O círculo no que a democracia española leva inmerso os últimos anos parece non atopares a saída. As medidas económicas endexamais chegan a dar os brotes verdes tantas veces prometidos. As medidas de transparencia non pasan do anteproxecto e, aínda por enriba, levan a reprimenda contundente de Transparency International. A sensación de desgoberno se estende sen que se tomen medidas xa non contundentes –como sería lóxico nalgúns casos, senón mesmo de tipo cautelar e para garantirlle a súa tranquilidade á cidadanía. O tan anunciado proxecto do PP semella (cada vez máis) unha axenda improvisada segundo os escándalos e titulares do día, aderezados despois coas esixencias cíclicas da UE ou o FMI ou outras organizacións internacionais. Con todo isto enriba da mesa un se pregunta, que estamos facendo?
Mentres noutros países en similar contexto existe unha reacción proporcional ao aumento da gravidade e emerxencia da súa situación, aquí cunha tendencia similar nos mantemos calmos e á espera
As sociedades do resto do globo admiranse e sorpréndense sobre como, coa que está caendo, na rúa parece que a vida cotiá continúa a transcorrer normalmente e case sen incidentes. Mentres en Italia ou en Francia ou en Grecia as manifestacións multitudinarias acurtan a súa periodicidade, aquí seguimos aboados ás protestas parciais e de sector. Mentres noutras partes do globo as forzas públicas de seguridade deben esforzarse cada vez máis por conter unha irritación e virulencia social en aumento, aquí continuamos a resistir coas mesmas manifestacións e coas medidas clásicas de protesta civil de toda a vida. Mentres noutros países en similar contexto existe unha reacción proporcional ao aumento da gravidade e emerxencia da súa situación, aquí cunha tendencia similar nos mantemos calmos e á espera. O ruxerruxe do “algo vai pasar” crece pero, en contra do dito, nada acontece de diferente. Que estamos facendo?
Os edificios onde os nosos representantes deberan erguer a voz do pobo e transformala en norma de todos e para todos se rodea de furgóns e de vallas, mentres se apagan as luces e se esconden os taquígrafos
Cando o soño de posguerra era transformar Europa nun espazo onde todas as persoas fosen iguais en dereitos e deberes, independentemente dos trazos distintivos que as particularizan e, aínda máis, incluíndo aqueles trazos en parte dun novo acervo común e compartido; erguemos barreiras en forma de infranqueables “liñas vermellas” disfrazadas de presunto federalismo. Os edificios onde os nosos representantes deberan erguer a voz do pobo e transformala en norma de todos e para todos se rodea de furgóns e de vallas, mentres se apagan as luces e se esconden os taquígrafos impedindo que os representados vexan e escoiten as voces de quen pretenden suplantar de facto o seu mandato. A democracia persegue en teoría achegar a decisión a unha cidadanía que sinte, con forza crecente, como esta capacidade se dilúe nunha miríade de opacos intereses interpostos. Que estamos facendo?
Logo de tres anos de Guerra Civil, decenas de anos de ditadura baixo o Franquismo, e máis de un lustro dunha dura Transición, España afronta o seu momento máis decisivo como sociedade cohesionada e como democracia consolidada. Os eixes da paz social e o benestar colectivo están claramente ameazados por unha falta de visión sobre o proxecto de país que queremos construír e, dun xeito tamén preocupante, por políticas curtopracistas de tiriña e parche. O reloxo da solución á crise se estira cada aninovo a un ano máis adiante no futuro. A cidadanía esgota aos poucos unha paciencia tan ampla como poucas veces se viu pois, merece a pena lembralo, España é o único país de Europa sen revolucións sociais e quizais se estea abusando demais deste antecedente –pois para nada quere isto dicir que hoxe non poda comezar a primeira.
O que si hoxe queda claro é que o camiño actual non leva a ningún sitio ao que calquera cidadán razoable quixera ir e, por iso, ten chegado o momento de comezar a virar o rumbo
Moito resta por facer e moitas son as responsabilidades colectivas, de todos e todas os que formamos a cidadanía. Quizais precisemos aínda moito máis tempo para debater e buscar novas solucións, pero o que si hoxe queda claro é que o camiño actual non leva a ningún sitio ao que calquera cidadán razoable quixera ir e, por iso, ten chegado o momento de comezar a virar o rumbo.