Que é España?

A pregunta non é nova, pois lévase a facer entre a intelectualidade española, polo menos, durante os dous últimos séculos precedentes. Ende mal na maioría dos casos fíxose dende posicións ideolóxicas moi definidas que máis ca procurar unha resposta buscaron demostrar unha idea. No entanto, dende un punto de vista histórico e cultural España é unha realidade ben clara que tentarei resumir.

O primeiro que hai que saber é que é un “invento” romano, porque eles a denominaron “Hispania”, e delimitaron o seu territorio: a Península Ibérica; aínda que a finais do s.III lle engadisen a “Mauritania tingitana” –ata a invasión dos vándalos no inicio do s.V–, o norte de Marrocos actual, e as Illas Baleares, que bascularon entre a súa inclusión e a súa separación segundo períodos. Ao que parece tomaron o nome dos cartaxineses, polo que este tería unha orixe fenicia, conforme a teoría máis aceptada, que, así e todo, non se pon de acordo no seu significado, que vai dende “illa/costa dos coellos” e “terra do norte” (porque chegaban á Península Ibérica dende a costa africana) ata “illa/costa dos ferreiros”.

Con anterioridade a eles foi denominada polos fenicios e os gregos, estes chamáronlle “Iberia“ pola palabra “iber”, quizais co significado de “río” (basco: ibai) que tanto escoitaban na costa mediterránea onde estabeleceron as súas colonias. Mais ningún deles traspasou os límites da costa.

Mais foron os romanos, como xa dixen, os que a dominaron e a introduciron na historia. A romanización, efectuada ao longo dun período de varios séculos, foi tan rotunda que apenas unha soa cultura escapou a ela: a basca; que no norte peninsular evitou a súa asimilación, mais non o seu influxo tanto no seu xeito de vivir coma na propia lingua, chea de latinismos, chegados tanto do propio latín coma das falas romances que a rodeaban e avanzaban aos poucos no seu territorio. Pódese dicir que tras máis de dous mil anos a súa herdanza segue vixente: somos un produto de Roma.

A latinidade deveu nun trazo de Hispania, que nin as invasións xermanas primeiro nin despois as musulmás coas suas linguas árabe e bérberes anularon este feito, apenas influíron con algo de léxico e pouco máis. Abonda con comparar a influencia eslava na lingua romanesa ou a xermana nas linguas de oil coa do árabe nas linguas iberorromances para entender a levísima capa que deixou nestas. Se ben é certo, que durante varios séculos o termo Hispania só sobreviviu nunha pequena parte dela, dado que os musulmáns denominaron “al-Ándalus” ao territorio baixo o seu dominio e Yilliqiya/Galisiya (Galiza) e Isbaniya (España) aos territorios setentrionais baixo dominio cristián. A explicación é ben sinxela: as nosas linguas non experimentaron unha situación de diglosia co árabe porque son o produto das falas romances do norte, fóra do dominio musulmán, que si influíu na fala romance baixo o seu dominio: o mozárabe, extinguido tanto pola expansión do árabe como lingua de poder no seu territorio coma pola implantación dos romances setentrionais no seu territorio por mor das conquistas cristiás. E a cultura xudía, chegada cos propios romanos á Península Ibérica, nunca impuxo a súa lingua hebrea en lugar ningún –pois xa na altura era só unha lingua litúrxica–, senón que se adaptou ás linguas do lugar de asentamento: latín primeiro e linguas romances ou árabe despois; aínda que para os xudeus España fose “Sefarad”, topónimo tirado da Biblia, asumido polos xudeus en épocas moi posteriores e popularizado pola diáspora despois da súa expulsión en 1492.

Durante o dominio visigodo o imperio bizantino ocupou o SE ibérico e as Illas Baleares, denominándoo “provincia de Spania”, entre os s.VI e VII; mais nada restou daquela ocupación grega no territorio.

A finalización da conquista do territorio polos reinos cristiáns, impuxo o panorama romance –fóra do recuncho basco, que vai ir perdendo aos poucos territorio ante o avance das linguas romances que o rodean– que vai durar ata a actualidade.

