Perigoso silencio envolve o proceso das Eleccións Europeas, grandes perxudicadas das contabilidades electorais. Ante o balbordo das Municipais e das Autonómicas (agás as nacións históricas como Galicia, Catalunya e Euskadi), todo evidencia que as Europeas se debilitan, afogadas no silencio e na perigosa abstención que se anuncia no horizonte.
Cómpre sairmos desta liturxia inmobilista. Por moitas razóns: porque está en xogo o porvir de Europa como unión de pobos...se é que a queremos
E, non obstante, cómpre sairmos desta liturxia inmobilista. Por moitas razóns: porque está en xogo o porvir de Europa como unión de pobos...se é que a queremos.
Hoxe, ventos feridos conducen o voto ás urnas. Na tribuna das emocións hai tempo que o argumentario da racionalidade perde. Xa vimos as consecuencias de non existir unha esquerda hexemónica na Unión Europea na toma de decisións adoptadas para 'saírmos da crise' no 2008: políticas austericidas e austeritarias. Ausencia que se encadra na existencia de entes non elixidos democraticamente.
Como se fose un canto distante, cuxas notas melódicas chegan apagadas, así...así veñen e van os ventos feridos. Que está por vir en Europa?
Os xestores do capitalismo neoliberal, como non podía ser doutra maneira, non queren que nada cambie. Todo debe seguir igual: desta maneira adquire pleno sentido a foto de familia da xuntanza informal dos 27 en Sibiu (Romanía)...alguén pode ignorar quen está retorcendo as institucións democráticas dalgúns deses 27 países? Resulta evidente que aqueles que se autoproclaman 'demócratas' aceptan a presenza, cada vez máis puxante, da extrema dereita....ata que sexa tarde e resulte imposible dar marcha atrás. Pero eles, que converteron en imposible a convivencia entre Democracia e Capital, queren que todo siga igual.
E, non obstante, cómpre adquirir o firme compromiso de non 'pasar' de Europa e votar con firme convicción por unha mudanza radical do actual paradigma hexemónico tanto na xestión da política e da economía, como da sociedade e da cultura. Ese paradigma, que hoxe nos converte en servos, en man de obra precaria e en simples consumidores obsolescentes, foi ben acompasado coa sistemática e constante perda dos dereitos conqueridos pola clase traballadora, coa degradación e privatización dos servizos públicos, coa devastación dos sectores tradicionais, de proximidade, ante os oligopolios e as prácticas intensivas. Eles, claro, non queren que nada cambie, e por iso fan unha foto de familia sorrindo, mentres o Mar Mediterráneo engule vidas rexeitadas polos muros, os valos...e a máquina da guerra. Pero eles sorrín: teñen o pastel da democracia ben repartido.
A pesar da literatura do fracaso que elaborou a conciencia o capitalismo, hai necesidade de igualdade, de liberdade e de 'fratersororidade'
E, non obstante, temos a responsabilidade de procurar outras mans amigas, e estreitalas con forza, con solidariedade e compartir un horizonte de esperanza. Aínda, e a pesar da literatura do fracaso que elaborou a conciencia o capitalismo, hai necesidade de igualdade, de liberdade e de 'fratersororidade'. Insumisas ante o desalento, aínda hai persoas que agardan un golpe no lado esquerdo da mesa, quen de tumbar as pezas da dereita. A democracia real agarda, impaciente, ante a porta das institucións europeas a que se lle dea entrada (a Comisión Europea, o BCE, organismos reguladores, o propio Parlamento Europeo).
Nada debe quedar ao azar...nen sequera...e menos iso...o universo dixital, o máis depredador e enganoso dos universos en mans da cobiza e dos valores do hipercapitalismo dixital (brillante o recente libro de Albino Prada, desmontando a falacia tecnodixital). Como ensina César Rendueles ("Malas noticias: materialismo. Apuntes para una reformulación praxeológica del programa materialista", Comunismos por venir, Arcadia / MACBA, 2019), moitas empresas tecnolóxicas de vangarda, que ofrecían servizos de intelixencia artificial, en realidadade usaban para ese traballo a seres humanos mal pagados. Unha estratexia que puxo en marcha Amazon co seu proxecto Mechanical Turk, "una plataforma de crowdsourcing ultraprecaria que sirve para encontrar trabajadores que realicen tareas simples y de bajo precio que requieren un cierto nvel de inteligencia que una máquina no puede hacer" (p. 55).
Por iso, nada debe quedar ao azar...eles dirán que o noso proxecto é irrealizable, que somos utópicos. Pero non é certo, a nosa utopía socialista é realizable. Temos que liberarnos dos secuestradores neoliberais. Como? Alterando o centro que hoxe pivota ao redor da economía-diñeiro e devolvendo o ser humano ao centro da vida. Como?... a) Garantindo dereitos e liberdades; b) Protexendo eses dereitos e liberdades; c) Defendendo a integridade dos mesmos ante a xustiza en caso de abuso e vulneración. Os tres principios requiren dunha recuperación total do carácter público dos servizos básicos, dunha democratización radical das institucións europeas e que exista control democrático a través da participación da cidadanía.
Temos que liberarnos dos secuestradores neoliberais. Como? Alterando o centro que hoxe pivota ao redor da economía-diñeiro e devolvendo o ser humano ao centro da vida
Como?...insisten as persoas expulsadas, as relegadas ás marxes da supervivencia...Pois, exercendo toda a nosa forza para desfacer a estrutura racista e discriminatoria posta en pé para bunquerizar Europa e atacar a integridade e a dignidade das persoas que desexan vivir en Europa. E, despois, reconstruír os alicerces da convivencia e establecer a cooperación entre os pobos como principio relacional básico.
Si, mais para termos éxito na aventura, temos que recuperar a hexemonía cultural. Cómpre desbotar o actual paradigma da acumulación polo da suficiencia compartida e ecolóxica. Eles, con cinismo e con repercusión mediática insistirán en que é imposible...si...mentres sigan eles manexando os fíos será imposible. E aínda será peor todo.
O 26 M desfagamos a alienación da fábula neoliberal e...sí....soñemos que os ventos feridos levarán ás urnas a semente dunha Europa máis xusta, máis humana...de esquerdas, claro.