Que lles dean polos heráclitos

Heráclito (dos poucos filósofos clásicos que dixeron algo con sentidiño), explicounos que a única verdade incuestionable é que todo está en continua transformación, que nada permanece (mal que lle pese aos conservadores, por definición inmobilistas), que todo evolúe e muda e, dalgunha maneira, que todo mellora. E iso adoita ser certo...a non ser que falemos das débedas, moi en especial das que determinados países (empobrecidos, que non pobres) teñen contraído dende antes de antes e por sempre xamais cos países enriquecidos (que non necesariamente ricos; algúns son ricos de chiripa -petróleo a esgalla- ou a base de escravizar á poboación: léase a potencia da China ou o poderío xermano, neste caso escravitude neocapitalista de minijobs a esgalla).

Vémonos limitados, ata o insoportable, por ducias de débedas que nós non contraemos, senón que foi cousa  dos que nos precederon, pero que si imos pagar, sempre e sen clemencia ningunha, nós, as vítimas.

Esa débeda, que impide desenvolvemento destes países non se somete, xa que logo, á lei de Heráclito, e, ao non facelo, perpetúa inxustizas, provoca mortes, tristura, e moita vergonza.

Eu son dos que cre, cunha radicalidade absoluta, que posto que non estamos moito tempo por aquí, deberiamos ter, cando menos, a posibilidade da felicidade, dunha mínima ledicia máis ou menos constante que faga a vida soportable. Non digo a felicidade porque si e en termos absolutos, porque iso sería o mesmo que non dicir nada, senón, cando menos, a potencialidade da mesma. Sen embargo, vémonos limitados, ata o insoportable, por ducias de débedas que nós non contraemos, senón que foi cousa  dos que nos precederon, pero que si imos pagar, sempre e sen clemencia ningunha, nós, as vítimas.

E xa non falo só de cartos. Falo, por exemplo dos prexuízos. Como os herdados arredor da lingua (o galego é de pobres e incultos), por dicir un calquera que coñecemos moi ben. Débedas como a Constitución, que moitos de nós non votamos e á que hoxe diriamos Non con virulencia estrepitosa. Esa carta magna tan pouco magnánima igual valía para a sociedade dos anos 70 do século pasado (onde vai el, coitadiño), mais xa non nos vale neste afouto e moi diferente século XXI e, xa que logo, debería arbitrarse (toma verbo) algún camiño para que os que pagamos a débeda dunha factura que non solicitamos e que nos fai aturala, a ela e o seu monárquico modelo de estado, que poidamos, cando menos decidir se a deixamos ou non de pagar.

Heráclito, sen sabelo, foi un dos primeiros antisistema porque nos fixo ver que ningún modelo de organización é para sempre. E que as débedas, do tipo que sexan, algún día hai que deixar de pagalas aínda que ao acreedor lle amole

Porque por moi a gusto -é un falar- que aqueles daqueles días o decidiran, xa pasou tempo máis que sobrado como para que se nos condone ou como se diga iso de non facerlle pagar a conta a quen nada ten que ver co asunto e seica, si, cos condóns.

E quen di estas cousas fala doutras moitas: a idea de nación, a identidade cultural, a filiación, porque si, ao concordato coa Santa Se (que manda truco)... Heráclito, sen sabelo, foi un dos primeiros antisistema porque nos fixo ver que ningún modelo de organización é para sempre. E que as débedas, do tipo que sexan, algún día hai que deixar de pagalas aínda que ao acreedor lle amole.

Así que por min, que lles dean polos heráclitos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.