abigaíl, Topacio, La Dama de Rosa ... quen non lembra algunha destas obras mestras do sétimo arte? Carlos Mata, Jeannette Rodríguez, Grecia Colmenares, Víctor Cámara, Catherine Fullop, Fernando Carrillo ... os actores principais das series fixéronse co noso cariño e admiración. Vale, igual esaxero un chisco, pero acadaron moita popularidade. E se falamos de música, que me dicides do Puma, o primeiro José Luís Rodríguez, moito antes de Zapatero. Quen non se lembra da súa melena leonina enlacada e da súa voz portentosa? E do seu bombazo Pavo Real?... “numerao numerao, viva la numeración, quien ha visto matrimonio, sin correr amonestación, ... pavo real, pavo real ...hu” Aínda me tremen as pernas coma xuncos na treboada! E iso que non entendía a letra! Recoñecía as palabras como españolas, si; pero a mensaxe resultábame mais inescrutable ca letra de Suzanne de Leonard Cohen. Pero a invasión venezolana estaría incompleta sen un persoeiro da talla de Boris Izaguirre, o pendón da procesión chévere. E como non podía ser doutro xeito, para chincha rebincha de toda España, trouxémolo nós os galegos: démoslle un mozo galego e un espazo na Tevegá; logo, xa formado, mandámolo a conquistar os platós de toda España. El foi a primeira gaystar televisiva. Outro trunfo da Galiza I+D+i, que non da parado quieta.

Cando isto escribo, 26 de Maio, o ABC do tamén galego Bieito Rubido (ai, somos unha especie tan variada!) xunta na portada a Venezuela, Eta e Podemos. O ABC ten os seus intereses. Eu quédome con Cristal, El Puma e Boris Izaguirre. Eu só me debo a Deus noso Señor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.