Que é e que non é 'Ahora en Común'

O pasado día 9, presentábase o manifesto “Ahora en Común” que fai un chamamento a unha candidatura unitaria da xente e para a xente nas vindeiras eleccións xerais. A proposta pretende ser un espazo de encontro que permita a constitución dunha candidatura que, a imaxe das candidaturas municipalistas de Madrid, Barcelona, Compostela, Coruña ou Zaragoza, permita mediante un proceso amplamente participativo, recuperar as institucións, neste caso o goberno do estado, para a xente. Este chamamento faise sen apriorismo ningún, máis que o protagonismo cidadán. Enténdese do chamamento que o que se prantexa nel é que os partidos que asuman esta postura non concorran ás vindeiras eleccións e apoien e subsúmanse na candidatura xurdida do proceso.

A repercusión mediática deste chamamento vén dado, sen lugar a dúbidas, polas simpatías e adhesións que este está a recibir. Entre os primeiros asinantes, atopamos unha maioría de persoas procedentes dos procesos de confluencia cidadá nas recentes eleccións municipais, xentes sen adscrición partidaria, dos movementos sociais, do 15M e de partidos como Podemos, EQUO ou “Izquierda Unida”. Mesmo dende as mareas galegas chegan mostras de simpatía, xa sexa coa adhesión dalgún alcalde -Ferrol- como coa benvida doutros -Compostela e Coruña-.

É lóxico que os partidos que se viron referenciados nos movementos municipalistas cidadáns vexan como unha proposta amigable a “Ahora en Común”

“Ahora en Común” non é un instrumento de ningún partido político, nen xurde deles. É lóxico que os partidos que se viron referenciados nos movementos municipalistas cidadáns vexan como unha proposta amigable a “Ahora en Común”. A maioría dos asinantes do manifesto, alo menos dos iniciais, provimos destas candidaturas municipais e se algún partido está máis representado que outros nos asinantes é Podemos, con numerosos cargos electos e fundadores do partido, hoxe condenados ao ostracismo interno.

“Ahora en Común” non é un partido político, nen o vai ser, pese a aparición de páxinas “troll” nas redes sociais, algunha delas en Galicia que anuncian que “este es un proyecto que surge de IU y EQUO y que proximamente se registrará como partido político para concurrir a las elecciones”

“Ahora en Común” non vai concorrer ás eleccións xerais, non é o seu fin. Tampouco vai concurrir como tal a unhas posibles primarias dentro do proceso de confluencia cidadá que poida darse. É moi probable que asinantes do manifesto ou promotores do mesmo participen en ditas primarias.

Despois de asistir a unha reunión da coordinadora de “Ahora en Común” dou fe de que non hai ningún partido detrás. Ningún instrumento dun partido político pode ser tan ”liquido” e tan falto de “organización"

Despois de asistir a unha reunión da coordinadora de “Ahora en Común” dou fe de que non hai ningún partido detrás. Ningún instrumento dun partido político pode ser tan ”liquido” e tan falto de “organización”. “Ahora en Común” é unha chamada dos de abaixo, da cidadanía asoballada. Un chamamento que foi desbordado polos acontecementos e pola repercusión non esperada. Hoxe en día “Ahora en Común” non é nada, pero pode chegar a ser todo.

Imos máis aló, máis aló do grupo parlamentar galego propio, máis aló do compromiso de apoio a un posible goberno ou participación no mesmo. Defendemos a participación dende Galicia na elaboración do programa estatal para as eleccións xerais

E nese escenario, Galicia ten que xogar algún papel e non quedar illada. Quen, dende Galicia vimos seguindo ou participando no proceso, estamos a defender, que o proceso de confluencia en Galicia é un proceso propio, xa posto en marcha con distintos chamamentos e coa experiencia acadada no proceso electoral municipal polas “mareas” que tarde ou cedo terán que confluír nun único chamamento que salve as pequenas diferencias que aínda hoxe existen. Pero tamén imos máis aló, máis aló do grupo parlamentar galego propio, máis aló do compromiso de apoio a un posible goberno ou participación no mesmo. Defendemos a participación dende Galicia na elaboración do programa estatal para as eleccións xerais e, como non, que dende a candidatura estatal se asuma como propio o programa electoral específico que se elabore dende a candidatura galega. Pero todo isto son propostas e o único apriorismo para a confluencia é a cidadanía.

O camiño é difícil, pero seguimos a pensar que o que nos une é moito máis co que nos separa, aquí e alá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.