Se en reiterados artigos neste medio xa deixen probas da miña opinión sobre a realidade pasada e presente da Unión Europea, agora partindo dese marco atrévome a opinar sobre a Europa do 2026. Un futuro inmediato que virá determinado por como se resolvan unha serie de incógnitas que atinxen tanto á política interior como as relacións exteriores. Empecemos por estas últimas.
As relacións exteriores
Nas relacións exteriores da Unión Europea catro relevantes incógnitas aparecen no horizonte. Sen que o orde sexa decisivo podemos poñer en primeiro lugar a guerra en Ucraína, a continuación o xenocidio en Gaza, os tratados comerciais cos Estados Unidos e con Mercosur e as relacións cos BRIC. Seguramente que haxa mais incógnitas pero estas están entre as mais relevantes e decisivas entre outras razóns por que todas elas veñen marcadas por un mesmo dobre vector: a crecente dependencia -ou, sería mellor dicir subordinación- dos Estados Unidos e a paralela perda de influencia política no sistema mundial.
Para mellor entender a política da Unión Europea en relación a guerra en Ucraína resulta necesario traer a colación o argumento das súas respectivas elites sobre a mesma no que afirman que “é posible derrotar militarmente a Rusia….para o que será importante limitar a súa marxe de acción con sancións” (sic). Unhas elites que dende que se produciu a invasión rusa de Ucraína -24 de febreiro do 2022- manteñen un discurso belicista e antiruso co que nos queren convencer de que existe o risco de que Rusia invada Europa e o perigo real de que chegue ao Atlántico. Un discurso que ademais de buscar a xustificación de un incremento do gasto militar da Unión Europea, está provocando un prolongamento da guerra en territorio ucraíno, un maior sufrimento da súa poboación –que é quen pon os mortos xunto con Rusia-, unha maior destrución das súas infraestruturas -casas, escolas, hospitais, carreteiras...-, un disparar da súa débeda, e o atraso dun final que será inevitable -a negociación con Rusia- na que a potencia invasora contará con tanto mais territorio canto se prolongue a guerra. Unha estratexia de “guerra fría” que, por outra parte, non lle produce réditos políticos pois, como estamos vendo, coloca a Unión Europea nun papel de comparsa.
Un discurso en relación con Rusia que, por caso, non se mantén con Israel a pesar do xenocidio que os sionistas están cometendo en Gaza. En relación con este último cabe preguntarse onde estivo a Unión Europea durante ese xenocidio?, onde quedou a súa proclamada defensa dos dereitos humanos?. Cara o futuro esta cínica posición da Unión Europea lle reportará unha grande perda de confianza e de apoio por parte de moitos estados do Sur global o que afondará na súa perda de influencia política no sistema mundial -hoxe en día moi visible, por caso, en Africa- ao tempo que irá medrando a súa imaxe de colonia do Imperio estadounidense.
Unha imaxe alimentada polo acordo comercial cos Estados Unidos que non so é un mal acordo para os intereses da Unión Europea senón que vai supor, como sinalaba antes, unha maior dependencia de esta cara aquel en materias estratéxicas como a militar, a enerxética, a tecnolóxica e a política. Por que este acordo supón un compromiso por parte da Unión Europea de aumentala adquisición de equipo militar a industria estadounidense, de adquirir produtos enerxéticos tamén estadounidenses por valor de 750.000 millóns de dólares e chips de IA (Intelixencia Artificial) por un valor mínimo de 40.000 millóns de dólares así como o compromiso de comunicar aos Estados Unidos, antes de poñela en práctica, a súa política de regulación (!!). Compromisos que na práctica supoñen que os dirixentes da Unión Europea non so aceptan o liderado político e comercial dos Estados Unidos senón tamén a política provocadora de Donald Trump e os seus oligarcas. En realidade este acordo e unha humillación pois supón aceptar un papel de colonia e renunciar a un proxecto autónomo.
En relación aos países do Mercosur e do BRIC -especialmente China- a Unión Europea parece intentar adoptar os criterios do libre comercio cos primeiros, para así aproveitar as vantaxes comparativas, e de proteccionismo con China dado que neste caso mantén unha posición de clara desventaxa. De calquera das formas estas relacións van a estar moi condicionadas polo acordo comercial cos Estados Unidos e van a provocar que no escenario mundial a Unión Europea non poida presentarse como un polo referente de democracia, benestar, paz e seguridade. Un escenario no que ocupará un papel mais secundario e moi condicionado pola rivalidade Estados Unidos-China.
A política interior
En política interior a marcha da economía resultará un factor clave na configuración da Europa do 2026. Tendo en conta o contexto actual non resulta ariscado afirmar que con toda probabilidade a economía europea, de non darse cambios que non parecen posibles, seguirá perdendo posicións no sistema mundial capitalista, incrementando o seu atraso xa non so cos Estados Unidos -co que estaba ao par ao comenzo do século XXI- senón tamén coa potencia emerxente, con China -a que non fai moitos anos superaba claramente-.
