Quebra moral, putrefacción e desesperación

Se o Reino de España se considerase unha empresa e fose auditada de modo profesional nestes momentos sería declarado en quebra. Deixo de lado aquí se unha sociedade á que se lle está retirando a protección social do Estado, pagando o prezo os máis débiles, non é unha sociedade xa arruinada, refírome aquí á evidente quebra política e moral.

Que o partido que goberna é, de arriba abaixo, unha máquina de fabricar corrupción e non sabemos se tamén extorsión, da que se alimentan os seus dirixentes e a súa estrutura mesma

España está en quebra moral. Os poderes establecidos invocan a "razón de Estado" para garantir a estabilidade, é dicir a continuidade. En nome da responsabilidade quérese obviar a evidencia de que estamos gobernados por persoas que sabemos que cobraron durante anos sobres con diñeiro negro, do que ignoramos a súa procedencia. Que o partido que goberna é, de arriba abaixo, unha máquina de fabricar corrupción e non sabemos se tamén extorsión, da que se alimentan os seus dirixentes e a súa estrutura mesma. Un partido coa estrutura económica dunha organización delituosa, con caixa A, caixa B e agora sabemos da caixa C. En nome da responsabilidade dáse por feito que é normal que estean no Goberno e debemos aceptalo para non ser chamados irresponsables.

O Estado Español ilegalizou xornais e partidos, alguén sabe por que non se abriu algunha causa para investigar se o PP é unha organización con carácter delituoso e se procede a súa ilegalización? Algún motivo que non sexa a complicidade, evidentemente.

Pero tamén é evidente que o outro partido que sostén co seu abrazo o sistema político actual tamén é refén da súa historia recente, é lóxico que apareza manchado por casos de corrupción porque ten responsabilidades na creación e condución do sistema político que rebentou. Non, cando a sociedade busca un referente moral non mira tampouco cara ao PSOE.

O Reino de España é agora un recipiente de podremia. Pero a putrefacción non é o final, só é unha fase no ciclo da vida, da descomposición nacen novos seres vivos. Para aproveitar o desgaste de que acusaban os dous partidos que sostiveron o sistema político naceron seres como UPyD ou Ciutadans, pero o desgaste xa é unha fase acabada, estamos na podremia e desa descomposición nace e aliméntase Podemos. Cos novos casos de corrupción sistémica que afloran, coas sucesivas noticias de corruptelas crece Podemos semana a semana.

Cos novos casos de corrupción sistémica que afloran, coas sucesivas noticias de corruptelas crece Podemos semana a semana. As persoas que inchan coa súa intención de voto a ese novo partido non buscan aí unha nova política, o que buscan é un castigo

Quen sinalan perigos, limitacións ou astucias nese novo partido poida que acerten ou non, pero iso non serve de nada cando esas críticas serven para tentar apontoar os alicerces do réxime. As persoas que inchan coa súa intención de voto a ese novo partido non buscan aí unha nova política, o que buscan é un castigo, porque cren que o castigo é unha necesidade moral e desexan o momento de dar azoutes a torto e a dereito.

A enerxía que os move non é a esperanza, a ilusión ou a confianza nun novo proxecto, trátase aínda da fin dunha vella época. Trátase dunha desesperación que dá a medida da quebra moral dunha sociedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.