Levamos xa tantos anos coa crise a costas que case non nos lembramos de cando estabamos ben, de cando se creaba emprego e de cando había cartos para afrontar calquera proxecto. Dende mediados dos anos 90 ata o 2008 aproximadamente estivemos vivindo no que se seu en chamar “burbulla inmobiliaria”. Galicia e España medraron ó abeiro dunha economía baseada na construción sen máis límite que a existencia de terreo urbanizable e de suficientes promotores, arquitectos, construtores e albaneis. Todo isto estaba favorecido por un sistema financeiro que permitía a concesión de créditos só con entrar nunha sucursal a tipos de xuro cada vez máis baixos pero que nos hipotecaban a 30 ou 40 anos. Pero como na sociedade percibíase un pulo xeneralizado para consumir e facerse propietario dun piso, dunha casa, dun coche, non chegamos a caer na conta de que algún día podían vir mal dadas (como así foi) e que teriamos que devolver todo o mercado máis os xuros.
Ó principio (ano 2008) asistimos á caída de grandes bancos nos Estados Unidos cunha sensación de incredulidade, como pensando que iso non nos ía tocar a nós
E esa espiral consumista atrapounos nos últimos 3 ou 4 anos cando chegou dos Estados Unidos un paquete bomba chamado crise financeira, concepto moi ben explicado polo popular profesor Leopoldo Abadía e a crise dos ninja.
Ó principio (ano 2008) asistimos á caída de grandes bancos nos Estados Unidos cunha sensación de incredulidade, como pensando que iso non nos ía tocar a nós, que só era o castigo á desmedida ambición dos especuladores ianquis, eles que non tiñan regulación nin un Banco Central Europeo que os defendera. De feito, o propio Zapatero fíxonos crer o mesmo, pois durante moito tempo negou que en España houbera crise.
Pero chegou o 2009 e todos os indicadores empezaron a quitarlle a razón: comezou a aumentalo paro, a baixar o PIB, a diminuír a afiliación á Seguridade Social, a pechar empresas, etc. En Galicia iso soubérono ben Touriño e Quintana, xa que foron dos primeiros gobernantes en caer tralo estoupido da famosa crise, e que foi ben aproveitada por Feijoo e o PP como principal arma electoral para chegar á Xunta en marzo do 2009.
En Galicia iso soubérono ben Touriño e Quintana, xa que foron dos primeiros gobernantes en caer tralo estoupido da famosa crise, e que foi ben aproveitada por Feijoo e o PP como principal arma electoral para chegar á Xunta en marzo do 2009
Posiblemente foi o 2009 o ano no que empezaron a popularizarse varias palabras que agora enchen os informativos: axustes, recortes e déficit. Aínda que se sabía que a crise estoupara nos USA, en España ésta atopou terreo aboado nunha estrutura económica dependente do ladrillo e do turismo, con baixa produtividade e ínfimas taxas de innovación e investigación. Como cambiar dita estrutura era moi complicado empezou a botárselle a culpa á mala xestión socialista e ó despilfarro de recursos. Esta idea, repetida coma un mantra por moitos grupos fácticos contrarios ó goberno de Zapatero, así como a chegada ó poder en Europa de partidos de dereita, creou no subconsciente colectivo a necesidade de axustalas partidas de gasto por medio de recortes no que en principio era superfluo.
En España a cousa tardou un chisco máis, exactamente ata maio, cando os “mercados internacionais”, a propia Unión Europea e , sobretodo, a Alemaña de Angela Merkel, obrigaron a Zapatero a tomar medidas drásticas
Deste tipo de medidas foi líder o noso presidente actual, Núñez Feijoo. Primeiro había que recortar partidas innecesarias de gasto corrente. Pero pronto comezou a tocárselle o salario ós funcionarios, criminalizándoos ante a opinión pública por teren un posto fixo (que en moitos casos fora xustamente gañado). E de aí deuse un chimpo cualitativo e apuntouse cara a Educación e a Sanidade. Isto xa se vía vir en Galicia nos albores do ano 2010. En España a cousa tardou un chisco máis, exactamente ata maio, cando os “mercados internacionais”, a propia Unión Europea e , sobretodo, a Alemaña de Angela Merkel, obrigaron a Zapatero a tomar medidas drásticas que contentaran ós posuidores dos capitais e evitaran que España levara o mesmo camiño que Grecia ou Irlanda, é dicir, a intervención. Por iso, esquecendo o programa co que gañara as eleccións de marzo do 2008, Zapatero sumouse á onda de recortes nas contas para que o déficit do Estado español agradara ós grandes poderes antes citados. Eses recortes voltaron centrarse nos funcionarios, pero non se tocou inicialmente o orzamento de Educación e Sanidade.
Foi a partires de novembro do 2011, data na que Mariano Rajoy gañou as eleccións lexislativas españolas, cando os recortes se acentuaron e se estenderon a tódolos eidos, pois polo visto Zapatero non recortara suficientemente ben.
