Oír á Conselleira do Medio Rural e ó Presidente da Xunta de Galicia, repetir machaconamente o mesmo que se ven dicindo, dende hai máis de trinta anos sobre os incendios, xa resulta ferinte: “A causa dos incendios téñena os incendiarios”. Ben, e que?
Se a causa fose exclusivamente debida a mala fe duns pirómanos, estes cargos tamén son responsábeis, pois o PP tamén manda nas forzas de seguridade e ten responsabilidades na xustiza, así que a espabilarse. Non obstante, moitos pensamos, entre eles o fiscal que fixo un bo informe sobre os lumes, que a maioría débense a descoidos, algúns a xente con discapacidade mental, posiblemente algún ata poda ser producido por un foguete, algún raio, e tampouco se pode negar que existan vándalos, -entre os que podería haber alguén das brigadas contraincendios-, mais todo indica que non existe trama algunha. Esta claro que onde ten valor o monte, por exemplo, no concello de Cerdido, alí non arde.
O problema fundamental de todas maneiras e outro, como se poden evitar os incendios? E nesto este Goberno non ofrece ningunha solución, incluso parece un milagre que tal como está o medio rural de abandonado non existan máis incendios. Polo menos o bipartito sí tomou algunhas medidas, despois dos enormes lumes que se produciron nos primeiros tempos do seu mandato. A creación do banco de terras foi un inicio para tratar de valorizar o rural, obrigar ás empresas eléctricas a limpar debaixo das liñas tamén, o mesmo que esixir limpar o lado das casas, que este goberno reduciu drasticamente. O non permitir urbanizar en zonas queimadas foi unha lei oportuna que igualmente este goberno trata de evitar coa nova lei de montes. Ou sexa que si xa existían poucas medidas, reducíronas.
Pola contra, que alguén numere un so feito importante que se aplicara por este goberno. Séguese a gastar moito en apagar lumes facendo desto un negocio enorme, e menos en prevención, e sobre todo, non existe unha política forestal nin agraria similar a que fan na maioría dos países europeos. Por exemplo, non apoiar o sector leiteiro como fan en Francia tamén repercute no abandono do campo. Dende logo si seguimos con esta política agraria vai ser o mesmo que arda que non, pois xa está quedando todo abandonado, incluso moitos pobos enteiros. Que pena!.