Que pasa co emprego?

CC-BY-SA Praza Pública

Vaia por diante que o obxectivo prioritario de calquera goberno no momento actual debe seren o control da pandemia pois so así será posible a recuperación económica. Unha recuperación que, visto o impacto da COVID.19, debe poñer ao emprego no centro das estratexias por razóns obvias. Por caso as estadísticas oficiais están deixando en evidencia que un dos impactos macroeconómicos mais negativos da pandemia atinxe ao mercado laboral. Un mercado que en Galicia agocha dende moi antigo problemas estruturais e sistémicos.

Se nos acollemos aos datos que subministra a EPA (INE), a fonte mais fiable, durante a primeiro ano de pandemia (2020) se perderon 15.000 empregos mentres mais de 30.000 traballadores/as se acolleron a un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego). Unha perda de empregos que non foi maior pola caída dos activos (18.000) que a súa vez freou o crecemento do desemprego (-3.000). Galicia segue sendo unha comunidade cun moi baixo nivel de emprego: 52,3% de taxa de ocupación (6 puntos por baixo da media española, mais de 20 da media da UE).

Analizando agora as cifras do SGE recollemos que mais de un terzo dos/as desempregados/as son de longa duración dato que confirma o anteriormente subliñado sobre a escasa capacidade de creación de emprego da economía galega e tamén a constante caída das expectativas de atopar un emprego o que leva a que cada vez mais traballadores/as desistan de buscalo pensando, quizás, que xa non son aptos para traballar. Nunca sucedera que houbera tantos/as galegos/as atrapados/as nun estado de desempregados/as permanentes. Unha situación que ten causas políticas: o desemprego de longa duración é froito tanto das políticas macroeconómicas como da xestión política do emprego.

Resumido, e apoiándonos nas estatísticas oficiais, pódemos afirmar que en Galicia é moi difícil atopar un traballo, cando se atopa e maiormente precario, cando se perde e se ten mais de 50 anos é moi difícil volver a atopar outro e cada vez son mais os mozos/as que se ven obrigados a optar pola emigración. A esta escenario practicamente sistémico temos que sumar agora o impacto provocado pola pandemia que con toda seguridade vai a intensificar os fenómenos subliñados pero que, polo de agora, aparecen relativamente ocultos grazas aos ERTES e outros estabilizadores automáticos aprobados polo goberno español de torno (PSOE/UP).

Por sectores a perda de empregos pola pandemia concentrouse basicamente en dous: a industria e os servizos, practicamente a partes iguais. Neste marco xorden algunhas dúbidas importantes no sector servizos como, por caso, que si en actividades como a hostalería e o turismo é razoable pensar que unha vez superada a pandemia se recuperará moita da normalidade anterior e, xa que logo, do emprego. Que vai pasar, a pesar diso, co comercio polo miúdo onde, segundo a Federación Galega de Comercio, neste primeiro ano de pandemia pecharon mais de 10.000 locais, moitos dos cales non saben si poderán volver a abrir. 

Pola súa parte na industria o impacto varía segundo as características da cada actividade. Non cabe dúbidas que en sectores exportadores como a automación, o téxtil e a alimentación amais do impacto provocado para parálise na actividade derivada das medidas preventivas fronte a pandemia, que afectan a todo o sector, hai que engadirlle derivado do freo do comercio internacional. Cabe destacar que todo parece indicar que hai sinaturas que parecen querer aproveitar a conxuntura para reducir cadros de persoal.

Se o emprego privado está sendo un dos grandes damnificados pola pandemia o panorama para o emprego público non é tampouco optimista xa que si a pandemia puxo en evidencia un enorme déficit de emprego nas funcións públicas de benestar (sanidade, atención a maiores, dependencia, familia e infancia....) as medidas adoptadas polas dúas administracións públicas sementan moi serías dúbidas sobre o seu impacto cara a superación dese déficit.

En Galicia se debuxa un escenario postpandémico moi, moi negro para o emprego, seguramente o mais dramático da democracia. En primeiro lugar por que dado o lento ritmo de vacinación o horizonte sen pandemia non aparenta estar próximo. Os postos de traballo seguirán sendo escasos polo que moitos/as traballadores/as que queren traballar non poderán facelo e tamén moitos que quererán un traballo a tempo completo so atoparan un a tempo parcial. Seguirán as penalidades entre os mozos/as, que se supoñía mellor situados pola súa preparación e cualificación, por que terán que optar entre aceptar un traballo precario non cualificado ou a emigración. Unha das razóns que me levan a debuxar este escenario é o reducido papel que se lle está dando ao publico tendo en conta tanto o impacto da pandemia como os déficits anteriores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.