Por tanto, durante varios séculos ata a unión das coroas de Castela e Aragón e a creación do Reino de España, concepto creado polas elites e imposto aos poucos, este topónimo foi unha denominación primordialmente xeográfica e cultural. E durante os séculos seguintes seguiu habendo unha noción xeográfica e histórica (España) xunto coa política (Reino de España/de las Españas) do nome.

O xentilicio “español” (catalán e aragonés: espanyol, portugués e aranés: espanhol) provén do occitano e foi difundido en España polos peregrinos e inmigrantes desa orixe dende o s.IX entre todos os romances ibéricos, fóra do mozárabe, por se atoparen dentro da ruta xacobea e dos territorios para colonizaren. E a denominación toponímica é a mesma en todas as linguas, só mudando a ortografía: España, Espanha (portugués e aranés), Espanya (catalán/valenciano e aragonés) e Espainia (basco).

A chegada dos Borbóns, seguindo o exemplo de Franza, afianzou a identificación entre a lingua castelá e o Reino de España. Aos poucos vaise espallando dende o poder a “ideoloxía españolista” que chega ata hoxe mesmo. Porén isto vaise ir realizando por etapas, mediante leis que a miúdo non se cumpren dada a precariedade do propio estado para impoñer as súas propias normas, tanto por falta de meios coma por falta de celo dos que teñen de facer cumprir esas leis.

E a pesar de todo, a asunción de “español” como denominación moderna da lingua castelá non logrou ser total. Por exemplo, as constitucións suramericanas recollen ambos os sinónimos da lingua de Castela para denominaren o seu idioma oficial, así denominan “castelán” as de Paraguai, Perú, Bolivia, Ecuador, Bolivia, Venezuela e o Salvador; e “español” as Panamá, Costa Rica, Nicaragua, Honduras, Guatemala, Cuba, R. Dominicana e Porto Rico; nas da Arxentina, Chile, Uruguai e México non se cita expresamente ningunha denominación.

E malia esa identificación dende o poder estatal de español e castelán as constitucións españolas din:

“O castelán é o idioma oficial da República” (Constitución republicana de 1931).
“O castelán é a lingua española oficial de España” (Constitución monárquica de 1978).

Mesmo a Real Academia Española, fundada en 1713 co próposito “fixar as voces e vocábulos da lingua castelá na súa maior propiedade, elegancia e pureza”. Tira o seu primeiro dicionario en 1780 como: “Diccionaro de la lengua castellana”, que non pasou a se denominar: “Diccionario de la lengua española” ata e edición de 1925; e a súa primeira gramática en 1771 como: “Gramática de la lengua castellana”, que non pasa a ser: “Gramática de la lengua española” ata 1924. En ambos os casos a mudanza de nome prodúcese durante a ditadura de Primo de Rivera, é dicir, baixo o dominio do “nacionalismo español”.

O nacionalismo histórico galego tivo moi claro a nosa pertenza a España, que non a Castela, tal como o expresa nidiamente Castelao en “Sempre en Galiza”: “Tamén se intentou chamarlle “idioma hespañol” á lingua de Castela. […]. O castelán pode ser o idioma oficial do Estado; pero non é máis hespañol que o catalán, o galego e o vasco. Tódalas linguas que se falan na Hespaña son igualmente hespañolas. E proclamamos esta verdade en nome do noso ideal hispánico”. E cuxo ideal de patria para Galiza resume nos catro principios con que conclúe este libro:

a) Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais pobos de España.
b) Républica Federal Hespañola para confederarse con Portugal.
c) Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea.
d) Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial.

Non semella a ideoloxía dun separatista, senón a dun unionista que soamente esixe facelo dende a plena igualdade como nación histórica e cultural española.

Cando dende o “nacionalismo catalán, basco ou galego” se identifica España con Castela, non soamente se falta á verdade, senón que, ademais, se contribúe á causa do exclusivista “nacionalismo español”, que sempre reivindicou esta exclusividade para Castela e o castelán, como esencia de España e o español, falseando a historia e difundindo e impoñendo a súa ideoloxía.

Remato citando ao poeta catalán Salvador Espriu, pois parece que para comprender o que é España é condición indispensábel ser da “periferia”:

Diversos són els homes i diverses les parles,
I han convingut molts noms a un sol amor.

La pell de brau, 1960.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.