Están en marcha o que chaman uns pactos como os da Moncloa, asinados en 1977, e como daquela os obxectivos están claros: que o gran capital e a banca manteñan os seus beneficios e, por outra parte e a nivel político, consolidar unha monarquía moi desprestixiada despois de saír á luz pública novos casos de corrupción. E todo isto presentado baixo unha etiqueta atractiva: medidas para a reconstrución económica e social.
Comezou o teatriño. O PP semella que non quere eses pactos, atrasa as reunións con Sánchez, pero todo forma parte dunha gran farsa para saír con forza nas futuras negociacións. O problema de fondo e a pregunta do millón é a seguinte: de que “reconstrución” estamos a falar? Trátase de que continúen cos seus negocios e privilexios os de sempre, ou de aproveitar esta crise provocada pola pandemia do covid-19 para poñer en marcha medidas económicas e sociais que favorezan á inmensa maioría da poboación, nomeadamente á clase traballadora e autónomos?
Despois dos da Moncloa, xa vivimos outros pactos sociais cos resultados coñecidos. Cando en 2008 se iniciaba unha crise, PP e PSOE seguiron os ditados da Troika e en 2011 puxéronse de acordo no que sempre dixeron que era moi difícil ou case imposíbel: a reforma da Constitución; e coa modificación do artigo 135 puxeron o diñeiro do Estado ao servizo do capital para pagar a débeda pública antes que as necesidades da xente. A banca foi rescatada con máis de 60.000 millóns de euros, pero a inmensa maioría da xente non foi rescatada porque non recibiu axuda. O Goberno de Zapatero asinaba a reforma das pensións en xaneiro de 2011 con CCOO, UGT, CEOE e CEPYME: unha ampliación da idade de xubilación até os 67 anos e unha diminución das futuras pensións polo cálculo que se fai, tendo en conta os últimos 25 anos cotizados e non os 15 como até ese momento.
Chamoume a atención o artigo de Carlos Candel, que titulaba: No quiero volver a la “normalidad” (eldiario.es, 11-4-2020), que facía referencia a algunhas das características da situación actual, que entrarían dentro desa “normalidade”: “educación segregada, precariedade da sanidade; inmigrantes con medo, como inimigos; destrución da biodiversidade; guerras e explotación, desigualdade e inxustiza”. Eu tampouco quero regresar a esta situación, que se repite desde hai moitos anos: as tres principais empresas eléctricas (Iberdrola, Endesa e Naturgy) tiveron uns beneficios de 4.986 millóns de euros en 2019. O beneficio dos sete principais bancos foi en 2019 de máis de 13.000 millóns de euros: Santander, 6.515 millóns de euros; BBVA, 4.830 millóns; Caixabank, 1.705; Sabadell, 768; Bankinter, 551; Bankia, 541 e Abanca 405 millóns de euros. Todas elas están a presionar para que os novos pactos non toquen os seus beneficios.
A “normalidade” hoxe son os miles de millóns de euros que Facenda deixa de ingresar. O economista Manuel Lago lembraba o artigo 31 da Constitución: “todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto, inspirado nos principios de igualdade e progresividade” (Cartografía da estafa fiscal. La Voz de Galicia, 3-12-2019). Esta é a realidade, que lembraba o economista:
España deixa de ingresar anualmente 90.000 millóns de euros por fraude, elusión ou enxeñaría fiscal. As empresas máis grandes deberían pagar o 25 % dos seus beneficios no imposto de sociedades, pero foi de apenas o 6 % no 2017, a banca o 3 %. E as grandes construtoras o 0,6 %. Segundo un informe da propia Axencia Tributaria, 27 multinacionais españolas que facturaron en conxunto 111.000 millóns de euros e gañaron máis de 25.000 millóns apenas pagaron 60 millóns no imposto de sociedades, o 0,3 % dos seus beneficios. Das 35 empresa do IBEX, 30 teñen 850 sociedades filiais en paraísos fiscais.
No 2017 o 85 % da recadación do IRPF ten a súa orixe nas rendas do traballo. Hai máis ricos, que pagan menos impostos porque hai unha estratexia para acabar coas figuras tributarias que gravan a riqueza: o imposto sobre o patrimonio e o imposto de sucesións.
Desfiscalización dos grandes patrimonios que tamén chegou a Galicia porque para 2020 se rebaixa a tarifa do imposto de patrimonio, que só pagan os que teñen un patrimonio superior a 700.000 euros, e modifícase o imposto de sucesións, de forma que unha persoa que reciba unha herdanza de ata un millón de euros de cada un dos seus proxenitores estará exento de tributación. Mentres, un asalariado con 1.500 euros ao mes paga o 25 % no IRPF.
Perante esta situación hai dúas saídas: acordo cimentado, fundamentalmente, no goberno do PSOE, PP e patronal, para que todo siga igual e que a crise a paguen os de sempre. Nunha pregunta, perfectamente amañada, xa se encargou o CIS de difundir que case o 90% están a favor desta alternativa.
Outra opción é que o goberno (PSOE-Podemos) co apoio dos partidos que aprobaron a investidura de Pedro Sánchez (ERC, Bildu, BNG, Compromís etc,) e dun amplo movemento sindical e social poñan as bases para un cambio en profundidade: frear os recortes sociais, a privatización ou precarización de servizos públicos e as políticas de recentralización; recuperación dos miles de millóns de euros do rescate bancario; nova política fiscal progresiva e redistributiva que grave as grandes fortunas e as grandes empresas; camiñar cara a un novo modelo produtivo, nacionalización das grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía como o financeiro, comunicacións, telecomunicacións ou enerxético. Estas foron algunhas das propostas que Néstor Rego, deputado do BNG, fixo chegar a Pedro Sánchez para unha saída “social e xusta á crise”.
Estamos ante un tema que pode marcar a política nos próximos anos. Se trunfa a primeira saída, coa participación do PP e o apoio de Podemos, haberá moitas dificultades para derrotar ao PP mas eleccións ao Parlamento Galego dentro de seis meses. Por outra parte, se Podemos se desmarca e non participa nun pacto social coa dereita, podería haber unha crise de goberno e unha nova convocatoria de eleccións xerais.
Concretando en Galiza, cómpre a creación dunha plataforma cívica o máis ampla posíbel que agrupe ás forzas políticas, sindicais e sociais, incluíndo a persoas en paro e pensionistas, por unha saída á crise que beneficie ás clases populares. Por outra parte, considero urxente a creación dun movemento unitario das pensionistas galegas, tomando como referencia o proceso en Euscadi; todo isto respectando a existencia de diversas organizacións de pensionistas dos sindicato e outros movemento existentes. É posíbel esa unidade cun programa básico. Non se pode continuar con distintas convocatorias na mesma cidade, con reivindicación semellantes, case o mesmo día, e con asistencia en cada unha delas de 50-100 persoas.