Que nunca nos afasten do mar (medidas urxentes para un sector portuario con futuro)

Este artigo apenas é unha pequena chamada de atención sobre o incomprensíbel que é, nunha nación atlántica e aberta ao mar como a nosa, a desidia en cuestións marítimo-portuarias dos que até agora tiveron responsabilidades de xestión e goberno. Parece como se desde os seus luxosos despachos algúns odiasen todo o referente ao mar, nas moitas e diferentes fasquías que este adopta na nosa realidade social. E xa que the proof of the pudding is in the eating vexan vostedes para o caso a excelente reportaxe de Pilar Fernández sobre Feijoo e o desmantelamento do sector do mar.

Pois ben, como outros sectores do mar tamén os nosos portos están en grave risco baixo as actuais políticas planificadas desde o eixo Bruxelas-Madrid co seu apéndice compostelán. Así, e a modo de exemplo, a día de hoxe, pese a toda a súa inmensa potencialidade, os portos galegos de interese xeral son, tanto por tamaño como por volume de tráfego, de pequena escala. Abonda con ollar os anuarios oficiais elaborados por Puertos del Estado para observar como en 2014, último publicado, as cinco autoridades portuarias cantábricas duplicaban as toneladas movidas como tráfego portuario total ás movidas polas (tamén cinco) autoridades portuarias galegas, ou como no Mediterráneo unha soa autoridade portuaria catalá, Tarragona, movía tanto, e un pouco máis, como as cinco galegas xuntas. Xa en 2007 o informe La economía de Galicia: diagnóstico estratégico de La Caixa advertía que os portos galegos necesitaban de “iniciativas estratéxicas para o seu reposicionamento nas redes globais”.

Deixamos para outra ocasión comentar as fondas mudanzas en curso que se están a levar a cabo no entramado marítimo-portuario internacional, mudanzas que, ao estar ausente a voz dos intereses de Galiza, van reforzar, se ninguén o impide a tempo, o seu carácter subalterno. Porén, cómpre agora sinalarmos como o noso sector sobreviviu nestes últimos 40 anos non só contra o propio contexto mundial e europeo de ofensiva neoliberal, cuxos golpes son especialmente sentidos na comunidade portuaria, senón a maiores soportando unha lexislación española sumamente lesiva para os nosos intereses e unha total desidia e parálise do Goberno galego naquelas cuestións en materia marítimo-portuaria en que si podería intervir.

Eis a necesidade de afrontar con urxencia os principais problemas que arrastramos até o día de hoxe con medidas todas elas posíbeis no marco legal vixente, entretanto comezamos ao mesmo tempo e desde xa o deseño e planificación, asumíndoo como unha auténtica política de Estado propio, do modelo de xestión portuaria que queremos para Galiza a medio e longo prazo.

Na hipótese de algún día dotarnos de un Goberno galego digno de tal nome este deberá acometer desde o primeiro día 4+1 cuestións da máxima urxencia:

Primeiramente a elaboración e aprobación da Lei Galega de Portos, até agora inexistente aínda que de maneira recorrente é publicitada desde a Xunta a súa inminente presentación e tramitación. A norma terá de ir no sentido de afianzar o carácter público do sector e necesariamente deberá reorientar o desnortado organismo Portos de Galicia.

En segundo lugar, é inadiábel a real e efectiva coordinación das cinco Autoridades Portuarias, fomentando as sinerxías, dotándoas de planificación estratéxica e minimizando a competencia interportuaria.

En terceiro lugar, cómpre homologar as condicións laborais, de acceso á profesión e de formación das e dos traballadores da estiba, así como devolver de maneira inmediata á titularidade pública este sector fundamental, e tan inxustamente tratado, da comunidade portuaria.

En cuarto lugar, deberase promover, como parte da necesaria acción exterior do Goberno galego, o Arco Atlántico Europeo que vai da Fisterra bretoa ao cabo de São Vicente, o noso espazo natural que pese á súa magnífica posición xeográfica como porta sul de Europa a día de hoxe segue sendo subalterno a respecto dos grandes polos marítimo-portuarios continentais e da súa maior capacidade para a captación de tráfegos. Así mesmo, cómpre coordinar moi especialmente os portos galegos e portugueses conscientes da importancia estratéxica da faixa atlántica peninsular así como axudar na promoción comercial dos nosos portos en todos os foros internacionais.

Estas catro medidas son urxentes e necesarias e, sobre todo, posíbeis de realizar nun curto período de tempo.

En paralelo a estas catro medidas deberase comezar o proceso de transferencia a Galiza dos denominados portos de interese xeral que pese a seren, de momento, competencia exclusiva do Estado, entendemos que habendo vontade política existen fisuras legais abondo como para atinxir dito obxectivo, fundamental se queremos un sector con futuro. A maneira de exemplo entendemos que a activación do artigo 4.2 do RDL 2/2011 de 5 de setembro é unha das posíbeis vías que terán de se explorar á hora de comezar con dito proceso.

Estas son esas 4+1 medidas máis urxentes e relativamente doadas de implementar. Ben certo é que existen outras moitas que hai que tomar como ir desprivatizando aqueles elementos máis nocivos que foron introducidos no sistema, aumentar recursos e plantilla, apostar pola formación e a eficiencia na xestión operativa, elevar os estándares nos criterios ambientais e de seguranza e saúde laboral, etc. etc. Porén, o realmente importante neste preciso momento é compartillarmos a noción de que Galiza non se pode permitir ficar sen sector portuario ou que este pase a mans privadas, que vén sendo o mesmo, e actuarmos en consecuencia. Este sector, como xa temos dito e non nos cansaremos de repetir, non só é estratéxico senón que é vital para este país.

Son estes apenas uns apuntamentos breves. Tempo haberá de profundar se a partir de finais deste setembro somos quen, entre todas e todos, de deixar a un lado aos que nos queren afastar do mar, como se quixesen, nunha especie de perversa fantasía mesetaria, levar o mar lonxe de Galiza, conscientes como son, e vaia se o son, que coutarnos o mar é, en última instancia, roubarnos un dos mellores garantes da nosa liberdade futura.

Imos pois ao #25S para encetar unha nova etapa política. Só así poderemos enxergar un sector portuario con futuro nunha nación xusta e próspera, na que nunca, nunca, nos podan afastar do mar e que este continúe a nos visitar todos os días das nosas vidas. Como escribiu Avilés de Taramancos: “chegou cheo de brétema a visitarme o mar”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.