Nesta tarefa Rajoy sentiuse respaldado polo gran poder autonómico en mans do PP xurdido das eleccións municipais de maio do 2011, ademais de pola Generalitat catalana (de CiU)
E foi nesas cando o foco dos axustes se dirixiu con toda a súa carga cara ós alicerces básicos do Estado do Benestar, como son a Educación e a Sanidade. Cando varios ministros e o propio Rajoy aseguraron que non ían dinamitar o Estado do Benestar moitos vimos un claro indicio de que se “abría a veda” para facelo, xa que é moi común na política negar moitas veces e con rotundidade un asunto para pasar a facelo no momento menos pensado. Nesta tarefa Rajoy sentiuse respaldado polo gran poder autonómico en mans do PP xurdido das eleccións municipais de maio do 2011, ademais de pola Generalitat catalana (de CiU). Pero o acicate máis importante chegou dende a Unión Europea, Alemaña, o BCE e o FMI, trasladando á política as ideas neoconservadoras vixentes na ortodoxia económica dos últimos anos. Afortunadamente están xurdindo de novo voces críticas cos neoliberais, tales como os recoñecidos Premios Nobel de Economía Joseph Stiglitz e Paul Krugman.
Pero, se como acabo de sintetizar, a crise comezou sendo de carácter financeiro e despois se combinou co estoupido da burbulla inmobiliaria, que “culpa” teñen a Sanidade e a Educación para que acaben sendo as partidas coas que axustar as falcatruadas feitas por bancos, especuladores e axentes da construción?
En España xa se privatizaron case tódolos sectores rendibles (electricidade, telecomunicacións, autoestradas, aviación, etc) e só quedarían os hospitais e as escolas para rematalo proceso iniciado por Felipe González
Parece que unha resposta a esta cuestión está relacionada co feito de que en España xa se privatizaron case tódolos sectores rendibles (electricidade, telecomunicacións, autoestradas, aviación, etc) e só quedarían os hospitais e as escolas para rematar o proceso iniciado por Felipe González e consolidado por Aznar. Actualmente case todos os poderes públicos están en mans de partidos que non cren na fortaleza do Estado e do seu papel na Economía, e que por tanto defenden o seu adelgazamento ata o límite.
Esa consigna ideolóxica está sendo favorecida por moitos medios de comunicación situando no debate público termos coma o “copago” sanitario ou a educación concertada. Ademais, non teño dúbidas de que moitos grupos empresariais están detrás destes movementos para facerse co control de dúas “industrias” que aínda teñen moito leite que dar. Un exemplo disto témolo ben preto co novo hospital que se está construíndo en Vigo, de capital público e privado. Ou tamén coas revoltas ocorridas en Valencia en meses anteriores co gallo do desmantelamento de varias escolas públicas “por falta de cartos” namentres as privadas aumentan os recursos procedentes da Administración.
Outra crítica que se lle pode apoñer a este proceso planificado contra o Estado do Benestar é que os axustes non están afectando a determinadas institucións privilexiadas que parece que están á marxe da realidade. Refírome á Igrexa Católica, que segue sen pagar impostos e recibindo cartos públicos a mancheas; ó Exército, que non ten moito sentido estando na OTAN e na UE; e á Monarquía, institución medieval de carácter dinástico incompatible cun sistema democrático pleno, máis aínda tendo en conta a opacidade das súas contas e a pouca exemplaridade dos seus membros nos últimos tempos.
En fin, isto lémbrame demasiado á actuación dos gobernos conservadores de Margaret Thatcher no Reino Unido durante os anos 80, que provocaron o desmantelamento das industrias produtivas e converteron a aquel país nun gran centro de Comercio internacional e de servizos financeiros, pero con menos obreiros e menos dereitos. Ademais, os hospitais e escolas públicas, totalmente desprestixiados, acentúan a diferencia entre unha elite que se pode permitir pagar por unha educación e sanidade de calidade, e a gran masa de persoas que se teñen que conformar con peores escolas e peor trato nos hospitais.
A que esperamos para rebelarnos contra un sistema que nos denigra como cidadáns e como persoas? Canto tardará a sociedade en dicir NON?
Se para contentar a determinados organismos internacionais e moitos poderes fácticos que non dan a cara hai que eliminar moitas das conquistas sociais obtidas con grande esforzo pola xeración dos nosos pais e avós, a que esperamos para rebelarnos contra un sistema que nos denigra como cidadáns e como persoas? Canto tardará a sociedade en dicir NON?
Para concluír eu pregúntome: se cando os bancos van mal (pola súa mala xestión) son outros sectores os que teñen que apandar, por que non pensar en cobrarlles a eses mesmos bancos unha taxa para financiar as partidas do Estado do Benestar cando o sector financeiro estea saneado?