Dende o punto de vista económico nestes últimos anos (2000-2024) a Unión Europea tivo que observar impotente como a lenda con Estados Unidos -PIB, PIB/percapita, produtividade, emprego, novas tecnoloxías, intelixencia artificial….- se agrandaba ao tempo que China -na maioría dos indicadores macroeconómicos- a pesar de partir de moito mais atrás a alcanzaba cando non a superaba. Paralelamente a nivel interno as diverxencias económicas se multiplicaban cunha Alamana -antano o motor da Unión Europea- en recesión, unha Francia estancada e nunha profunda crise e unha Italia que arrastra grandes riscos.
Poida que a proba mais evidente deste atraso europeo a atopemos no campo da investigación e a innovación que a nivel mundial está marcado pola feroz batalla polo liderado entre os Estados Unidos e China quen parece partir con vantaxe. Un escenario -revolución dixital, intelixencia artificial, defensa, ciberseguridade- no que a Unión Europea nin está nin se lle espera o que marcará o seu futuro inmediato e a medio prazo e cuxos custos interiores se farán mais evidentes durante este ano 2026.
Un atraso económico que ten causas políticas e ideolóxicas moi claras. A aposta polo ordoliberalismo -liberalismo a alamana- que confía exclusivamente no libre mercado como motor do crecemento económico, que abandona calquera estratexia de cooperación ou solidariedade entre estados europeos con grades diferencias estruturais e comerciais para acentuar unha rivalidade e unha competencia internas -capital, man de obras, materias primas...- levou a que ademais de acentuarse as diferencias internas a Unión Europea atravesará unha serie de crises recorrentes que a colocaron no sistema mundial na situación de dependencia na que está actualmente e da que lle custará moito traballo saír senón cambia de paradigma.
Unha situación que, como sinalaba, a conduciron unha serie de políticas macroeconómicas erradas -a implantación do euro como moeda única, a aposta por políticas monetarias ortodoxas, o desprezo por unha política orzamentaria europea, a adopción duns criterios fiscais -déficit e débeda- absolutamente improcedentes e contrarios ao sentido común, as devalacións salariais, a perda de soberanía económica por parte dos estados a prol de institucións con déficits democráticos, o desmantelamento dos estados de benestar...- desequilibraron o mercado interno da Unión Europea e provocaron crises recorrentes -a crise bancaria, a do euro...- que a aloxaron dos obxectivos de converxencia.
Unha acentuación das diverxencias que tiveron efectos sectoriais moi relevantes como o desprazamento do capital industrial polo capital financeiro, o declive do sector agroalimentario, o auxe do deterioro ambiental, o incremento das desigualdades sociais e territoriais e o atraso tecnolóxico, entre outros. Efectos sectoriais que levaron a recesión eo estancamento da Unión Europea, unha situación que se mantén dende fai mais dunha década e na que o seu motor principal -Alamana- da clara sinais de estar moi agripado.
Para maior desgracia da Unión Europea os seus dirixentes non parecen ser quen de abandonalos dogmas económicos que a levaron a situación actual de estancamento o que nos fai pensar que de non producirse un cambio radical, algo que non aparece no horizonte, a Unión Europea no ano 2026 e nos seguintes, seguirá navegando nunha crise sistémica que a nivel interno acentuará as tensións con risco de rupturas. Un crise sistémica marcada a nivel socioeconómico polas ameazas de novas crises financeiras, un incremento das débedas por mor dun maior gasto militar, un desmantelamento definitivo do Pacto Verde, novos ataques ao estado de benestar e aos dereitos dos traballadores e un incremento da poboación en risco de pobreza e exclusión social. A nivel de política interna esta crise de identidade da Unión Europea alimentará tanto os movementos centrífugos e os riscos de rupturas como o ascenso das forzas de extrema dereita. Ao tempo o xiro da Comisión Europea hacia posicións de extrema dereita son evidentes -pactos entre o grupo de Meloni con Ursula von der Leyden para a entrada daqueles no Comisión Europea-
A Unión Europea 2026
Tendo en conta o sinalado anteriormente non resulta esaxerado o subliñar que a nivel interno a Unión Europea, de manter o rumbo actual que con man de ferro dirixe a Comisión Europea baixo a supervisión de Alamana, vai a experimentar durante o ano 2026 un incremento das diverxencias internas que cuestionaran aínda mais a xa fráxil unidade -neste marco o devir da guerra en Ucraína será decisivo-, unha prolongación da recesión económica -o seu motor económico, Alamana, está agripado- que acentuará a xa moi elevada desigualdade interna, e incrementará o número de familias en exclusión social, sen descartar que se produzan novas crises ben por mor das burbullas que se están alimentando ben pola sacratísima concentración de capital que se está favorecendo. Aumentarán tamén os riscos de novas e mais potentes crises ambientais.
Unha situación de debilidade que se trasladará ao exterior o que complicará a súa posición xeopolítica e comercial nun escenario internacional tamén con grandes ameazas. Unha debilidade que se ve alimentada polo seu dependencia enerxética, crecente desindustrialización, atraso tecnolóxico e perda de concorrencia e que resulta manifesta nun escenario mundial marcado pola sacratísima competencia que se está creando entre os Estados Unidos e os BRICS -liderados por China-.
A nivel social a Unha Unión Europea seguirá priorizando os intereses da grande banca e as grandes empresas. Velai que veñan de confirmar os axustes fiscais -débeda e déficit- que como sabemos provocan que medren as débedas públicas e que se frene a actividade. O primeiro favorece a banca -e o seu grande negocio- o segundo as empresas -frena as subidas salariais-