Que pase

CC-BY-SA Praza Pública

Coincido con Iñaki Gabilondo en que todo o proceso da suposta negociación entre PSOE e Podemos é unha estafa, unha farsa. Porque, como el mesmo di, non están a falar de asuntos ou medidas políticas en tantos campos que son posíbeis e necesarios: a reforma laboral, a vivenda, a eutanasia, a transición enerxética, a lei mordaza etc.. Ademáis, hai un elemento pouco usado en tanto debate e tanta tertulia, que é a simple aritmética parlamentaria. Os dous protagonistas da comedia non teñen escanos para formar unha maioría.

En calquera país europeo, a coalición de goberno esperaríase dos partidos veciños ou colindantes, os máis próximos que xuntos dean a suma necesaria. Así, non hai dúbida de que a maioria expresa e rotunda estaría no caso español na suma de PSOE e C´s. A proposta “centrista” acó chamada do IBEX tería indiscutíbel procedencia, porque estaría soportada por unha realidade electoral e social, sen dúbida algunha. A sorpresa aparece na inexplicábel posición de Rivera, empeñado en particular batalla de primacía.

Onde esta lóxica rompe é na existencia da representación de ERC, cos seus 15 escanos, que sen dúbida correría esa maioría cara a unha esquerda social no conxunto español. Mais, mágoa, está o problema catalán, inabordábel por ambos partidos do teatro negociador, o que impide o compromiso estábel das organizacións independentistas.

A diferenza entre un goberno en solitario do PSOE e un de hipotética coalición con Podemos, a efectos da sucesiva consecución de apoios parlamentarios diante de propostas, leis ou decretos en tantos temas pendentes tras o austericidio do PP, tende a ser pouca, porque a confianza que lle dá aos partidos cataláns e mesmo aos vascos do PNV non é moi superior á que ofrece o propio PSOE. Dito doutro modo, a lexislatura será a procura sucesiva e constante de maiorías circunstanciais para medidas concretas, segundo o interese de cada quen.

En todo caso, o máis relevante é a previsión de que unha nova convocatoria electoral recolocaría as posicións relativas dos principais partidos, en beneficio dos protagonistas do bipartidismo tradicional, sen alterar a posibilidade de formación de maiorías, que seguirían como están. Dito sexa, sen prexuizo de aceptar que existe a hipótese terríbel dunha agrupación da dereita que combinada coa abstención produto do aborrecemento no campo da esquerda dera lugar a unha nova e peor xeira dereitosa no estado.

Dicía alguén no meu vello partido Esquerda Galega que estábamos irreconciliabelmente divididos en dúas faccións, a que opinaba que o Seoane alcalde de Oleiros era de dereitas, e a que afirmaba ser aquel un home de esquerdas. Fóra da anécdota, a esquerda galega está sempre no debate de se o PSOE é de dereitas ou é de esquerdas, o que serve para que xurdan confrontacións paralisadoras e ás veces escisións sucesivas neste campo.

Pois ben, o PSOE nin é de dereitas nin é de esquerdas, ou é ambas cousas. É un partido que abrangue un grande espazo, no que inexorabelmente veñen incluirse variadas posicións no esquema social e económico. Hai o PSOE de Ibarra, Felipe e Guerra, Leguina, Corcuera etc., tan vehementes nas súas diatribas dereitosas, e tantas e tantos cadros integrados nas prebendas do poder, nos consellos de administración de eléctricas, teléfonicas e financieiras, iso é irrefutábel; mais tamén están cadros políticos de base en toda a estrutura democrtática municipal, sindical, cidadán e cultural.

Sempre a esquerda montaraz esquece que, ademáis, existe unha boa parte da sociedade que agradece a sensación de estabilidade, a tranquilidade democrática, a ausencia de aventura. É obriga das alternativas á súa esquerda tirar deste segmento para formular propostas de transformación, dentro ou fóra, ou sexa, tendo ao PSOE como aliado ou superándoo políticamente. Non hai outra.

Resulta evidente que tras o 15M, se houbo unha oportunidade do segundo, a superación, iso pasou á historia, non houbo sorpaso e estou convencido de que non foi por mérito dos socialistas, senón por escandalosa incapacidade das organizacións chamadas rupturistas. Esa foi, ao fin, a situación en que devimos, e que cómpre aceptar para actuar en consecuencia.

Non se pode superar ao PSOE na sociedade española actual sobre a base de propostas etéreas e de realización imposíbel, obxectivos inconcretos e de expresión grandilocuente, que choquen ostentosamente con calquera viso de realidade. Así, a pertenza á Unión Europea, o euro, o marco capitalista, a inmediatez da república, os procesos constituíntes nas nacions do estado etc.. A esquerda irreal resulta impotente e, por tanto, resignada. Con iso non se pode facer valer a enerxía transformadora.

Non hai trance, pois, para xogar con forza as exixencias de cambio. Hai, si, necesidade e sentido pragmático para medidas hoxe de fonda repercusión social e que nin sequera son privativas da esquerda: educación, lei mordaza, vivenda, enerxía, control das financieiras, pensións, sustentabilidade do medio etc. Hai sitio para a reivindicación de maior e máis fonda significación democrática. E ir afondando na organización social, na promoción de alianzas nas distintas nacións do estado, sen competir nin pretender neutralizar as iniciativas de base, a autoorganización e o dereito a tomar decisións en cada ámbito. Ir efectivizando alternativas reivindicadoras e movilizadoras. Dando a batalla que sempre se deu, que sabemos dar.

Loitar pola implantación de organizacións con credibilidade e con todos os elementos de continuidade, con gañas de futuro.

En tanto, que pase o que lle toca, a gobernar. Que xa iremos apretando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.