Que gobernen os mellores xa

Houbo un tempo, que seguramente lembraredes moitos de vós, no que os grandes xornais estatais enchían as súas páxinas de crónicas variadas, publicidade e algunha que outra columna de opinión, sempre a cargo de expertos na materia da que se tratara. Os xornalistas redactaban crónicas, que podían versar sobre fenómenos físicos (tremores de terra en Triacastela), cuestións médicas (andazo de triquinose na comarca do Deza) ou asuntos económicos (a suba dos prezos do bonito burelao). Pero se do que se trataba era emitir unha opinión, un físico facíaa sobre os tremores, un médico sobre a triquinose e un economista sobre o prezo do bonito. A opinión escrita dos xornalistas podía aparecer con sorte na columna editorial, sempre e cando coincidira coa opinión da empresa editora. O status de estrela mediática do xornalismo só estaba ao alcance dos reporteiros de guerra ou daqueles xornalistas que tiveran a sorte e afouteza de investigar asuntos moi graves de fraude.

Os xornais énchense de columnas de opinión, e xa non as escriben os expertos, senón unha nova raza de xornalistas: os columnistas de opinión

Hoxe as cousas son ben distintas. Os xornais énchense de columnas de opinión, e xa non as escriben os expertos, senón unha nova raza de xornalistas: os columnistas de opinión. Unha elite de xente omnisciente que tanto senta cátedra sobre a transcendencia do bosón de Higgs, coma sobre as propiedades afrodisíacas do cocido de Castroverde ou a imposibilidade dunha Cataluña independente. Estas enciclopedias con pernas son as estrelas mediáticas do xornalismo actual. Quen non ten oído falar de Jiménez Losantos, Paco Marhuenda ou Fernando Ónega? E non só aparecen nos xornais, senón que tamén inzaron nas televisións e nas radios, onde se lle da o nome de “tertulianos” (que traducido ao galego podería ser “paroleiros”, penso, non sei). O caso é que, despois de moito lelos e escoitalos, cheguei á conclusión de que se temos problemas na Galiza, na España e no Mundo, é porque queremos telos; porque abondaría con facerlles caso aos paroleiros e asunto arranxado.

Se eles saben mais ca os políticos e explícanse cen veces mellor, por que non poñelos a eles á fronte do país? Por se tamén erades dese parecer, e abusando da confianza, elaborei xa unha posible lista de Goberno de Emerxencia Popular

Pero ademais da súa sabedoría, como bos redactores, os columnistas de opinión saben contar e relatar de xeito ameno e comprensible o que pensan se debería facer. Un pode non chegar a entender as explicacións de Lolita Cospedal, de Floriano, de Montoro, de Fátima ou do mesmísimo Mariano. Pero as deles si son claras e diáfanas, cama a auga do monte Faro. Mais lle valera ao Goberno e achegados deixarse de roldas de prensa e comparecencias públicas, e remitir a toda a cidadanía ás columnas de opinión do día seguinte. Serían tempo e neuronas que aforraríamos. Ou indo un chisco mais aló, se eles saben mais ca os políticos e explícanse cen veces mellor, por que non poñelos a eles á fronte do país? Por se tamén erades dese parecer, e abusando da confianza, elaborei xa unha posible lista de Goberno de Emerxencia Popular. Sería esta:

  • Presidente: Bieito Rubido             
  • Ministro da Presidencia: Pedro J. Ramírez
  • Ministro Secretario do Partido: Paco Marhuenda         
  • Ministro Asuntos Exteriores: Hermann Tertsch
  • Ministro da Gobernación: Alfonso Merlos                      
  • Ministro de Xustiza: Isabel San Sebastián
  • Ministro de Información: Curri Valenzuela                     
  • Ministro de Relacións coa Igrexa: J. M. de Prada
  • Ministro de Facenda: Luis Ventoso                                   
  • Ministro de Obras Públicas: Carmen Tomás
  • Ministro de Traballo: Carlos Cuesta                                  
  • Ministro de Comercio: Isabel Durán
  • Ministro de Agricultura: Carlos Herrera                           
  • Ministro de Educación e Ciencia: Pilar Cernuda
  • Ministro de Defensa: Ernesto Sánchez de Buruaga       
  • Ministro do Aire: Federico J. Losantos
  • Ministro da Mariña: Antonio Jiménez                              
  • Ministro do Exército de Terra: Javier Algarra

Nos ministerios militares puxen o núcleo duro do TDT Party, porque son xente de afouteza probada e de armas tomar

A listaxe foi elaborada con columnistas dos medios “amigos” do PP ( ABC, LA RAZÓN, EL MUNDO, TVE, 13TV, COPE, ESRADIO, ONDACERO), para que o Goberno de Emerxencia non contrariara a vontade das urnas. Collín a distribución de carteiras ministeriais do goberno de Carlos Arias Navarro, cando uns eramos felices e indocumentados, e outros nin erades sequera). Nos ministerios militares puxen o núcleo duro do TDT Party, porque son xente de afouteza probada e de armas tomar. Juan Manuel de Prada ben sei que non é xornalista, pero algo había que darlle e bota de menos a Ratzinger. Ao noso paisano Luís Ventoso deille Facenda porque hai días puxo a caer dun burro a dous premios Nóbel de Economía (Samuelson e Krugman), así que algo saberá do tema. E deille a Presidencia a Bieito Rubido para que o traspaso de poderes fose entre galegos. En fin, o mesmo ca esta podía valer calquera outra  distribución ministerial, xa que son xente que sabe de todo e dá o mesmo onde os poñas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.